Galicia potencia o regreso do talento da diáspora para cubrir vacantes laborais

EMPREGO

A segunda edición do Retorna Cualifica Emprego prevé beneficiar 200 galegos do exterior, con axudas ao alugueiro

Publicado: 30 nov 2024 - 11:32 Actualizado: 03 dic 2024 - 16:30

8428921
8428921

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convocará nos próximos días a segunda edición do programa Retorna Cualifica Emprego, cun orzamento que se incrementa ata os 2,3 millóns de euros. Enmarcado na Estratexia Galicia Retorna co gallo de favorecer a volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe da man das empresas, o obxectivo desta nova andaina é beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025, incorporando novos apoios para que poidan acceder de xeito máis doado a unha vivenda.

Coa nova convocatoria, búscase acadar resultados pegados á realidade de cada territorio detectando as empresas que demanden man de obra e cunha atención integral que facilite a toma de decisión tanto ao tecido produtivo interesado en poder cubrir as súas vacantes como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas laborais. Nesa liña, están previstas accións en orixe como feiras de emprego -comezarán no primeiro trimestre de 2025 na Arxentina e no Uruguai- co obxecto de afinar a busca dos traballadores máis cualificados para os postos dispoñibles.

Así, coa segunda edición do programa quérese facer especial fincapé na selección das persoas candidatas que respondan aos perfís concretos que require cada empresa interesada, sen esquecer cuestións fundamentais para os beneficiarios finais como o asesoramento e apoio de cara a atopar vivendas nas que establecerse coas súas familias.

Nese senso, cómpre destacar as novas axudas que se incorporan ao Retorna Cualifica Emprego para facilitar aos galegos que volven o acceso a un alugueiro, así como a nova orde que se publicará en 2025, como complemento a este programa, para promover a rehabilitación de vivendas á súa disposición.

Nova convocatoria

O Retorna Cualifica Emprego contempla, entre outras accións, a detección de postos de traballo que non estean a ser cubertos pola poboación residente en Galicia en base ás necesidades que así manifesten as empresas interesadas en cubrir esas vacantes, así como a oferta deses postos de traballo a residentes no exterior con afán por retornar.

Unha vez realizado o encaixe entre oferta e demanda, a iniciativa da Xunta abrangue a elaboración de plans personalizados de cualificación e empregabilidade, incluíndo os recursos de formación necesarios que poidan ser de interese para complementar a capacitación profesional que precisen os postos de traballo que se van ocupar. Así mesmo, contémplase a formalización dos correspondentes contratos indefinidos en Galicia.

Canto ás axudas destinadas a facilitar a instalación na nosa Comunidade das persoas retornadas que volven con traballo, na segunda edición do Retorna Cualifica Emprego incorpóranse como novidade apoios para o alugueiro de vivenda. Por unha banda, achegas durante un máximo de tres meses para arrendar inmoble e, por outro, a cobertura dos primeiros gastos asociados a ese alugueiro como a constitución de fianzas e as altas nas subministracións de luz, auga ou teléfono.

Cómpre engadir que en 2025 se publicará unha nova orde bianual cun orzamento duns 2 millóns de euros, destinada a que empresas poidan rehabilitar vivendas co gallo de poñelas logo á disposición dos traballadores galegos retornados.

Captación de talento

Esta iniciativa inclúese no plan de captación de talento que está a desenvolver a Xunta cunha dotación para o 2025 superior aos 11 millóns de euros, e queda enmarcada na aposta integral do Goberno autonómico por atender as necesidades das empresas no referido á cobertura de vacantes, a través da potenciación da forza laboral interna e atracción de traballadores.

O traballo que está a realizar a Xunta neste eido segue a liña trazada pola Unión Europea para afrontar a escaseza de man de obra. Este labor comeza dentro de Galicia, con accións para a reciclaxe profesional e recapacitación de traballadores ocupados a través de formación á carta nas empresas e os clústeres; favorecendo as oportunidades laborais dos demandantes activos de emprego, apoiándose na potenciación do Servizo Público de Emprego de Galicia, ou desenvolvendo medidas específicas destinadas a facilitar a entrada no mercado laboral de colectivos como os mozos, que contarán no 2025 coa Estratexia Mocidade Activa, as mulleres ou estranxeiros en situación irregular, co programa de arraigamento, que facilita a súa inserción laboral a través das microformacións.

Galicia: unha Comunidade pioneira coa Estratexia Retorna

Estratexia retorna en Galicia.
Estratexia retorna en Galicia.

Os esforzos para atender a actual demanda de traballadores teñen que ir máis aló das fronteiras de cada mercado laboral. Nesta liña, e centrándose na atracción de residentes no exterior, Galicia é unha Comunidade pioneira coa Estratexia Retorna, ao abeiro da que se lanza esta nova edición do Retorna Cualifica Emprego, que se complementará no 2025 con outras medidas como as bolsas BEME -2,75 millóns de euros-, as axudas extraordinarias para o retorno -2,3 millóns- ou o apoio ao emprendemento para retornados -1 millón-. Xa no referido a favorecer a mobilidade de traballadores de terceiros países, Galicia impulsará no 2025 accións en orixe, sempre da man das empresas galegas.

Contenido patrocinado

stats