Lois Oreiro: "Debemos esixir que a tecnoloxía se adapte a nós, non ao contrario"

Foro La Región

O xornalista e autor do libro “Os mundos de agora” é o protagonista do Foro La Región deste xoves

Publicado: 22 jul 2021 - 05:30 Actualizado: 22 jul 2021 - 22:37
EN DIRECTO | Lois Oreiro, protagonista del Foro 'La Región'

Lois Oreiro (Zas, 1966), xornalista da TVG e ensaísta, é o protagonista do Foro La Región de hoxe, ás 20,30 horas, no centro cultural Marcos Valcárcel. O título do foro, “Los robots no piensan ni aman, influyen”, reflexiona sobre como as tecnoloxías da comunicación e da información nos afectan a diario nas nosas relacións, relacionando esto co seu último libro de ensaio: “Os mundos de agora”, editado por Galaxia e no que fai unha análise profunda sobre a tecnoloxía e a orientación do pensamento a través dela, reducindo o ámbito da liberdade.

Como afectan as novas tecnoloxías ás nosas vidas?

Temos moito medo de quedar atrás no proceso dixitalizador. Hai marabillas tecnolóxicas que melloran moito a calidade de vida, pero tamén estamos comezando a asumir unha tecnoloxía altamente invasiva, especialmente no relacionado coa sanidade e coa tecnoloxía laboral. Os expertos din que, nun futuro, será necesario ter implantes para poder relacionarnos cos superordenadores. Pero xa na actualidade, o teléfono móbil é un instrumento que empregamos para todo, e xa existe tecnoloxía para manexalo coa mente. Por outra banda, estou moi agradecido a Galaxia de inaugurar con este ensaio unha colección, “Hoxe é hoxe”, na que poñen o foco nestes aspectos.

Cal é o perigo?

O problema é que existen unha serie de compañías que dominan a “economía da atención”, e ninguén cuestiona este tipo de “avances”. Debemos cuestionar estes temas; e o máis preocupante disto é que son as propias tecnolóxicas as que piden un gran pacto neste eido, por medo do descontrol que se podería xerar.

Que é o que máis nos diferencia dunha máquina?

Debemos seguir sendo quen somos e sendo responsables de nós mesmos. A capacidade de crear o que nunca foi creado, de imaxinar o que nunca foi imaxinado, iso é algo ao que ningunha máquina pode aspirar, porque aprenden da experiencia, debemos seguir cultivándoa porque é o que máis nos diferencia das máquinas. Amar e pensar nunca van ser o terreo dunha máquina, pero temos que ter coidado, porque poderíamos ser nós os que renunciemos a facelo polos estímulos dixitais.

É unha forma de control?

Este tipo de tecnoloxía infúe a nivel prerreflexivo e crea necesidades, dicíndoche que é o que queres facer. Imaxinemos o que pasaría se levásemos iso implantado no corpo. Ao igual que non se permitiu introducir tecnoloxía que non fose europea na rede 5G por temas de espionaxe, deberíanos preguntarnos que supón para nós -como individuos e sociedade- poñernos accesorios tecnolóxicos no corpo.

Pódese vivir fóra deste control?

Costa separarse desta tecnoloxía, hai unha morea de técnicas psicolóxicas para atraer a nosa atención e que non fagamos o que tiñamos previsto para estar un minuto máis co móbil. Temos que esixir que a tecnoloxía se adapte a nós, non temos que ser nós os que nos adaptemos á tecnoloxía.

Contenido patrocinado

stats