Facilitar o regreso dende o exterior coa seguridade dun emprego estable
RETORNA CUALIFICA EMPREGO
O programa Retorna Cualifica Emprego garántelle un contrato indefinido aos galegos que desexan volver
As traxectorias de Marcio Rafael González Hurtado, Marisol Julieta Cainzos Lerga e Francisco Sánchez Ocando converxen na Galicia dos seus antepasados da man do Programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta, impulsado dende a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, consolidando o obxectivo da iniciativa, que pasa por facilitar o regreso dos descendentes de galegos coa seguridade dun traballo estable. Os tres atoparon o seu fogaro e o seu destino laboral na provincia de Ourense, unidos pola súa nova profesión como carniceiros en diferentes establecementos da cadea de supermercados Vegalsa-Eroski.
O valor diferencial do programa reside na xestión integral do proceso migratorio, transformando o retorno nunha experiencia coordinada e afastada da incerteza.
Coordinación loxística
O medo a chegar “á nada” é un dos maiores obstáculos que se presentan cando unha persoa toma a decisión de deixar o seu fogaro para emprender unha nova vida lonxe. Por iso, o Retorna Cualifica Emprego minimiza este impacto garantindo a loxística de principio a fin, tal e como aseguran os participantes. Marcio Rafael chegou a Maside dende Cuba lembrando que “xa tiña coordinado ata o taxi que me ía traer dende o aeroporto de Vigo ata Maside”. Ademais do traslado, o precontrato asinado permitiulle iniciar de inmediato unha “magnífica nova etapa” nunha vila con servizos completos, acompañado da súa muller, os seus fillos e tamén os seus pais.
No caso de Marisol Cainzos, neta de galegos de Mar del Plata e destinada no Barco de Valdeorras, o programa demostrou gran flexibilidade na loxística inicial. “O mesmo día que cheguei xa tiña onde vivir”. Esta rapidez permitiu que Marisol, que xa coñecera a Galicia dos seus ancestros con 15 anos a través do programa Conecta con Galicia desta mesma Consellería, comezase a traballar apenas catro días despois de poñer pé nos puntos destinados da provincia de Ourense.
Estabilidade laboral
A inserción laboral inmediata é o piar central do programa. Os tres foron seleccionados para postos de carniceiros nunha das principais cadeas de distribución en Galicia. Francisco Sánchez Ocando, fillo de galego do Saviñao e procedente de Venezuela, relata como a persistencia, tras un primeiro intento fallido de participar en Retorna Cualifica Emprego por ter o pasaporte caducado, conduciu a un proceso áxil de selección e contratación. Instalado en Ribadavia, goza agora da estabilidade. “Eu cheguei e aos dous ou tres días empecei a traballar”, explica. A pesar de ter experiencia previa, o programa garantiulle a formación para adaptarse ás técnicas e normativas “moi distintas” ás do seu país que se aplican en Galicia.
Marisol e Marcio están igualmente inmersos no proceso de formación, asegurando que non só acadan un posto de traballo, senón unha cualificación profesional. A traballadora procedente de Arxentina conta que “está a ser capacitada para ser unha empregada polivalente” na tenda do Barco.
O valor do acompañamento
Máis aló dos aspectos materiais, o factor humano é o máis prezado polos retornados. O seguimento constante dentro do programa da Xunta mitiga o choque cultural e a soidade, convertendo o proceso nunha transición tutelada. Así o contempla Francisco Sánchez, valorando o feito de que o programa “dáche a oportunidade de que o teu retorno non sexa tan traumático”. En todo momento se sentiu acompañado polos profesionais implicados na iniciativa, que “case todas as semanas me preguntaban como vai a cousa, como me sinto, que me fai falta… Iso non ten prezo”.
Algo semellante conta Marcio Rafael, referíndose a esta nova etapa en termos de liberdade e calidade de vida para a súa familia. “Isto é para min o máximo. A min déronme a oportunidade de facer un cambio de vida total, de que os meus fillos teñan un mellor futuro nun país de liberdade”.
En conxunto, estas tres historias en Maside, O Barco de Valdeorras e Ribadavia son a proba do bo funcionamento do programa Retorna Cualifica Emprego, que non só recupera talento e fortalece os lazos coa comunidade galega no exterior, senón que tamén garante a captación de talento para o ecosistema empresarial local ó tempo que garante unha estabilidade profesional para os descendentes daqueles que emigraron e tanto contribuíron co desenvolvemento do territorio na súa historia.
Un modelo pioneiro de oportunidades laborais e familiares
Galicia afianza a súa estratexia para a captación de talento cun modelo propio e pioneiro para articular unha inmigración ordenada, planificada e ligada ás necesidades do seu tecido produtivo. Esta folla de ruta integral ten como obxectivo titorizar o proceso de integración sociolaboral dos traballadores, ofrecendo plenas garantías aos países de procedencia, ás empresas e á propia sociedade galega.
A acción máis destacada é o programa Retorna Cualifica Emprego, que garante aos galegos que desexan volver un contrato indefinido, casando o seu perfil laboral coas demandas de talento manifestadas polas empresas.
Para coordinar esta estratexia, a Xunta ten previsto lanzar no primeiro trimestre de 2026 a nova Oficina de Atracción de Talento. Esta entidade coordinará todas as medidas de emprego dirixidas tanto aos galegos que retornan como ás iniciativas para a contratación planificada de traballadores de terceiros países. Ademais, prevese destinar 1,5 millóns de euros a unha orde de axudas específica para a rehabilitación de vivendas destinadas a beneficiarios destes programas, recoñecendo a vivenda como un factor clave para a fixación de poboación cualificada.
Esta estratexia non só busca cubrir vacantes, senón tamén fomentar o equilibrio territorial, impulsando a dinamización de vilas e concellos rurais coa xeración de postos de traballo. A edición actual de Retorna Cualifica Emprego, cun investimento de 2,3 millóns de euros e previsión de beneficiar a 200 persoas, incorporou como novidade axudas específicas para facilitar o acceso ao alugueiro de vivenda.
E contando cos datos da primeira edición, preto de 400 galegos do exterior xa se incorporaron ao mercado laboral, en liña coas necesidades das empresas, cunha idade media de 35 anos e procedentes de 21 países. Destaca ademais o seu marcado carácter social, xa que preto do 57% dos retornados volve acompañado da súa familia e hoxe desenvolven a súa vida nuns 60 municipios galegos, moitos deles do rural para fortalecer as súas comunidades.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
"VULNERADA LA IMPARCIALIDAD"
La nueva presidenta del Contencioso del TSXG aparta al juez Villares de la sección encargada de eólicos
QUEDÓ SEMIINCONSCIENTE
Herida grave una septuagenaria en Tomiño tras ser atacada por una decena de perros
Lo último