Descontos e acceso a servizos de lecer para os maiores galegos co Carné +65

850 ESTABLECEMENTOS

Máis de 600.000 persoas gozan en Galicia desta iniciativa, que xa se pode empregar en máis de 850 establecementos

O Carné +65 ofrece descontos e facilidades en establecementos turísticos, comerciais e de lecer.
O Carné +65 ofrece descontos e facilidades en establecementos turísticos, comerciais e de lecer.

A vellez non é sinónimo de dependencia, senón dunha etapa de novas oportunidades e experiencias para todas aquelas persoas que traballaron duro para facer de Galicia unha terra onde merece a pena vivir e facerse maior. Pensando en ofrecerlles a posibilidade de gozar de experiencias de lecer e facilidades aos maiores galegos con desntos e acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios, a Xunta puxo en marcha o programa Carné +65.

Trátase dun carné 100% gratuíto, que abrangue 860 establecementos espallados por toda a xeografía galega, se ben esta cifra podería ampliarse ata os 1.000 ao longo deste ano. Nestes momentos, xa son máis de 600.000 persoas as que contan coa tarxeta na súa posesión para desfrutar dos beneficios incluídos.

Esta tarxeta é gratuíta, persoal e intransferible, non precisa activación, non é necesario solicitala e non caduca. Tanto o proceso de solicitude coma o seu funcionamento son moi sinxelos, facilitando deste xeito que os maiores de 65 anos poidan aproveitar ó máximo as súas vantaxes. Así, os beneficiarios reciben esta tarxeta no seu domicilio de oficio, e por correo postal, xunto cun folleto informativo que referencia a páxina web onde se pode consultar a listaxe de establecementos adheridos en toda Galicia.

Cada maior de 65 anos obterá o seu carné individual onde constan os seus datos persoais (nome, apelidos e DNI) que o acreditan como portador do mesmo e, por tanto, con dereito a obter o desconto ou vantaxe establecida polo establecemento adherido ao programa.

Unha vez no seu poder, os maiores poden facer uso del automaticamente: tan só deberán achegarse ou contactar co establecemento escollido e mostrar o seu Carné +65 no momento de realizar o pagamento ou reserva, e o desconto/vantaxe/beneficio aplicarase de forma directa, sen trámites nin xestións.

Mellorar a calidade de vida

Segundo manifesta a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, esta iniciativa enmárcase no traballo da Xunta para “converter Galicia nunha comunidade referente no envellecemento activo, independente, seguro e saudable”, traballando para “que o envellecemento sexa sinónimo de calidade de vida, e queremos que Galicia non sexa só un sitio para vivir moito, senón tamén para vivir mellor”, asegurou.

Deste xeito, o Carné +65 vén a completar a ampla oferta de programas e servizos pensados por e para favorecer a vida autónoma dos maiores galegos e un envellecemento activo, potenciando os momentos de benestar e ocio saudable e previndo a soidade non desexada.

Esta vontade de mellorar a calidade de vida deste colectivo maniféstase a través de iniciativas destinadas a mellorar a súa súade física e mental, como son os programas Benestar en Balnearios, que oferta estadías de 10 días en pensión completa nos mellores balnearios de Galicia, ou Xuntos polo Nadal, para que pasen en compañía datas sinaladas no marco da prevención da soidade non desexada.

Trátase de promover un envellecemento activo, no que tamén se contempla a formación dos maiores con iniciativas como as Aulas Sénior, en colaboración coa Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), ou os programas coas universidades galegas, ofertándolles a oportunidade de formarse e de seguir aprendendo dunha maneira activa e participativa.

Esta carteira de propostas inclúe tamén os programas de prevención da dependencia e dinamización nos concellos, con actividades físicas e cognitivas que permiten mellorar as súas habilidades, manterse activos e evitar as situacións de dependencia. Todas elas son só algunhas das medidas en marcha da Xunta no eido dos maiores máis autónomos, ás que se suman outras iniciativas máis próximas á situación de dependencia como a estimulación terapéutica específica para as persoas con alzhéimer, o programa de Xantar na Casa ou o emprego das novas tecnoloxías cos usuarios nas residencias a través da rehabilitación virtual.

Contenido patrocinado

stats