Galicia presenta en Fitur un modelo turístico sustentable e de calidade
Fitur 2026
A comunidade acode á feira cunha programación de máis de 50 accións dirixidas ó sector e ó público en xeral
Galicia chega un ano máis a unha das maiores citas internacionais do sector turístico, Fitur 2026, cunha ambiciosa e extensa programación no seu stand do pavillón 9 de Ifema, que inclúe máis de 50 presentacións ao longo de tres xornadas dirixidas fundamentalmente ao sector turístico. A axenda reflicte o compromiso da Xunta de Galicia cun modelo turístico sostible, responsable e diversificado, no que se pon en valor a identidade propia dos territorios, a colaboración institucional e a variedade da oferta.
Todo isto baixo o paraugas dun deseño institucional que pon en valor a marca Galicia Calidade. A proposta, que terá como escenario o stand situado no pavillón 9 de Ifema eríxese como un espazo de encontro profesional e emocional onde a sustentabilidade e a identidade propia son os eixes vertebradores de máis de cincuenta actividades programadas. O Goberno autonómico, en colaboración cos xeodestinos, concellos e deputacións, deseñou unha axenda que comeza o vindeiro mércores, día 21, e que se estende ata o domingo 25, combinando a interlocución co sector profesional durante as tres primeiras xornadas coa apertura ao gran público durante o fin de semana. Esta estratexia busca consolidar un modelo de turismo que non só sexa rendible economicamente, senón que tamén sexa capaz de xerar valor social e cultural en todo o territorio de xeito desestacionalizado.
En concreto, a comunidade galega presentará unha serie de propostas que van desde a promoción do turismo deportivo, cultural, termal, gastronómico e dos distintos Camiños de Santiago. Así, a programación do stand de Galicia abrangue propostas vencelladas ao patrimonio, a natureza, o turismo activo e a oferta gastronómica. Destacan iniciativas como a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, os itinerarios enogastronómicos ou proxectos singulares de recuperación da gastronomía tradicional, así como ou os Entroidos do Oriente Ourensán, declarados en 2025 Festa de Interese Turístico Nacional. E tamén o Camiño do Litoral, unha das apostas do Goberno autonómico pola posta en valor do turismo náutico e mariñeiro que percorre a franxa costeira ao longo dos seus máis de 1.300 kilómetros.
O protagonismo dos xeodestinos galegos intensifícase durante estes días en Fitur, afianzando un modelo que aposta pola diversidade territorial e a especialización. Durante a tarde do mércores e ao longo do xoves, o stand percorrerá boa parte do territorio, desde a natureza de Ferrolterra ata a inmersión accesible que propón Terra Chá ou as olimpiadas rurais da Comarca de Lugo. Esta diversidade esténdese ao ámbito enogastronómico con propostas como os itinerarios de Valdeorras, a guía gastronómica de Lugo ou o monográfico sobre turismo rural en Celanova-Serra do Xurés.
Os itinerarios xacobeos volven ser un dos eixos centrais da presenza galega en Fitur e máis tendo en conta a próxima cita do Xacobeo 2027. Ao longo da feira presentaranse accións vinculadas ao Camiño Portugués da Costa, o Camiño de Inverno, o Camiño Fisterra-Muxía, ou o Camiño Francés, así como iniciativas de cooperación que reforzan o seu valor como atractivo turístico internacional. A axenda complétase con propostas vencelladas ao turismo náutico, deportivo e termal, como Galicia Spa Pilgrimage, xunto con grandes citas do calendario feiral como Termatalia, Xantar ou Turexpo.
O stand de Galicia
Deste xeito, o stand artículase baixo a clave e marca país “Galicia Calidade” e abarcará unha superficie total de 1.138,5 metros cadrados, un 14% máis que na edición anterior. O espazo remite co seu lema á excelencia como factor definitorio de Galicia como destino turístico, así como aos valores e recursos da comunidade neste ámbito. Trátase dunha serie de atributos, como autenticidade, identidade, sostibilidade, natureza, enogastronomía, cultura e clima, que caracterizan Galicia como un destino único e experiencial.
