Cambados nomea ós novos embaixadores do albariño

María Jesús Lorenzana e a actriz María Mera serán hoxe Damas do Albariño

Un grupo de amigos gozando da Festa do Albariño, no Paseo da Calzada.
Un grupo de amigos gozando da Festa do Albariño, no Paseo da Calzada. | D.P.

A LXXIII Festa do Albariño de Cambados pecha hoxe cinco días de celebración e exaltación do viño da D.O. Rías Baixas cos nomeamentos dos novos Cabaleiros e Donas do Capítulo Serenísimo. As distincións suporán para estes ‘embaixadores’ a defensa e promoción do que para moitos é “o mellor viño branco do mundo”.

Nesta edición, as Donas do Albariño serán a conselleira de Economía e Industria, María José Lorenzana, a actriz e presentadora, María Mera, e María José García-Pelayo Jurado, alcaldesa de Jerez de la Frontera e presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Os novos Cabaleiros do Albariño serán o presidente da Federación Española do Viño e de Bodegas Vionta, Pedro Ferrer, e Celestino Pintos, bodeguero e viticultor cambadés.

A Orde tamén fará as distincións de Albariñenses de Honra ao presidente da Federación de Industria e Comercio de China en España, Chen Shengli, e a Juan Sagredo, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Outra das distincións serán as Follas de Prata, que recoñecen o compromiso e a colaboración coa Festa do Albariño de diversas persoas e entidades. Entre elas, figuran o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde de Vilacarrillo (Jaén) e fiel defensor da festa cambadesa, Francisco Miralles; o deputado provincial, Javier Tourís; o Mestre da cofradía Vinhos do Douro, Justine Teixeira; e o presidente da Asociación Colón Gallego Celso García de la Riega; xunto a Miguel Ángel Fuente, fundador e presidente honorífico dos Cabaleiros do Sabadiego de Noreña; e Dilma Laranja, presidenta da Real Cofradía da Vila de Comite en Vila do Conde.

O acto de investidura será ás 13.30 horas no Pazo de Fefiñáns, pero previamente comezará o desfile do medio centenar de cofradías gastronómicas que participan nesta edición procedentes de toda España e Portugal. No mesmo lugar, producirase un hermanamento do viño albariño cos de Jerez de la Frontera, símbolo da tradición andaluza, e coa Confraría da Caldeirada de Peixe e do Camarão de Espinho.

A festa continuará durante todo o día coas 42 casetas de 44 adegas no Paseo da Calzada, e con música ata a noite, cando un espectáculo piroténico no Paseo Marítimo de Cambados porá o broche de ouro a unha edición que prevé un peche multitudinario.

En canto a calidade dos viños, o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas calificou de “excelente” a colleita do 2024, unha valoración que apoiaron os catadores do concurso desenvolvido no Parador de Cambados ao longo da festa. Os viños gañadores daranse a coñecer durante a comida oficial e foron seleccionados entre 52 propostas.

Contenido patrocinado

stats