Podcast | Un catálogo para espertar vocacións científicas nas futuras universitarias
UVIGO
“Quero ser investigadora” ten seis edicións e inclúe testemuñas como o de María Méndez ou Covadonga Barreiro
A Universidade de Vigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo “Quero ser investigadora”, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova (1981), a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “reverter a histórica ausencia das mulleres no imaxinario científico, un fenómeno que non só supón unha inxustiza social, senón tamén unha perda colectiva”.
O volume, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo.
Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a sociolingüística, a bioloxía, a enxeñaría química, a biomedicina, as belas artes, a física aplicada, a economía, o dereito ou a informática. “Quixemos reflectir que as traxectorias son únicas e persoais, e que cada decisión profesional está atravesada por múltiples factores. Non hai un único xeito de chegar á investigación, é un camiño individual e diferente en cada caso”, subliñan dende a UCC+i.
A primeira das historias ten como protagonista a María Méndez Santos, profesora e investigadora en lingua e lingüística, actual secretaria do Instituto de investigación iLingua, que relata a súa “particular volta ao mundo”, na que pasou por países como Armenia, Romanía, Ucraína ou mesmo Xapón antes de volver ao seu Vigo natal.
Pola súa banda, a profesora de Belas Artes Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes confesa que de nena lle gustaba a bioloxía e que soñaba con ser astronauta para “ver o mundo dende fóra”. Mentres, a física Maite Rodríguez DeCastro lembra que, á hora de escoller un camiño profesional, valorou positivamente varios aspectos da carreira investigadora, como desenvolver tarefas moi diversas ou manter unha formación continua.
Seguindo a liña da edición anterior, “Quero ser investigadora” incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión.
“O máis importante acaba por ser o camiño no que aprendes, vives e te desenvolves”
Pregunta. María, contas na túa historia que inicialmente che gustaba a Historia e que tiñas pensado ir estudar a Santiagol. Pero finalmente quedaches en Vigo e fixeches Filoloxía Hispánica. En retrospectiva, consideras que foi un bo cambio?
Respuesta. María Méndez: Non teño alternativa, non existe un universo paralelo para comprobarlo. Pero si que é importante para os rapaces e as rapazas, que saiban que ás veces as decisións non son boas ou malas, son as que son, porque son as opcións que tes nese momento. E o máis importante é aproveitar as que tes e facer o mellor que poidas. Eu síntome moi ben, penso que tería sido moi boa historiadora igual, porque é algo que me gusta, e sigo facéndoo de forma menos formal, secar, pero ao final eran dúas vocacións que me interesaban. Iso é importante, porque ás veces os estudantes, cando escollen carreira, non saben moi ben que facer. Ao final é importante que escollan o que lles chame.
P. Que aprendizaxes vos deixou o voso camiño ata aquí que considerades máis valiosas?
R. Covadonga Barreiro: No meu caso, é a capacidade de perseverancia, de resistir. A pesar de pasarlo moi mal, de ter moita inestabilidade e moita precariedade, estar convencida de que era o camiño que me gustaba facer, que podía ser máis útil neste caso, e continuar a pesar de todo. E despois, a aprendizaxe que levo, sobre todo é darme conta de que os fins de etapa non significan nada. Que ao final, o importante acaba por ser todo ese camiño cheo de precariedade, pero que é no que aprendes, no que vives, no que te desenvolves. E ao final, cando chegas, pois chegaches, pero que o interesante foi todo o proceso anterior. É o que me levo de toda esta experiencia.
R. María Méndez: É super importante e crucial o que dis: entender o proceso. Ás veces, aos comezos, tes ansiedade por facer, por chegar, por conseguir. E non entendes que o proceso é parte do camiño e hai que disfrutalo. Esquecemos moito isto, simplemente disfrutar.n
Guía didáctica e contidos interactivos gamificados
O catálogo conta tamén cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. A maiores, “Quero ser investigadora” conta cunha guía didáctica para os docentes e con contidos interactivos e gamificados desenvolvidos na plataforma educativa Genially, concretamente unha actividade tipo quiz e outra de adiviñar verdadeiro ou falso, que facilitan o traballo co material nas aulas dun xeito dinámico e participativo. O obxectivo é chegar ao maior número de estudantes preuniversitarios posible, en especial ás rapazas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Jesús Prieto Guijo
Oro y mirra
Carlos Risco
COSAS QUE CONVIENEN
Aspirar a no gobernarse
CREACIÓN DE VIVIENDA
2.000 casas vacías en Celanova y solo tres en alquiler