LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Ana Pontón: “Co espírito de ‘Verín non se pecha' pode haber presidenta"

Entrevista

Ana Pontón afronta a súa segunda campaña como candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia

Ana Pontón, nun momento da entrevista, afronta a súa segunda campaña como candidata do BNG á Xunta de Galicia. (FOTO: VICENTE PERNÍA)
Ana Pontón, nun momento da entrevista, afronta a súa segunda campaña como candidata do BNG á Xunta de Galicia. (FOTO: VICENTE PERNÍA)

Ana Pontón afronta a súa segunda campaña como candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia. Hai catro anos prognosticábase case a desaparición se non acadaba representación no Parlamento e agora a enquisa do CIS ven de dicir que lle disputa ao PSOE ser a segunda forza máis votada.

Que pasou neste tempo para que mudaran tanto as cousas?

Pasou que a sociedade galega viu a un BNG que é unha organización na que pode confiar, que ten ideas e un proxecto político adaptado aos tempos e que se renovaba sen perder a súa identidade. Creo que nestes momentos hai unha maioría social que quere un cambio galego, que sabe que este país o que necesita é unha forza que defenda os nosos intereses e que nos fagamos valer. Están apostando con decisión pola única forza política que garantiza que o vindeiro 12 de xullo poidamos ter un cambio en Galiza. Con todo, tamén diría que hai que ser moi precavidos porque as enquisas non deixan de ser unha foto fixa dun momento. Eu estou convencida de que pode haber un cambio. Se o espírito de rebeldía que vimos en "Verín non se pecha" se manten, o 12 de xullo haberá cambio e Galiza terá presidenta.

En que cambiou Ana Pontón nestes catro anos, ademáis da maternidade?

Bueno, teño algunha engurra máis, pero diría que non cambiei, maís ben o que fixen foi aprender moito. Aprendín da xente e tamén do bo facer dos gobernos muncipais do BNG, que son un exemplo da capacidade de transformación do nacionalismo. Hoxe presentámonos con máis solidez ante a sociedade galega, que tamén tivo a oportunidade de coñecernos mellor e saben que se é posible un cambio é grazas a un partido que coñece este país, que leva moitos anos pelexando polo noso dereito a producir, para que se acabe co noso espolio enerxético, por unhas infraestruturas dignas, por darlle futuro ao medio rural. É o momento de que pasemos da defensa desas ideas no Parlamento a levalas á práctica dende o goberno porque se o cambio era necesario antes do covid-19, hoxe é máis necesario que nunca porque este país ten que acabar coa privatización e cos recortes da sanidade, ten que defender un ensino público e ademáis un novo modelo produtivo. Galiza ten capacidade e potencialidade para poder saír adiante, pero non será cun Goberno como o de Feijóo que nos está levando ao abismo. Ourense pode ser un exemplo paradigmático de como as políticas de sumisión a Madrid e as do PP levan á desaparición porque aquí cada vez queda menos xente, a poboación é máis envellecida e ten menos servizos públicos. Ese non pode ser o modelo do futuro. O modelo do futuro pasa por recuperar a capacidade produtiva, apostar pola innovación, coidar o medio ambiente e poñer o patrimonio do país ao servizo do desenvolvemento económico. E iso pode facerse con confianza en Galiza e quen confía neste país é o BNG porque os demáis están sempre mirando cara Madrid ou obedecendo órdenes de Madrid. Galiza necesita un goberno coas mans libres para poder defender os nosos intereses.

“Eu espero que o BNG evite calquera tipo de complexo e se lance a gañar porque pode facelo sen ningunha dúbida". É unha reflexión recente de Anxo Quintana, portavoz do BNG e vicepresidente do Goberno bipartito, pero hai que seducir a milleiros de persoas que non sendo igual nacionalistas queren a Galicia. Cre que é posible?

Non é que sexa posible, é o que estamos facendo. Eu como candidata do BNG preséntome para ser a presidenta desde país e ademáis creo que estamos nun momento no que podemos facer historia, podemos facer que por primeira vez Galiza teña unha presidenta e unha presidenta do BNG. É o cambio que necesita este país porque necesitamos mirar polo noso e facernos valer. Facernos valer significa defender que temos dereito a producir, que hai que desenvolver un sistema agrogandeiro que ten que dar un salto tamén na transformación dos alimentos, que temos que cambiar un modelo forestal ao servizo dunha determinada empresa por un modelo que aposte por poñer a producir todo ese potencial. Creo que os galegos e galegas que nos votan nos concellos ven que os gobernos do BNG funcionan.

