Máis de 400 millóns de euros para a innovación empresarial en Galicia
FOLLA DE RUTA
Rueda lanza un plan para industrializar as ideas e acadar un 25% máis de empresas innovadoras
O Consello da Xunta aprobou a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, un plan con horizonte 2028 e máis de 400 millóns de euros de orzamento co que Galicia contará por primeira vez cunha folla de ruta específica para impulsar a innovación nas empresas. Así o informou o presidente, Alfonso Rueda, quen subliñou que o obxectivo é que a innovación “forme cada día máis parte das empresas”, un factor fundamental para “ser máis competitivos e non quedar atrás” nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico.
Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a iniciativa establece un marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros novos, cunha prioridade: industrializar a innovación. “É dicir, facilitar que as ideas e as innovacións tecnolóxicas estean presentes na industria e desde ela cheguen ao mercado”, explicou Rueda.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, engadiu que se pretende que o talento e o coñecemento se convertan en capacidade produtiva, de xeito que a innovación remate en industrialización propia en Galicia e xere emprego cualificado na comunidade.
A estratexia parte da evolución positiva da innovación empresarial galega nos últimos anos. Segundo recordou o presidente, entre 2018 e 2024 o gasto empresarial en I+D medrou un 71 %, ata alcanzar os 510,5 millóns de euros, mentres que o persoal das empresas dedicado a estas actividades aumentou un 30 %, ata as 6.285 persoas. Sobre este escenario, a Xunta quere agora ampliar o número de empresas que innovan, sobre todo entre as pemes.
Catro eixes
O documento estrutúrase en catro eixes complementarios (activar, potenciar, estruturar e mobilizar) e 14 medidas que abranguen todo o proceso: desde a incorporación de capacidades nas empresas ata o desenvolvemento e a comercialización de solucións tecnolóxicas, a colaboración entre os axentes do ecosistema e a mobilización de investimento. O eixe con maior peso é o de potenciar a innovación, con 231,9 millóns de euros, seguido do dedicado a mobilizar o investimento, con 113,1 millóns do Igape. Activar a innovación nas empresas contará con 47,4 millóns, e estruturar e conectar o ecosistema, con 9,4.
Entre as novidades destaca Industrializa a Innovación, un programa de compra pública precomercial de 66,5 millóns que arrancará o próximo ano. Dirixirase aos sectores estratéxicos da industria galega, onde os centros tecnolóxicos actuarán como promotores de proxectos.
Rueda resaltou que entre os obxectivos fixados para 2028 figuran incrementar nun 25% o número de empresas innovadoras, superar os 1.500 millóns de euros de gasto empresarial en innovación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
INCORPORACIÓN HASTA 2031
Las mujeres de entre 45 y 74 años podrán acceder gradualmente al cribado de cáncer de mama
Lo último