Galicia Educa chega a Ourense

FEIRAS EDUCATIVAS

O calendario de feiras educativas da Xunta estrea o 2 e 3 de abril en Ourense unha cita organizada coa Deputación

Un alumno usando a nova aplicación virtual OPI Orienta, desenvolvida no Centro Eduardo Barreiros.
Un alumno usando a nova aplicación virtual OPI Orienta, desenvolvida no Centro Eduardo Barreiros. | La Región

Co obxectivo de mellorar a orientación formativa e vocacional do alumnado, e ao mesmo tempo amosar o bo traballo que desenvolven os centros escolares, nace Galicia Educa, o calendario de feiras educativas impulsado pola Xunta en colaboración con distintas entidades en todo o territorio da Comunidade. Como parte desa estratexia, esta semana estréase a primeira mostra na cidade de Ourense: a Feira Educativa - Espazo de innovación e colaboración educativa, un evento que será posible grazas á colaboración da Deputación de Ourense, de Expourense e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Esta nova cita, que se desenvolverá os días 2 e 3 de abril no recinto feiral da cidade das Burgas, nace para fomentar o intercambio de experiencias, a aprendizaxe colaborativa e o fortalecemento das relacións entre os diferentes niveis de ensino e entre alumnos, centros, docentes, directores e outros expertos vinculados ao sector.

Nela participarán centros educativos de toda a provincia, de tal forma que o evento servirá como lugar de encontro para que os diferentes membros da comunidade educativa poidan compartir boas prácticas, fortalecer o traballo en rede, crear un espazo de intercambio e impulsar a educación inclusiva e innovadora.

A iniciativa ten como obxectivo facilitar a orientación profesional do alumnado e visibilizar o bo traballo dos centros educativos

A feira servirá como escaparate para poñer de relevancia o traballo transformador dos centros educativos da provincia, que exporán os seus proxectos innovadores. Axudará, ademais, a alumnado e familias a coñecer a oferta educativa dispoñible, de cara a tomar decisións sobre o futuro dos seus estudos, con información e asesoramento in situ.

Participan nesta cita unha ducia de centros educativos, ademais do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, o Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Ourense e o Centro Residencial Docente.

No caso dos colexios participan os CEIP O Couto e Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso (ambos en Ourense), Roberto Blanco Torres (A Peroxa) e Xoaquín Lourenzo Xocas (Bande); mentres que no dos institutos fano os IES Blanco Amor (Ourense), Ferro Couselo (Ourense), O Ribeiro (Ribadavia) e Xesús Taboada Chivite (Verín). Nos seus espazos amosaranse iniciativas de traballos coa ópera como vehículo de aprendizaxe, ferramentas 3D, robótica ou proxectos interdisciplinares. Tamén o funcionamento do STEMbach, os Clubs de lectura, a radio escolar ou os programas de mediación escolar.

No ámbito da FP participan os centros integrados CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, A Farixa e Portovello, os tres de Ourense, e o CIFP Vilamarín, con iniciativas en materia de realidade virtual, intelixencia artificial, así como degustacións ou demostracións de actividades de microscopía, actividades deportivas ou imaxe e son.

De xeito paralelo, un total de 15 entidades presentarán a súa oferta educativa na feira, entre elas as tres universidades públicas galegas, o Centro Superior de Hostelería de Galicia, a UNED Ourense e as Forzas Armadas.

Alumnos do IES Manuel Chamoso Lamas no FP Innova 2025.
Alumnos do IES Manuel Chamoso Lamas no FP Innova 2025. | La Región

Seis novas citas

Galicia Educa agrupa feiras tanto a nivel autonómico como provincial, comarcal e local, de tal forma que os centros educativos as coñezan e poidan organizar visitas do seu alumnado. O calendario inclúe un total de 17 feiras educativas que se desenvolven ao longo de todo o curso escolar en diferentes puntos da xeografía da Comunidade. Seis delas son de nova creación este ano, tres baixo a organización directa da Xunta de Galicia.

No ámbito autonómico nace este ano STEMgal25, co obxectivo de amosar a integración destas competencias e as dixitais en todas as áreas do currículo e a utilidade das mesmas ao servizo dun sistema educativo de vangarda, mentres que no eido provincial, ademais da cita ourensá, se impulsará na Coruña a I Feira da Educación, Formación e Emprego.

No ámbito comarcal, Lalín acollerá no mes de xuño a Feira da Acción educativa. Tamén naceron este ano outras dúas citas, xa desenvolvidas: a I Feira de Orientación Profesional de Verín, impulsada polos IES Castro de Baronceli, Xesús Taboada Chivite e García Barbón, e a I Feira de Orientación académica e profesional de Padrón.

A provincia xogou un papel destacado na feira FP Innova

Ourense vén de ter esta semana unha destacada participación no gran escaparate da Formación Profesional Galega, o Congreso FP Innova 2025, que tamén forma parte do calendario Galicia Educa. Os centros da provincia presentaron neste evento cinco proxectos diferentes e ofreceron ao alumnado e público participante tres obradoiros.

No que atinxe aos proxectos de innovación, o Centro Integrado de FP CIFP Vilamarín amosou unha recepción intelixente para establecementos turísticos, o Instituto IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño) presentou unha maqueta de vehículo que produce hidróxeno a partir de aluminio e auga, mentres que o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel participou con simulador de cabina de seguridade biolóxica para adquirir experiencia previa antes de utilizar as cabinas físicas. Pola súa banda, o CIFP Portovello presentou un proxecto de emprendemento de flota de patinetes eléctricos que fomenta o transporte público sustentable.

O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel foi o encargado de organizar dous obradoiros, de creación de contido con intelixencia artificial e sobre videoxogos e realidade virtual, e o CIFP Vilamarín organizou un taller sobre maridaxe de fermentados sólido-líquido.

CALENDARIO

FEIRAS AUTONÓMICAS

InnovArt 2025: 6 e 7 de febreiro

FP Innova: do 26 ao 28 de marzo

Congreso de Inclusión Educativa: 29 de abril

STEMGAL25: 1º quincena de xuño

Congreso de Convivencia e Benestar Emocional: último trimestre do ano

*Todos en Santiago de Compostela

FEIRAS PROVINCIAIS

Feira Educativa Expourense - Espazo de innovación e colaboración educativa (Ourense): 2 e 3 de abril

II Feira de Educación, Formación e Emprego (Lugo): 9 e 10 de abril

I Feira da Educación, Formación e Emprego (A Coruña): segunda quincena de maio

14º Salón da oferta de educación e formación de Galicia, Edugal (Pontevedra): 8-10 de outubro

FEIRAS COMARCAIS

I Feira de Orientación Profesional de Verín: 13 de febreiro

I Feira de Orientación académica e profesional de Padrón: 18 de febreiro

VI Xornada de Orientación da Comarca de Ferrol: 20 de marzo

IV Mostra sobre Educación e Formación FormaMos: 20 e 21 de marzo

Feira das Profesións (Negreira): 24 de abril

Feira da Acción educativa (Lalín): xuño

V Congreso educativo Educods (Tui): do 3 ao 6 de xuño

XXX Feira da Ciencia (Ribadeo): xuño

Contenido patrocinado

stats