José Luis Fernández Carnicero, no Foro La Región: “Os extremos anulan a crítica, o pensamento e a cultura”

FORO LA REGIÓN

“Todos os extremos anulan a nosa crítica, o pensamento e a cultura”. O “lume” que eclipsa á xente humilde e a pegada da lingua galega é a base da obra de José Luis Fernández Carnicero, que expuso no Foro La Región

De dereita a esquerda, Carnicero, Casares, Fernández e a filla do ponente.
De dereita a esquerda, Carnicero, Casares, Fernández e a filla do ponente.

O músico, escritor e profesor ourensán, José Luis Fernández Carnicero, visitou este xoves o Foro La Región para presentar o seu libro “Lumieiras esquecidas de Ourense”. Unha obra na que recompila todos os artigos que escribiu neste xornal durante as dúas últimas décadas.

Coa presenza da súa filla, encargada de dotar de imaxes o libro ilustrando cada un dos artigos do seu pai, Fernández Carnicero deu inicio a unha conversa na que afondou na orixe do seu libro, marcado pola pegada da lingua galega e a súa situación ao longo do tempo.

Precedida dun vídeo que deixaba entrever a liña de “Lumieiras esquecidas de Ourense”, o relatorio do que foi o último Foro La Región neste 2024, fixo mostra da emoción dun autor que leva xa doce obras ao seu lombo. As escenas de lume, que segundo José Luis, “ademais de quentar, ilumina”, foron as primeiras en dar unha pista sobre o obxectivo final do seu libro: a pretensión de que o traballo de moitas persoas que fixeron cousas positivas pola cidade de Ourense “non fique no esquecemento”. Pintores, escritores, poetas… Unha luz “que ás veces queda eclipsada” en base á humildade que o propio Fernández Carnicero recoñeceu non ter.

Pero a pesar de cualificar a humildade como unha das súas “materias pendentes”, o protagonista do Foro de este xoves fixo un chamamento a prol de todas as persoas humildes, que nas súas propias palabras “son as que máis traballan e as que máis fan. E como son os menos expostos, son os máis esquecidos”. A eles, como lectores últimos aos que o autor quixo chegar, é a quen dedica un libro que considera unha honra, e que nace da colaboración continua con La Región. Unha colaboración que pediu que fora cada 15 días “porque o que convén é manterse no tempo”.

Asistentes no último Foro La Región deste 2024.
Asistentes no último Foro La Región deste 2024.

A demanda dun cronista na cidade foi outro dos puntos principais da conversa, na que en varias ocasións mencionou que, existindo noutros lugares, era un sinsentido non contar con esta figura de referencia en Ourense.

E como outro apartado de relevancia, a “radicalidade”. A preocupación polos extremos, independentemente “da súa cor”. “A palabra radical soa bastante mal, pero a min preocúpame pouco”, asegurou José Luis seguido da xustificación que afirma que son eses mesmos extremos os que “anulan a crítica, o pensamento e a cultura”. Para el, “isto é o verdadeiramente perigoso”. Citou o autor a Carlos Casares, quen animou na última etapa da súa vida a fomentar o ensino da lingua portuguesa, “que salvará ao galego”. E posicionou a este último idioma como vítima dunha persecución. A mesma que fai que non se poida avanzar, a pesar de que “hoxe é unha marabilla que nos liceos se poida estudar portugués ou facer un Erasmus de Belas Artes na cidade de Porto”.

Fernández Carnicero sinalou tamén como parte da súa ponencia, a importancia daquelas xentes “que vendían textos da Biblia nas feiras ou nos mercados”. Nomes como os de Francisco Prieto, Celestino Puente, Perfecto Caride ou o do seu propio avó. Ou os dos escritores represaliados, “persoas que traballan en silencio como Luis Otero”.

E xa chegando á fin da súa intervención, falou José Luis da importancia da historia da filatelia. Unha historia que “ten que ser escrita por alguén que o vexa dende fóra”, posto que “os brazos afectivos de dentro levan a non ser obxectivos á hora de escribir”. Un obstáculo ao que, nos seus propios artigos, puido non facer fronte, e que o levaron a escribir todo o recollido agora nesas “Lumieiras esquecidas de Ourense”. As mesmas que teñen como obxectivo a revitalización dos valores da cidade baixo unha demanda clara: “Os valores revalorizámolos nós cando somos capaces de manter relacións humanas uns con outros”. E é a cultura a base fundamental -para José Luis- que “potencia os valores en nós”. Valores que podemos atopar hoxe na cidade, a pesar da premisa que se atopa en todos os recunchos de Ourense de “pechar todos os espazos culturais”.

Fernández Carnicero finalizou a súa ponencia recordando que entre as páxinas do seu libro os lectores poderán atopar moitas anécdotas. E o punto final veu da man dun agradecemento “á xenerosidade do xornal”, que aceptou que escribise á súa maneira, sen poñer impedimentos ou algún outro problema.

Contenido patrocinado

stats