Rueda esixe que a UE negocie salvaguardas con Mercosur
CONSELLO
A Xunta lanza convocatorias de axudas para o viñedo, o sector agrario e a pesca e a acuicultura
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou onte que o seu goberno “sempre” apoiará o sector primario, ante a inquietude deste tras o acordo da Unión Europea (UE) con Mercosur. E sinalou á UE como negociadora, para advertir de que sería negativo que non tivese en conta medidas de “salvagarda”.
Rueda esixe que se garanta que a sinatura do acordo e a chegada de produtos doutros países “non se poden facer sen salvagardar” que teñan que “cumprir as mesmas condicións” que os produtos galegos para “ser comercializados”. Do contrario, indicou, xeraríase unha situación “desigual” e “prexudicial” para un sector do que Rueda destacou que ten un peso clave na comunidade.
Sobre medidas paliativas autonómicas, Rueda precisou que Galicia “non deixa de ser unha comunidade” cando o que está sobre a mesa é un acordo con “impacto global”. En todo caso, garantiu que a Xunta non quedará de brazos cruzados e fará o que poida “dentro das súas capacidades e competencias”.
Onte, o Consello da Xunta deu luz verde á convocatoria de achegas á reestruturación e reconversión da viña. En total, son 132 persoas viticultoras beneficiadas para actuar en 184,7 hectáreas e cun investimento de máis de 3 millóns de euros.
Tamén se acordou a convocatoria 2026 das axudas da Consellería do Medio Rural en materia de transformación e comercialización dos produtos agrarios, dotadas con case 19 millóns de euros ata 2028, no marco do o Plan estratéxico da política agraria común (Pepac); así como a convocatoria de axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, dotada con 14 millóns de euros.
Microcredenciais
Tamén se aprobou o decreto que permitirá que Galicia “sexa pioneira en España” na regulación das microcredenciais no ámbito da formación para o emprego. As microcredenciais son certificacións dixitais que acreditan coñecementos, competencias ou capacidades adquiridas a través de experiencias de aprendizaxe breves, prácticas e orientadas ao mercado. Inclúen sempre unha avaliación final e están deseñadas coa participación directa dos sectores produtivos. Por exemplo, unha microcredencial pode acreditar que unha persoa domina un novo proceso dixital nunha empresa. Ou un clúster pode identificar unha necesidade común e desenvolver formación práctica curta e con avaliación. É dicir, “o traballador poderá certificar ese coñecemento cara outras empresas”, indicou o conselleiro de Emprego, José González. O decreto, engadiu, permitirá ás empresas crear formación curta, práctica e certificada segundo as súas necesidades reais, ao tempo que facilita ás persoas traballadoras acreditar competencias específicas de forma áxil e recoñecida.
“As formas de Trump non me gustan”, di o presidente
Na rolda de prensa posterior á reunión do gabinete, Rueda atendeu ás cuestións de axenda política. A respecto das críticas da oposición sobre as eivas na Sanidade, admitiu que “se están a dar situacións complicadas nas urxencias sanitarias da comunidade, como ocorreu outros anos” polo Nadal, porque “hai unha afluencia moi superior a outras épocas do ano”, dixo. E engadiu que, se fose necesario adoptar algunha medida de “reforzo”, este levaríase a cabo onde correspondese.
Sobre a próxima reunión do Consejo de Política Fiscal y Financiera, o presidente galego confirmou que o seu goberno estará presente e criticou as formas da acción do goberno central: “As negociacións bilaterais fan imposible que se manteña un sistema igualitario, de solidariedade e de equilibrio en todo o territorio nacional que a Galicia lle convén especialmente”. Rueda insistiu en que el se manterá na súa postura de que chegar a un acordo que “satisfaga” a todos, aínda que sexa “cedendo todos un pouco”, só será posible se se fai “con transparencia e todos xuntos desde o principio”. E zanxou: “Creo que esta é a postura que a Galicia lle convén”.
Tamén opinou sobre política internacional. “Non me gustan en absoluto as formas do presidente dos EEUU, pero tamén penso que, afortunadamente, estamos a ver que das ameazas ao que logo sucede adoita haber variación e esa variación é mellor”, reflexionou, tras ser preguntado sobre outras advertencias de Trump máis alá de Venezuela.
Dotación de 195 millóns para o plan de infeccións de transmisión sexual
O Executivo galego aprobou o Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030, dotado con 195 millóns de euros, co obxectivo de eliminar estas infeccións como problema de saúde pública en Galicia antes de 2030.
Estrutúrase en 9 eixes e 24 liñas de acción e supón un cambio de paradigma ao abordar de forma equitativa todas as infeccións de transmisión sexual, máis alá do VIH. Aposta por unha abordaxe integral baseada na prevención, o diagnóstico precoz, o tratamento, a atención á cronicidade e a mellora da calidade de vida. Inclúe cribados oportunistas de VIH, hepatites B e C e a detección doutras ITS mediante autotoma domiciliaria en grupos de maior risco.
Investimento de 100 millóns nas comarcas afectadas pola descarbonización
A Xunta vai mobilizar máis de 100 millóns de euros do Programa do fondo de transición xusta “para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña”. O obxectivo, segundo informou o goberno galego tras a súa reunión semanal, é poñer en marcha unha batería de medidas para impulsar unha transición nos territorios máis afectados polo peche de explotacións mineiras e centrais térmicas de carbón.
O Igape destinará 80 millóns de euros a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras, con capacidade para xerar actividade económica sustentable a medio e longo prazo.
Os proxectos deberán localizarse nas comarcas de Ordes, onde se situaba a central de Meirama, Eume, onde se emprazaba a central térmica das Pontes, e Ferrol, así como “nos concellos da Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido e Mañón”, zonas afectadas polo proceso de transición enerxética.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PLAN DE BIENESTAR DIGITAL DE GALICIA
Un contrato voluntario entre el alumno y el centro educativo podrá regular el uso de las pantallas
Lo último
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
El arma del suplicatorio
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este martes, 13 de enero
MUCHA IGUALDAD
Polígono y Córgono no pudieron romper el cero