__2020061_ponton_01_resultado
__2020061_ponton_01_resultado

Por exemplo?

Temos un exemplo magnífico en Allariz, pero estámolo demostrando tamén noutros concellos da provincia de Ourense como pode ser Verín ou onde tivemos responsabilidade de goberno. Demostramos que somos realmente quen está sacando adiante ideas novedosas e hai que trasladalas ao Goberno da Xunta. O que non podemos seguir é cun país no que o seu Goberno funciona como un motor parado. Necesitamos reactivar Galiza e o BNG ten un proxecto de futuro que ofrecerlle aos galegos, apostando pola confiaza en nós mesmos, por modernizar a nosa economía e por enfrentar tamén os retos que nos deixa o covid-19 sen esquecer que aquí hai un Goberno que durante once anos demostrou que non ten proxecto para este país, porque ademáis de desmantelar a sanidade pública, que fixo Feijóo?

Fala de vilas e cidades gobernadas polo BNG que incluso son referencia mundial como no caso de Pontevedra, pero por que non foron capaces de trasladar esa xestión municipal ás eleccións tanto autonómicas como xerais?

Nestes últimos anos demostramos que o BNG é unha forza que suma cada vez máis apoios, que está subindo e nas pasadas eleccións xerais conseguimos un escano que demostrou que se pode poñer a Galiza no centro do debate do Estado. Nós entendemos que este 12 de xullo é posible que se produza ese cambio galego en clave de país, presentámonos dende logo coa máxima ambición para poder liderar Galiza e estou convencida de que o cambio é posible. Os veciños e veciñas de Verín abríronnos o camiño de que hai que rebelarse contra tanta incompetencia e contra tantas políticas contrarias aos nosos intereses. Con esa rebeldía e con ese inconformismo temos que ir ás urnas para abrir un tempo novo que nos permita mirar con esperanza o futuro.

Na situación actual non semella doado.

É certo que imos cara unha situación moi complexa, temos unha crise económica e sanitaria e está claro que os que privatizaron a sanidade e os que quixeron pechar o paritorio de Verín non van a ser os que fagan unha sanidade máis forte. Os que estiveron desmantelando as nosas caixas e a nosa industria non poden ser os que recostrúan un país que ademáis necesita novas ideas porque non se trata de reconstruír só o que hai, e que Galiza necesita novas ideas. Eu teño moi claro que hai que camiñar cara un país no que a innovación sexa un puntal e a igualdade dos homes e mulleres outro. Amosaremos con orgullo ao mundo que temos unha lingua que abre un mercado impresionante e podemos facer un eixo de desenvolvemento co norte de Portugal... Hai tanto que facer que o que me doe e que o país está perdendo oportunidades como nos pasou nos últimos anos co Goberno do PP.

“O BNG non lle vai fallar á xente que vote por cambio"

Insiste en que Galicia necesita unha presidenta para un cambio histórico, será entón Gonzalo Caballero, candidato do PSdeG-PSOE, conselleiro de Economía? Desculpe a brincadeira, que tal se leva con el?

Eu teño unha relación moi cordial, representamos proxectos políticos moi distintos pero podo dicir, aínda que falar dunha mesma non queda moi ben, que son unha persoa dialogante e con moita capacidade de entendemento. Teño moi claro e que se o próximo 12 de xullo os galegos e as galegas apostan por un cambio, o BNG non lle vai fallar a esa xente. Pero tamén sei que para que ese cambio sexa real e resitúe a Galiza, o BNG ten que liderar ese goberno porque temos que acabar con tanto seguidismo madrileño, temos que romper con ese centralismo dos partidos estatais que pensan que o mundo empeza e acaba en Madrid e ao final vemos que comparten a discriminación con Galiza. Ou está o BNG para poñer os problemas do noso país sobre a mesa ou se esquecen sempre de nós.

2020061_ponton_06_resultado
2020061_ponton_06_resultado

No caso de que Feijóo non acade maioría absoluta e o PSOE teña máis votos que o BNG, sería menos cambio?

Creo que neste momento o que temos que ofrecerlle aos cidadáns son diferentes alternativas. Eu non me presento contra ningún partido, preséntome para gañarlle a batalla a Feijóo e creo que ademáis o 12 de xullo temos unha dobre oportunidade: podemos abrir un tempo novo neste país, que entre aire fresco e que se osixene tamén a política galega, porque nestes anos de maorías abolutas convertéronse en maiorías absolutistas e inútiles, pero ademáis podemos amargarlle a noite electoral tanto Feijóo como a Baltar. Estou convencida de que é posible.