No seu deseño primouse unha estética sobria e elegante, de liña sostible, a través da que acoller ás persoas visitantes e levalas máis aló do visual, aproximando á reflexión e á conexión. Así, emprega solucións envolventes para fomentar a inmersión, a interacción e a vinculación íntima —como o ceo de arte dixital, máis de 50 pantallas verticais que proxectan imaxes en movemento dende o teito do posto, ou o uso de materiais efecto espello, que integran a quen pasee polo stand co espazo—.
Na construción empregáronse materiais de alto rendemento ambiental, como paneis e mobiliario de fibra elaborados a partir da reciclaxe de máis de 52.000 botellas de PET, (até 75 botellas por metro cadrado), co que se traslada o compromiso coa sustentabilidade. Trátase ademais dun elemento fonoabsorvente, que facilita a redución da contaminación acústica e contribúe á parte inmersiva.
Función e programación
A idea é que este espazo se consolide na súa dobre función, tanto para público profesional como xeral. Os tres primeiros días da feira serán en exclusiva para o primeiro dos públicos, durante os que as instalacións acollerán as distintas presentacións de destino e servirán de punto de encontro e plataforma para favorecer as relacións comerciais e abrir oportunidades de negocio.
Haberá ademais módulos informativos dedicados á oferta turística xeral de Galicia, con énfase en modalidades como o turismo termal, o activo e o náutico, espazo para establecementos turísticos co selo de Galicia Calidade, Q de Calidade e S de Sostibilidade, as catro provincias galegas e as sete principais cidades e eventos como o eclipse solar de agosto de 2026, do que Galicia será a porta de entrada. O Camiño de Santiago centrará tamén gran parte da atención como adianto do que será o vindeiro Xacobeo 2027.
Ademais, desenvolveranse iniciativas como degustacións gastronómicas de xeados con selo Galicia Calidade e a abrirase tamén unha Aula Gastro, accesible previa reserva, con demostracións culinarias levadas a cabo por profesionais da cociña galega, catas comentadas, showcooking, etc, de produtos con selo Galicia Calidade ou das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas da comunidade.
Estas dúas propostas estarán abertas tamén para o público xeral. Así, na fin de semana en Fitur transformará o stand de Galicia nun espazo de degustación e festa para o público que visita a feira en Madrid. A marca Galicia Calidade asume un papel protagonista con demostracións culinarias permanentes na Aula Gastro. Os visitantes poden gozar de sabores autóctonos a través das degustacións de xeados artesanais de Bico de Xeado e La Central Heladera, ou participar nas catas do Salón de Té de Camelia. Todo este percorrido sensorial está acompañado polo son de Caamaño&Ameixeiras e o baile do grupo Xacarandaina.
Con todas estas actividades Galicia participa na 46 edición de Fitur, a primeira cita anual como evento global para o sector turístico a nivel mundial. O evento abrirá as súas portas do mércores 21 ao venres 23 de xaneiro para profesionais, en horario de 10 a 19 horas. O público xeral pode visitala sábado 24 de 10 a 20 e domingo 25 de 10 a 18 horas. Estarán presentes máis de 156 países e 9.500 empresas. A organización prevé a asistencia de arredor de 155.000 profesionais, a quen se sumarán 100.000 persoas durante a fin de semana.
Coa programación proposta, Galicia reafirma nesta feira de referencia internacional a súa posición como un destino competitivo, sostible e con identidade propia, no que a cooperación entre administracións, sector e territorio resulta clave para seguir avanzando na desestacionalización e diversificación dun turismo de calidade capaz de crear rendibilidade durante todo o ano.
