ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor
Foro La Región
Alfredo Conde (Allariz, 1945), é o protagonista do Foro La Región deste martes, ás 20,30 horas, no centro cultural Marcos Valcárcel, titulado “Respostas a preguntas nunca feitas: conversación con Alfredo Conde. O escritor alaricano estará presentado polo xerente da Fundación Casademiro, Julio Francisco Ogando, e participará no coloquio o exconselleiro de Cultura Xesús Vázquez.
Respostas a preguntas nunca feitas, este título é a alternativa a “En canto a Fraga”?
Si. No libro cóntanse cousas e danse explicacións que non se deron nun primeiro momento porque ninguén mas pediu. Fixéronse afirmacións que eran tóxicas e que non eran certas e, agora que son vello, decidín aclarar algunhas cousas aínda que ninguén me pediu estas explicacións.
Como definiría a súa relación con Fraga?
Era unha relación de mutuo respeto. El estivo dende o primeiro momento interesado en ter relación cos galeguistas, e nós prestámoslle a colaboración para facer posibles as medidas que el anunciaba, das que levou a cabo unha porcentaxe aceptable. Tamén quedaron outras propostas no tinteiro. É o caso da adminsitración única, a ampliación a 14 millas náuticas fóra de puntas das augas territoriais ou a reforma do senado. Estas medidas deberían ter o apoio non só dos galeguistas, senón de todos os grupos políticos, que lamentablemente non o fixeron.
Cre que na política de hoxe é posible unha relación coma aquela?
Dou por feito que si que ten que habelas. O que pasa é que é máis improbable que se externalicen estas relacións. Isto débese a que os partidos adquiriron, mediante a Constitución, demasiada forza. Os partidos están tan fortalecidos que convertemos o sistema nunha partidocracia, polo que é moito máis complicado que na nosa situación, forxada nun momento de fervor democrático.
No libro, diferenza o Fraga da I lexislatura e o das seguintes, decepcionouno ese Fraga de despois da moción de censura?
Paulatinamente si. De feito fixo que a relación se enfriara según foi pasando o tempo. Fraga foi decepcionante a partir de dous feitos: a morte da súa muller e a chegada de Aznar ao poder en Madrid. Estes dous feitos fan que as prioridades partidarias comecen a ter máis peso que as afectivas e políticas, deixando de ter a contundencia do pasado e deixando de exercer o seu espírito galeguista.
Cal é o seu principal legado?
O principal regalo está envenenado, a ninguén se lle escapa: a cidade da cultura. Ese é o legado que deixou para tratar de perpetuar o seu nome, e o certo é que este regalo o único que fixo foi denostar as arcas do país dende a súa creación. O que non deixou foi un corpo ideolóxico, xa que, coa sumisión a Aznar, opacouse o seu sentir galeguista.
Por que a sumisión a Aznar?
Cando eu lle fixen chegar o meu sentir sobre este tema, explicoume que, deste xeito, conseguía “unha carretera aquí, outra autoestrada alí…”. A isto reprocheille: “Pero vostede quere pasar á historia, non?”. Contestou que si, ao que repliquei que “á historia non se pasa inaugurando carreteras, pásase abrindo camiños. Castelao non inaugurou ningunha autoestrada e está na historia porque abriu camiños para o país”. O certo é que non lle gustou moito o que lle dixen.
Parécense nalgo Alberto Núñez Feijóo a Manuel Fraga?
Non son personalidades comparables. Os dous son, indubidablemente, grandes políticos, pero non teñen nada que ver un co outro. Ambos teñen unha gran capacidade política, pero Fraga non logrou a súa proxección internacional por casualidade.
O galeguismo. Tódolos políticos do país se considéran galeguistas, pero sono realmente?
Só por estatística, é imposible. Nin están todos os que son nin son todos os que están. O que creo que é certo é que o autonomismo en España deteriorouse, e non pouco. Hai 40 anos era impensable unha afirmación como “Madrid es España y España es Madrid” sen que houbera unha contestación social xigantesca. Coa morte de Casares, ao día seguinte tomou o seu cargo unha persoa que estaba nas antípodas do seu pensamento.
Entón, cambiou a forma de entender Galicia?
A situación non é equiparable. O exemplo é Galaxia, que era máis que unha editorial e aglutinaba aos culturalistas do país, que algo de razón debíamos de ter. Está claro que Galicia é unha nación cultural, non unha nación política, e ese legado cultural é o que se tiña que manter. A xente de Galaxia foi acusada de pactista, cando anos despois se fixo o mesmo. Que diferenza hai entre os catro galeguistas que fumos nas listas do PSOE como independentes e o pacto do BNG con Touriño? Ou co pacto de Beiras con Podemos?
E a nivel social?
Eu vivo en Bertamiráns, unha poboación na que se fala galego e os cativos falan galego. Pero, cando chegan aos institutos perden o idioma e adoptan o castelán. Que está a pasar? Pois que aquelas augas traen estes lodos. Comentábaselle ao inspector de ensino a situación do galego e a súa resposta era que “iso non se pode tocar, non se pode axitar á xente”. A situación non é parangonable con aquela.
Estase a apostar polo Xacobeo como elemento vertebrador de Galicia e tildándose de elemento galeguista. É galeguista o Xacobeo?
O conselleiro de Cultura dixo que o Camiño de Santiago ía vertebrar industrialmente Galicia, e quedou tan tranquilo. Indubidablemente é unha marca asociada a Galicia, e é certo que potencia a nosa presencia internacional e é bo para o país. O que pasa é que iso non pode ser o noso maior triunfo nin a nosa maior dedicación. Que pasa coa pesca? Coa agricultura? Coa gandeiría? Hoxe vivimos mellor, pero en que medida e a que prezo? Trescentos mil galegos, isto é, un de cada dez, vive en pobreza extrema, e temos que reflexionar sobre isto como país.
Por que cre que a marca PSdeG non chega aos galegos da mesma forma que a marca PPdeG?
Habería que facer unha tese doutoral para tratar de explicar isto, pero eu creo que se debe a que o PSdeG leva anos sen ter unha política galeguista propia. Por exemplo, Ceferino Díaz fixo unha oposición forte ao galeguismo a que se recoñecese a Galicia como a Cataluña e ao País Vasco, e creo que por iso non foi conselleiro a posteriori. Nunca deixou que o galeguismo lle fixese sombra. Ademais, eu estiven na sala contigua á reunión que mantiveron o PSG e o PSOE na que se lle propuxo a Beiras liderar as listas do PSOE nas primeiras eleccións autonómicas. A cambio pedíaselle que se lle cambiase o nome ao partido, pasando a ser PSG-PSOE, algo que Beiras rexeitou. Penso que a historia de Galicia sería outra se Beiras tivese aceptado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor
RESPUESTAS A LA SOCIEDAD CIVIL
Luis Menor: “Debemos ir cara a mancomunar servizos”
Lo último