A costa ficará unida por un camiño de 1.300 quilómetros
CAMIÑO DO LITORAL
O labor de deseño e sinalización da ruta do litoral supón un investimento de 200.000 euros
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións da antiga sede de Conservera Gallega -fundada pola familia Lafuente en Poio- onde salientou a aposta do Executivo galego por poñer en valor o litoral da comunidade e o rico patrimonio co que conta. Con ese obxectivo, destacou, a Xunta de Galicia investirá en 2026 arredor de 2 millóns de euros en habilitar o Camiño do litoral, unha senda que unirá a Galicia costeira de norte a sur na que a cidadanía poida coñecer a fondo a súa riqueza cultural, arquitectónica ou turística.
Esta visita enmárcase no retiro anual do Goberno galego que, nesta ocasión, se celebra no concello pontevedrés de Meis. Durante a súa visita, a conselleira subliñou que, tras asumir este ano a xestión plena do litoral, o próximo exercicio vai ser o do enaltecemento e difusión dos seus valores con accións como a creación desta senda que unirá Galicia desde Ribadeo ata A Guarda, a pé, e de Ribadeo ata Tui, en bicicleta.
Vázquez avanzou que o compromiso da Xunta é claro coa protección e posta en valor da costa, así como co seu desenvolvemento económico e social, ao que contribuirá este Camiño do litoral, que será o resultado da unión de tramos xa existentes con outros que servirán de conexión co fin de darlle continuidade e estendelos a toda a franxa costeira. Trátase dunha senda que contará con 52 etapas e 1.300 quilómetros e que se converterá na antesala doutras actuacións que está a preparar o Executivo galego de cara ao vindeiro ano Xacobeo (2027).
O fin último é conectar aínda máis o litoral co conxunto da cidadanía galega, para o que se está a deseñar unha guía para a sinalización deste camiño e o procedemento para contratar os diferentes traballos para colocala sobre o terreo, unha acción que conta cun orzamento de 200.000 euros. A maiores, en arredor do 20% da senda é preciso realizar distintas actuacións para o seu acondicionamento -limpezas ou rozas, e outras de maior calado para unir tramos- que comezarán o próximo ano e contarán cun orzamento de arredor de 1,7 millóns de euros. A súa execución realizarase de maneira que interfiran o mínimo posible nas diferentes etapas.
Este camiño, explicou Vázquez, pretende ser un camiño vivo que permita desfrutar, a pé ou en bicicleta, da costa galega, coñecer a comunidade a carón do mar e os tesouros que agocha. Precisamente, con ese mesmo obxectivo de poñer en valor a riqueza natural, cultural, etnográfica ou arquitectónica que se poderá atopar en cada etapa, a Xunta vai unificar nunha aplicación toda a información dispoñible e poñela a disposición do conxunto da cidadanía.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Guerra en ucrania
Ucrania ataca dos petroleros de la flota fantasma rusa en el mar Negro
protagonistas
Ramón Santamarina, de Ourense a La Pampa argentina