JORNADA REPROGRAMADA
El Foro con Miguel Ángel Aguilar pasa al miércoles 11
Miguel Anxo Bastos Boubeta é un dos máximos representantes do anarcocapitalismo en España. Este economista, politólogo e profesor da USC será o protagonista do Foro La Región, onde debullará os puntos que afastan a España de ser unha das democracias máis liberais do mundo.
Que é o que nos afasta dunha democracia realmente liberal?
Hai que partir da base de que a democracia liberal é un ideal, non hai ningún sitio no que esta sexa plena. Algúns dos principais factores que nos afastan: moito intervencionismo económico, a división de poderes, a falta de transparencia… Este debate nace a conto dun índice das principais democracias liberais publicado por The Economist, no que España caeu de posición, principalmente pola falta de acordo para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Cales son os países que máis arriba están nesa lista?
Os países nórdicos, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, os típicos que coñecemos todos. Nós estabamos nese grupo de democracias consolidadas e liberais, á altura de Reino Unido ou Francia, antes de caer no indicador.
Que vantaxes ten ser unha democracia liberal?
Tamén hai moitos grados de democracia. Hai democracias imperfectas ou iliberais: Rusia, por exemplo, onde hai eleccións pero non é liberal. A democracia vai máis alá da elección por votación, senón que tamén precisa de que se garantan unha serie de liberdades.
Polo tanto, é unha forma de organización da sociedade.
Exacto, unha forma de vida na que é preciso respectar aos outros, aínda que non sexan maioritarios.
Dese xeito, esas democracias deben basearse na propiedade privada?
Creo que é un dos factores principais. É moi difícil establecer un sistema libre sen que haxa un respecto á propiedade privada.
Para ese modelo liberal a nivel económico, é a democracia o mellor modelo político?
Tende a selo. Cun sistema no que se respecte a propiedade privada é moi difícil o despotismo. Toda agresión implica un ataque a esa propiedade. Ademais, esa propiedade sempre precisa dalgunha base material, por exemplo, para expresarte precisas dunha radio, unha imprenta, un ordenador… algo físico.
Se Rusia fose unha democracia liberal, podería evitarse a guerra?
Na miña opinión non. Non é certo que unha democracia sexa máis pacífica que outro sistema político, ou polo menos non está demostrado. Por exemplo, Estados Unidos é unha democracia moi avanzada e son moi agresivos. O que si hai é respecto cara outras democracias, pero non cos demais que non o son.
A democracia é o mellor modelo para o desenvolvemento dun estado?
Depende. Non é sinxelo de explicar, xa que a democracia require dun desenvolvemento social previo. Os teóricos da democracia din que fai falla certo nivel de renda, de desenvolvemento social e cultural, que haxa paz, que non haxa moitas tribus enfrontadas no territorio… A creación dunha democracia é moi complicada. Isto non se trata de chegar a Sudán e facelo democrático, iso non funcionaría. Un exemplo é cando se instaurou o réxime de comercio de Suíza en Turquía e non se fixeron suízos.
Trátase dun modelo de asimilación?
Si, os Estados copian os modelos que funcionan noutros.
A desigualdade social é a principal crítica ao liberalismo, como se combate iso?
Habería que discutir se é certo que aumente a desigualdade. Pero, de todos xeitos, o que o liberalismo debate é que a liberdade debe ser o centro da sociedade e non a igualdade. O que isto implica é que ao tomar decisións libres, por razóns obvias vai haber desigualdades entre os individuos. Ese é o debate, liberdade ou igualdade. Ademais, o que importa non é a igualdade, é como está o máis pobre, porque o máis pobre dun lugar desigual pode vivir mellor ca todo un estado igualitario.
A crise do transporte. Debería intervir o Estado ou debería o mercado autorregularse?
É que isto ven derivado das intervencións para impoñer un modelo. Os gobernos queren facer un modelo, lexítimo, no que interveñen no mercado e subvencionan unha serie de enerxías verdes. Sen entrar a discutir a súa lexitimidade, foi o Estado o que puxo todas as enerxías ao prezo da máis cara para incentivar as renovables. Agora o que toca é asumir as consecuencias desa intervención.
É o mercado o mellor invento do ser humano?
Un deles, aínda que non é un invento porque nadie o creou, coma a linguaxe. É unha das formas de relación máis sofisticada. É máis, o mercado non existe, só facemos intercambios, pero vanse creando unha serie de inventos como o diñeiro, que cambia completamente o paradigma do traballo e do comercio, porque permite comerciar con todo o mundo. Despois apareceron a banca, os seguros, as bolsas, as cámaras de compensación… é moi complexo e en continua mellora.
As crises son unha parte dese proceso de mellora?
Si, porque é perfectamente capaz de adaptarse a elas.
Como se destrúe un mercado?
O núcleo do mercado é o diñeiro. Xa dicían os marxistas que se queres atacar o capitalismo ataca o diñeiro, porque é o que o fai funcionar. A desaparición do valor de cálculo faría imposible o capitalismo.
É o mesmo capitalismo que liberalismo?
O liberalismo só implica libre cambio, mentres que o capitalismo é outra forma de vida. O capitalismo implica un aforro que despois é invertido de forma productiva, isto é, unha austeridade para a reinversión.
Sempre partindo da propiedade privada, en contraposición do comunismo.
Pode haber certo capitalismo dentro do comunismo, se aforra e reinvirte, creando sistemas de capitalización, aínda que estea mal orientado porque non sabe que nin como producir, influído principalmente pola falta de prezos, xa que só hai un vendedor e un comprador.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
JORNADA REPROGRAMADA
El Foro con Miguel Ángel Aguilar pasa al miércoles 11
CC MARCOS VALCÁRCEL
El Foro La Región revive la historia del último maqui con Juan Carlos Alonso
Lo último