Para amargarlle a noite ten que haber logo un goberno bipartito ou tripartito. Cre que neste tempo tiveron certo complexo coa xestión que fixo o bipartito?

Non creo que teñamos ningún complexo, sempre defendín que o nacionalismo dentro dese Goberno demostrou a capacidade de transformación con cambios estruturais moi potentes postos en marcha, pero un tampouco pode quedar no pasado e temos que ofrecerlle un proxecto de futuro a este país, que desde logo é o que nós estamos explicando.

Sae Feijóo favorecido ou prexudicado da xestión da crise sanitaria?

Da xestión do covid-19 quen sae prexudicado é Galicia porque vivíu unha pandemia que tivo un impacto moi forte. Cando morren máis de 600 persoas no país é unha perda irreparable con puntos que é necesario aclarar, como todo o que tivo que ver coa xestión das residencias. Houbo deficiencias como o que pasou en Celanova, onde as traballadoras estaban soas pedindo un SOS e a Xunta tardou catro ou cinco días en acudir. E quen sae debilitada tamén é a maioría social. Non saímos da crise do 2008 e agora temos a do covid. A min preocúpame moito o futuro da mocidade, que semella que está vivindo unha crise perpetua e temos a obriga de rescatar o país para evitar que sexan os de sempre oa que a paguen. E creo que tamén perdeu a democracia. Digo isto porque para min hai un feito que é gravísimo. Durante unha pandemia temos que poñer por diante a vida da xente e no BNG aparcamos a campaña e aparcamos as diferenzas para poñernos a traballar por lealdade a Galiza para o que necesite o Goberno da Xunta. Sen embargo, o que observei foi que o candidato do PP utilizou a pandemia para facer unha campaña encuberta na TVG, facendo un uso deshonesto e obsceno dunha TVG que pagamos todos e que nos custa 100 millóns de euros. Creo que é ética e moralmente reprobable e agardo que teña unha resposta democrática contundente.

2020061_ponton_05_resultado
2020061_ponton_05_resultado

Se Feijóo non sae tan ben da pandemia, por que pensaban que non era convinte facer as eleccións en xullo cando en teoría ten razón ao dicir que Galicia non pode seguir sen Parlamento ou cun Goberno en funcións?

Non vou a entrar moito nese debate porque é pasado. Para nós non tiña que ver co cálculo electoral, senón de oportunidade polo momento que vive o país, pero agora hai unhas eleccións e nós saímos a gañar este partido para que por primeira vez teñamos a unha muller presidenta e do BNG porque vai significar un cambio transformador para saír adiante da crise do covid-19.

Na presentación da candidatura en Ourense, Noa Presas, a cabeza de lista, dixo que pode ser a provincia clave para que Feijóo perda a maioría absoluta. Que lle propón o BNG a Ourense?

Propoñemos primeiro acabar co abandono porque é certo que nestes anos Ourense non tivo ningún proxecto. Aquí hai un enorme potencial vitivinícola, agrogandeiro, cultural, tamén termal... A Xunta ten que funcionar como motor para estimular ese impulso que necesita a cidade e o conxunto da provincia. Ao mesmo tempo, sabemos que é necesario fortalecer os servizos públicos, ten que haber unha discriminación positiva para esas zonas, non se pode estar pechando escolas, quitándolle pediatras á xente e estar reducindo os servizos públicos. Hai que facer unha aposta para dotar de servizos públicos para a xente que vive no rural porque tamén vimos nesta crise do covid-19 a importancia que ten ser produtores de alimentos.

Xunta e Goberno central bótanse a culpa polo peche de Alcoa. A quen prexudica máis o posible peche da planta na Mariña de cara á campaña?

Eu creo que a Galiza é dos traballadores. É de órdago que nunha situación tan grave o que fan o PP e o PSOE é 'pimpampum', solucións cero. A solución é moi clara: este país necesita que se poña sobre a mesa a intervención pública para a nacionalización de Alcoa e que ao lado desa proposta estea a dunha tarifa eléctrica galega porque temos dereito a que a riqueza que hai en Galiza se utilice para garantir emprego e o desenvolvemento no noso país.

2020061_ponton_10_resultado
2020061_ponton_10_resultado

Ten reunións con empresarios, que lle din cando fala de nacionalizar Alcoa?

Pois o que vexo e que ven que é a única solución viable que hai hoxe na mesa. E tamén percibo que hai respecto polas propostas do BNG xa que moita xente as ve con simpatía porque a defensa dunha tarifa eléctrica galega é algo que interesa á cidadanía tanto para evitar a pobreza enerxética como para incentivar o desenvolvemento industrial de Galiza.

Contenido patrocinado

stats