Néstor Rego, deputado do BNG: “As grandes eólicas instalan os muíños sen reparar no impacto"

Entrevista en profundidade ao deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso

Néstor Rego diante do Congreso dos Deputados.  CEDIDA
Néstor Rego diante do Congreso dos Deputados. CEDIDA

Néstor Rego, deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, indicou hai uns días que “se Madrid quere enerxía, que poña muíños na Castellana”, facendo referencia a tramitación de parques eólicos na comunidade. Madrid é a única comunidade autónoma que non presenta megawatts (MW) de potencia instalados. Ademais, non presenta parques en tramitación. A pesar disto, dende o partido de Rego defenden a eólica, pero dun xeito máis sostible.

Cal é a situación actual na comunidade galega?

Galicia ten 300 parques adicionais en tramitación. Ademais, hai 4.000 MW de enerxía eólica instalada e outros 3.000 aprobados recentemente pola Xunta

Canta enerxía produce Galicia?

A produción total é sobre 25.000 MW e a de renovables é de 18.000. Por outra parte, o consumo galego é de 17.000, polo que somos un produtor excedentario.

Polo tanto, superamos os obxectivos da Unión Europea.

Ademais, un terzo da nosa electricidade non é para consumo interno, senón que vai para fóra, principalmente para Madrid. Producimos para outras comunidades.

Deberían entón poñer “muíños na Castellana”?

Cando dixemos iso era unha maneira de chamar a atención sobre unha circustancia. Parece que para as grandes empresas privadas, con sede na capital e que pagan os seus impostos en Madrid, somos a súa reserva enerxética. Nós pagamos as consecuencias sociais, ambientais ou patrimoniais. Pagamos ese custo e non nos beneficiamos cunha tarifa eléctrica menor. A beneficiada é Madrid, onde as empresas pagan os seus impostos.

E os custos de transporte?

Ademais de aguantar os impactos negativos para ter a enerxía ao mesmo prezo que a xente de Madrid, pagamos o transporte desta durante os 600 kilómetros de separación. Tamén é un método insostible porque durante este transporte a enerxía vaise perdendo.

Cómo favorece este modelo as grandes empresas?

De moitas maneiras. As grandes eólicas instalan os seus muíños onde consideran sen reparar no impacto e sen unha planficación previa. Ademais, só hai máis que mirar os beneficios económicos que teñen. As tres principais eléctricas, que son Iberdrola, Naturgy e Endesa, gañaron entre as tres 6.500 millóns de euros de beneficio no ano 2021. Ademais, non é normal que Iberdrola peche o ano 2022 cun beneficio de máis de 4.000 millóns de euros e batindo o récord cando hai familias que non poden pagar as facturas. Ademais, as grandes eléctricas lúcranse dos recursos públicos como son a auga, o vento ou o sol.

Dende o BNG destacan o mercado marxinalista.

Este sistema é un negocio redondo para as grandes empresas enerxéticas. Con isto, cobran a enerxía coma se o custo de produción fora máis caro, sendo unha especie de roubo legalizado. Non pagamos polos custos reais da enerxía, senón en función do modo de producion máis caro, que normalmente son os ciclos combinados de gas, a pesar de ter unha participación minoritaria na produción da enerxía en España, arredor do 20%. É suficiente con que metan un MW de produción de enerxía eléctrica de gas para que afecte a toda a factura que nos chega.

Tamén solicitan máis presenza pública.

O que fixo o Goberno no seu día, co PP e co PSOE, foi privatizar as empresa públicas que había, entre elas Endesa, e agora as forzas políticas coma o BNG defendemos que haxa empresas públicas que vaian collendo participación no asunto enerxético do noso país, que se poñan no lado da sociedade, deixando atrás o modelo de negocio actual que beneficia as empresas.

Cal é o impacto desta enerxía?

Para comezar, desvaloriza as propiedades dos galegos e galegas. Cando che poñen unha liña de alta tensión a carón da casa, pasa a valer menos da metade facendo tamén que ninguén a vaia querer mercar. Nun primeiro momento, pode haber xente encantada polo que lle paguen, pero van ter un aeroxerador nas súas propiedades todo o día. Ademais, ocupa as terras agrarias e gandeiras, privando a moitas persoas do seu medio de vida.

E a instalación dos aeroxeradores?

Pola xeoloxía galega, en moitos casos empregan explosivos. Como os muíños aumentaron de tamaño e de potencia nos últimos anos -pasaron de medir 75 metros a 200- tamén tivo que aumentar o tamaño da base. Poñen enormes placas de formigón baixo a terra dos montes pero, cando retiran os muíños, as bases quedan no mesmo sitio. Tamén teñen que abrir pistas polo monte para que pasen os camións e, en moitas ocasións, serrar árbores, afectando así ao ciclo da auga, a fauna e a flora.

Tamén afecta ao patrimonio.

En Galicia temos moito patrimonio que está sen catalogar, principalmente castros. Moitos deles están sen cavar, e pode chegar unha pala para crear un parque eólico e non hai volta atrás.

Cómo vai afectar o Plan de Ordenación de Espazos Marítimos (POEM) a eólica mariña?

É puro neoliberalismo. Aínda non está aprobado e xa hai parques eólicos marítimos en tramitación -dous na ría de Vigo, afectando as Illas Cíes e a propia ría- , cando o lóxico é que haxa un plan previo, con definición dos espazos e das condicións, e que iso saia a concurso público. O que ocorre é que se fai así para darllo a Iberdrola e aos de sempre. Con isto, as propias empresas son as que elixen onde queren ubicar os muíños, é o que está ocorrendo no mar galego.

Non apoian a eólica mariña.

Estamos en contra xa que os parques están instalados a 15 ou 20 kilómetros da costa, en zonas de gran interese ambiental e produtivo, principalmente para a nosa pesca. Non estamos dispostos a sacrificar postos de traballo no sector para que haxa dúas ou tres grandes empresas lucrándose do noso mar. Dende o punto de vista social non é defendible.

De que maneira se pode reducir o impacto?

Para comezar, a administración pública debería ter unha previsión da enerxía que se precisa para 2030, un fito para a transición enerxética. En función disto, habería que dimensionar as actuacións para as necesidades galegas. Apostamos por un modelo de produción enerxética máis preto do centro de consumo. Tamén se deberían estudar as zonas nas que se vai instalar, aínda que o que lle interese as empresas son os macroparques. Hai algún proxecto que chega a coller tres demarcacións diferentes -as provincias de Lugo, Ourense e a comarca do Bierzo. Tamén propoñemos que se constitúan empresas públicas de enerxía, xa que é un dereito.

Producir máis vai baixar o prezo?

Esa é unha falacia que se leva dicindo moito tempo. O que hai que facer é rematar co mercado marxinalista e pagar a enerxía ao seu prezo real. Pagar por custos reais de produción e distribución.

Contenido patrocinado

stats