As axudas para concellos cubren todo o proceso de posta en marcha

COMUNIDADES ENERXÉTICAS

O INEGA ven de activar liñas de axudas para contratar a asistencia necesaria para estes proxectos

Publicado: 26 dic 2024 - 08:10 Actualizado: 26 dic 2024 - 08:28

Placas solares pertencentes a un proxecto de autoconsumo enerxético.
Placas solares pertencentes a un proxecto de autoconsumo enerxético.

As liñas de axudas actualmente activas teñen por obxectivo financiar e acompañar aos concellos en todo o proceso de constitución e posta en marcha das comunidades enerxéticas, dende os estudios previos para determinar se é viable activar este mecanismo ata os estudos de que tipo de equipos deben instalarse para cubrir as necesidades da poboación detectadas.

Dentro dos programas postos en marcha polo INEGA, consíderanse proxectos subvencionables as seguintes tipoloxías: a liña de planificación enerxética de concellos e a planificación enerxética de comunidades enerxéticas.

Liñas

No primeiro caso, a liña de planificación enerxética de concellos, a Xunta cubre a contratación dos servizos xurídicos ou técnicos precisos para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais. Como resultado debe obterse un Estudo Estratéxico para a subministración enerxética da entidade local no que se contemple a promoción do aforro enerxético e a publicación no perfil do órgano de contratación, cando legalmente proceda, dun proceso de contratación centralizada de subministración enerxética, que aglutine cando menos aos concellos agrupados na solicitude ou representados pola entidade local.

No segundo caso, a planificación enerxética de comunidades enerxéticas, cúbrese a contratación dos servizos de asistencia técnica ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da Comunidade Enerxética a partires da súa constitución.

Co obxecto de contribuír a sostibilidade da comunidade enerxética está deberá dispor dun estudo de viabilidade económica na que se avalíen cando menos os investimentos a realizar, a financiación destes, os costes operativos e os ingresos previstos nun horizonte temporal mínimo de 10 anos. Serán subvencionables os custos do estudo de viabilidade económica e tamén os custos de actuacións de difusión para a captación de socios. Como resultado debe obterse os estatutos e acta de constitución da CE, un anteproxecto das infraestruturas enerxéticas previstas, un estudo de viabilidade económica da Comunidade Enerxética, e, cando proceda, unha memoria descritiva das actuacións de difusión.

Para estas dúas diferentes liñas de axuda, poden beneficiarse diferentes entidades. Así, para a planificación enerxética de concellos, poden iniciar os trámites as entidades que integran a Administración local ou as agrupacións das entidades anteriores en base a un acordo marco no que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única a efectos de notificación. No caso da planificación enerxética de comunidades enerxéticas, poden solicitala comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia e sen prexuízo de que podan presentar solicitudes de axuda previas a constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nas bases.

Ata 15.000 euros para abaratar a factura

A contía da axuda determínase do seguinte xeito en función da liña. Para a planificación enerxética a concellos a intensidade de axuda dependerá do número de concellos que aporten subministracións enerxéticas ao contrato centralizado. No caso de concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, incrementarase a intensidade de axuda un 20 %. Incrementarase un 10 % adicional a concellos fusionados ou concellos emprendedores. No caso de entidades locais que non sexan concellos, a intensidade de axuda se calculará en función dos concellos aos que represente. Establécese unha axuda máxima de 15.000 por concello. No caso de acordo marco entre varios concellos a axuda máxima aplicarase individualmente a cada concello da agrupación. No caso de entidades locais que representen a varios concellos aplicarase unha axuda máxima de 15.000 € por cada concello que represente a entidade local e que aporte subministracións enerxéticas da súa titularidade ao contrato centralizado cun máximo de 150.000 € por expediente.

Para a planificación enerxética de comunidades enerxéticas, a intensidade da axuda será do 80 % do custe elixible da actuación, cunha axuda máxima de 15.000 por comunidade enerxética. O prazo de presentación das solicitudes comezará ao largo do mes de xaneiro e as actuacións poden executarse dende o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2025.

Entre os obxectivos da presente convocatoria de axudas cabe destacar diminuír o consumo de enerxía, reducir a factura de enerxía dos concellos e comunidades enerxéticas, promocionar o asociacionismo e utilizar a enerxía como panca para impulsar a economía.

Contenido patrocinado

stats