Actividades do stand de Galicia en Fitur 2026 (21-25 de xaneiro)
Mércores 21·01·2026
- 11:00 Galicia Calidade
- 11:25 Galicia, puerta de entrada del gran eclipse solar 2026
- 11:40 Arquitectos del ocio: profesionales de un turismo responsable
- 12:00 Ribeira Sacra, candidatura a Patrimonio de la Humanidad
- 12:30 A Coruña, cultura de vivir
- 13:00 Conoce el interior de Galicia a través de las Rutas del Queso D.O.P. Arzúa-Ulloa
- 13:30 Camino Portugués de la Costa inclusivo
- 14:00 800 años de la consagración de la catedral de Tui
- 14:30 Asociación de Municipios del Camino de Invierno a Santiago: veinte municipios, una sola voz
- 15:40 Termatalia 2026 (24-2/09) e Xantar 2026 (19-22/11)
- 16:00 El final es el principio, Solpor (Asociación de Empresarios del Camino Santiago Fisterra Muxía)
- 16:15 Eventos World Surf League en Galicia
- 16:30 Toque Ferrol
- 17:00 Ferrolterra máxica: tradición y naturaleza para todas las personas viajeras
- 17:20 Compostela é moito Mice
- 17:45 Terra Chá inmersiva: vive Terra Chá accesible y sin límites
- 18:10 Olimpiadas Rurales de Galicia
- 18:30 “Turismo rural” de Terras de Celanova-Serra do Xurés
Xoves 22·01·2026
- 10:00 Turismo deportivo en Galicia
- 10:15 Amárrate a Galicia: impacto del turismo náutico en los puertos autonómicos
- 10:30 El sendero azul del puerto de Vigo
- 10:45 Red de cruceros costeros y fluviales de los destinos náuticos sostenibles de España / Red de cruceros ibéricos fluviales transfronterizos
- 11:00 Un atardecer, dos ocasos: el eclipse en la provincia de A Coruña
- 11:30 Rías Baixas: tu meta, tu destino
- 12:00 Camino del Litoral
- 12:30 Ourense provincia termal, refugio familiar
- 13:20 Mar de Santiago: tierra y agua unidos en el camino
- 13:40 Together we create Christmas spirit (Deza Tabeirós) / Ruta da sidra da Estrada “tradición que crece, futuro que fermenta”
- 14:00 Barbanza Arousa: viaje a través de la historia de los sabores
- 14:20 Galicia en ruta
- 14:45 Camiño Fisterra-Muxía
- 15:00 Fisterra, meta del cicloturismo europeo
- 15:50 Turexpo 2026
- 16:10 Sabedoras (del saber y del sabor). Cocinas y cocineras memorables del Ribeiro-Carballiño
- 16:30 La VI ruta Rías Baixas-Camino de la ría de Muros Noia
- 16:50 Costa da Morte: donde la tierra habla y el cielo responde
- 17:10 Experiencias slow en O Salnés
- 17:30 A Mariña, un viaje a la identidad
- 17:50 Galicia suroeste es única
- 18:10 Pstd Condado Paradanta enogastronómico
- 18:30 Desordes geodestino mural
Venres 23·01·2026
- 10:10 Top secret
- 10:30 Villas termales
- 11:00 “Entroidos do oriente ourensán”, fiesta de Interés Turístico Nacional
- 11:30 20 na Limia
- 11:50 Lugo, encontro coa historia
- 12:30 Provincia de Lugo, reserva natural
- 13:00 Camino Francés: una mirada al pasado para caminar hacia el futuro venres
- 13:15 Trenes turísticos de Galicia
- 13:40 Campaña promocional de la reserva de biosfera Mariñas Coruñesas “O noso corazón verde”
- 14:00 Concertos do Xacobeo
Sábado 24 de xaneiro e domingo 25 de xaneiro
- Salón té de Camelia. Degustacións de tés de camelia cultivados ou producidos en Galicia.
- Actuacións musicais Caamaño&Ameixeiras, grupo de música e baile tradicional Xacarandaina.
Citas especiais todos os días
- Degustación con selo Galicia Calidade: Bico de Xeado e La Central Heladera
- Aula gastro: demostracións culinarias e degustacións produtos con selo Galicia Calidade, D.O., IXP e outros
Contenido patrocinado
También te puede interesar
RECOMENDACIONES PARA LOS VIAJEROS
Cambian los horarios de trenes en A Coruña desde el 11 de julio por las obras de la nueva estación
Lo último
Nueva tecnología
Los seguros, otra ventana de oportunidad en el negocio de la IA
DURANTE UN CONTROL
Buscan a una conductora fugada en Verín tras arrastrar a un guardia civil