DÚAS DÉCADAS
A ciberseguridade centra Galiciencia
DÚAS DÉCADAS
Galiciencia, a maior feira científica da comunidade autónoma, está promovida desde 2006 polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, unha sociedade participada pola Xunta de Galicia. O evento diríxese ao alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato; coa fin de favorecer o talento innovador e emprendedor entre a mocidade e desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.
Actualmente está aberto o prazo para que os centros educativos se inscriban e os equipos presenten os seus proxectos; algo que poderán facer ata o 16 de marzo a través da páxina web www.galiciencia.com.
Os días 13, 14 e 15 de maio será cando teña lugar Galiciencia, cunha edición que versará sobre a “Ciberseguridade”, en liña co futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está a construír en Tecnópole. Trátase dun tema moi sensible que afecta non só ás empresas, senón ao conxunto da cidadanía, posto que, co avance das novas tecnoloxías, o global da sociedade está cada vez máis exposta a ataques maliciosos a través dos dispositivos tecnolóxicos e dixitais.
Cada centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP pode presentar ata dous proxectos, dos que se seleccionarán un total de 50 para asistir ó evento de Tecnópole e que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. A participación tamén está aberta de xeito online e, neste caso, non hai límite de proxectos.
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para participar en Exporecerca, a maior feira científica a nivel estatal, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 euros e poderán asistir a Zientzia Azoka, o certame de ciencia que ten lugar en Bilbao. Pola súa banda, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 euros para a compra de material científico ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Do mesmo xeito, Galiciencia premiará a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática “Ciberseguridade”, así como o mellor proxecto liderado por unha nena ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP e galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña. Ademais do concurso de proxectos, como en cada edición, a cita compleméntase con múltiples actividades como talleres científicos, espectáculos de ciencia, concursos diversos e ata un programa de radio.
Paralelamente, no marco de Galiciencia xa está en marcha o desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”, no que pode participar alumnado de 10 a 18 anos. Neste caso, trátase de que os máis novos aprendan a facer un uso responsable, ético e seguro das novas tecnoloxías. Poderán adentrarse nesta aventura pequenos grupos de dous ou tres integrantes, a ser posible mixtos. O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial. Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses. O prazo de inscrición no primeiro reto rematou o 20 de febreiro. A fase final terá lugar durante a celebración de Galiciencia. Este ano Tecnópole achegará unha axuda de 100 euros para gastos de transporte aos equipos que se clasifiquen para esta derradeira fase. Poderán beneficiarse da mesma os centros educativos que non sexan de Ourense capital nin dos concellos limítrofes.
Galiciencia botaba a andar en 2006 como unha iniciativa pioneira en Galicia e logrou consolidarse como unha cita de referencia para a mocidade, amosando o talento que se agocha nos centros educativos. Ao longo destas dúas décadas pasaron polo certame preto de 50.000 visitantes, presentáronse máis de 1.300 proxectos e en cada edición cóntase coa participación duns 40 centros de toda Galicia e doutras comunidades.
A feira forma parte do proxecto “Tecnópole Divulga”, que inclúe o conxunto de iniciativas que o parque desenvolve para promover as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras: Aulas Tecnópole, para rapazada de Secundaria e Bacharelato; o campamento tecnolóxico de verán T2W; a iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en feminino, destinada a incrementar a presenza de rapazas en carreiras científicas; e a Aula Newton Galicia, dedicada á aprendizaxe de materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) de xeito práctico e innovador.
Concurso para deseñar a camiseta
O alumnado de Educación Primaria de Galicia pode participar no concurso para deseñar a camiseta oficial de Galiciencia 2026. O prazo para presentar as propostas, que deberán centrarse na temática desta edición, a ciberseguridade, remata o 16 de marzo.
Para visitar a feira
Os centros interesados en visitar a feira teñen de prazo tamén ata o 16 de marzo para facer a súa reserva no formulario de inscripción habilitado na páxina web galiciencia.com. Haberá un límite de 50 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 25. Tecnópole xestionará e custeará o transporte.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DÚAS DÉCADAS
A ciberseguridade centra Galiciencia
CONTABILIDAD TRIMESTRAL
La economía gallega creció un 2,6%, más de lo esperado
San Salvador de Budiño
Muere al caerle encima un árbol que estaba talando en O Porriño
Lo último