Gonzalo Caballero: "É a hora da reactivación e de saír do furgón de cola"
Foro La Región
O secretario xeral do PSdeG e membro do comité federal e do Consello de Política Federal do PSOE é o protagonista do Foro La Región
É doutor en Economía pola Universidade de Vigo, onde é profesor titular de Economía Aplicada, e doutor en Ciencia Política pola USC. Profesor invitado na Washington University en St.Louis e na University of California, entre outras. Di que o novo curso ten que ser o da “reactivación económica e social”, onde Galicia “non pode quedar atrás”, e hoxe presenta no Foro La Región as “claves” nunha conferencia almorzo ás 13,15 horas na Carballeira de Santa Cruz. Será retransmitido en directo na web de La Región.
Que precisa Galicia?
O 2020 foi o ano da pandemia e o 2021 o da vacinación masiva. E este novo curso ten que ser o da reactivación e a modernización, porque avanzamos a unha nova realidade poscovid, nun entorno competitivo no que se a Xunta desaproveita as oportunidades dos fondos europeos e do acerto das políticas públicas estará cometendo unha falla coa cidadanía. Non nos podemos permitir o luxo de seguir rezagados.
Que papel debe xogar o PSdeG?
Os socialistas imos xogar un papel chave, plantexando unha batería de accións centradas nuha defensa férrea dos servizos públicos, nunha nova modernización da economía galega que aposte pola xeración de emprego e por poñer todas as institucións ao servizo das persoas. Non hai reactivación se non fortalecemos o estado do benestar, se non acertamos na modernización e a transición ecolóxica e dixital e non somos quen de conquerir que todos os niveis de goberno converxan no benestar dos galegos. Correspóndenos aos socialistas plantexar un novo proxecto de país para a pospandemia, cun claro compoñente galeguista, feminista, ecoloxista e progresista. Nesta nova década non podemos seguir estando no furgón de cola europeo, como asume o goberno conservador. Queremos converternos na enerxía renovable que impulse a locomotora do futuro de Galicia.
Fai os deberes a Xunta?
O goberno da Xunta carece de modelo, estratexia, ambición e medidas. Ten que deixar a política da inercia e de brazos caídos para apostar por un novo tempo de políticas activas no económico, no social, no cultural… Cada día hai un gran titular de márketing e unha gran louvanza sobre Feijóo, pero os galegos atopamos listas de espera en sanidade, recortes de profesorado, unha crise industrial sen atallar e un rural cada vez máis abandonado. A realidade diaria desmonta a parafernalia dos anuncios continuos do goberno conservador. Galicia merece algo mellor, unha Galicia emprendedora, de vangarda e dinámica fronte a unha dereita que xa non intenta facer os deberes e un nacionalismo galego que cando abraza o independentismo abre unha vía que nada trae de positivo para o noso país.
E o Goberno, que ten feito para esta reactivación?
A reactivación hai que facela con políticas expansivas, keynesianas e anticíclicas que apostan polo gasto público para xerar un círculo de investimento e emprego. Esa é a diferenza fundamental do que está ocorrendo nesta crise e cando a dereita gobernaba en España trala gran recesión do 2008. O Goberno mobiliza unha gran cantidade de fondos europeos e propios á disposición de autonomías e concellos. Desde Galicia temos que saber aproveitar a oportunidade.
Na Xunta din que o rural queda excluído…
Prometeron que a lexislatura pasada ía ser a do rural e o goberno de Feijóo apuñalou o rural de forma continua. Non teñen credibilidade. Teñen que facer os deberes. O Consello de Contas di que a Xunta non executa catro de cada dez euros de fondos europeos. É un desastre! A falla de compromiso co rural de Feijóo é algo que todos coñecemos, e un bo exemplo é a provincia de Ourense. Pero os alcaldes socialistas, como os de Carballiño, O Barco, Verín, Ribadavia, Xinzo, Barbadás, Entrimo e tantos outros son a garantía de defensa do rural fronte ao abandono da Xunta.
Por que non se detén o baleirado de encoros?
Foi gravísimo que Feijóo faltase á verdade. Dixo que non tiña coñecemento sobre o baleirado e 24 horas despois fixéronse públicas as comunicacións que hidroeléctricas e Confederación trasladaron á Xunta, amosando o seu problema de xestión e coñecemento da realidade. Cando Feijóo anunciou sancións evidenciou que non fixera nada en semanas. É un goberno superado pola realidade, como cando foi de vacacións sen pedir autorización xudicial para o certificado covid na hostalería. Galicia necesita un goberno que non deixe orfos aos galegos.
Está a cidade de Ourense lista para a reactivación?
Podo amosar con orgullo o que fan os alcaldes socialistas das cinco grandes cidades. Pero o único alcalde dunha cidade colocado polo PP é o de Ourense, que exemplifica o maior fracaso da política municipal de España. Sempre advertín ao PP do erro histórico que cometía con ese experimento nefasto. O PP perdeu toda a credibilidade cando abandonou un goberno dicindo que había corrupción e agora non ten ningún tipo de reparo en abrazarse a el. Eu sempre traballarei por Ourense, unha cidade chave para a reactivación de toda a provincia. Un goberno así acaba lastrando tamén as posibilidades da provincia de cara o futuro. Feijóo intenta ocultarse, pero Ourense merece algo mellor.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Oriente Próximo
Líbano e Israel acuerdan un alto el fuego
O SABER NON OCUPA LUGAR
Estudantes dos Blancos e Monterrei, unidos pola ciencia