A Xunta pon en valor o impacto do retorno emprendedor na diversificación e revitalización da economía local
ESTRATEXIA GALICIA RETORNA
O conselleiro José González puxo en valor o talento de Mercedes Toscano e Jorge Núñez, dous emprendedores galegos retornados desde Chile, que impulsan a primeira fábrica de lambetadas de Galicia e a única de España de lambonadas sen azucre e sen alérxenos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, achegouse esta mañá ás instalacións da empresa Minimelis, a primeira fábrica galega de lambetadas e a única de España de lambonadas sen azucre e sen alérxenos. Este proxecto, impulsado por Mercedes Toscano e Jorge Núñez —dous galegos retornados desde Chile no ano 2019—, contou co apoio da Xunta no marco da convocatoria de axudas ao retorno emprendedor.
Durante a visita —na que tamén estivo presente o alcalde Nigrán, Juan Antonio González— o conselleiro puxo en valor esta iniciativa que está a crear emprego e pegada no territorio, sinalando que o caso de Mercedes e de Jorge amosa que, con ilusión, esforzo e o apoio axeitado, o camiño de regreso non é só unha experiencia persoal, senón que tamén pode ser unha historia de éxito empresarial con impacto tanto na diversificación industrial como na revitalización da economía local galega. Así, hoxe a fábrica de Minimelis dá traballo a 17 persoas, apostando polo talento mozo —contan co apoio da Xunta no marco do programa Primeira Experiencia Profesional para impulsar a empregabilidade de menores de 30 anos—, dinamizando a súa contorna e demostrando a súa capacidade de chegar a novos mercados nacionais e internacionais.
José González sinalou tamén que Minimelis é o exemplo paradigmático das enormes oportunidades que ofrece o talento e experiencia que atesouran os emigrantes retornados e o seu coñecemento doutros países para seguir fortalecemento o tecido produtivo. Así, a Xunta —no marco da Estratexia Galicia Retorna— conta cunha liña de axudas específicas para apoiar a aquelas persoas que desexen regresar poñendo en marcha os seus propios negocios. Esta orde, que xa apoiou nos últimos anos máis de 800 proxectos empresariais, ten aberto o prazo de solicitudes de 2025 ata o vindeiro 30 de setembro, cun orzamento global de 1 millón de euros e axudas que poden chegar ata os 10.000 € por beneficiario. En paralelo tamén se apoia ás persoas que voltan —das que os impulsores de Minimelis tamén foron beneficiarios— coas achegas extraordinarias ao retorno, orientadas a apoiar aquelas causas sobrevidas derivadas do regreso e tamén co prazo aberto actualmente.
Feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai
Galicia é unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno, impulsando medidas tanto no eido da conta propia como allea para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna —unha planificación dotada con 450M€ ata 2026— a Xunta tamén ten en marcha outras accións, como o Programa Retorna Cualifica Emprego, cun orzamento de 2,3 millóns de euros para promover contratacións en orixe da man das necesidades do tecido produtivo galego.
Para seguir avanzando nesta vía, a semana que vén celebraranse feiras de emprego na Arxentina —6 e 7 marzo— e no Uruguai —10 de marzo-. O obxectivo é captar talento —da man das empresas galegas— en ambos os dous países, promovendo as oportunidades que permitan favorecer a inserción socio laboral tanto de persoas retornadas como de persoas inmigrantes que queiran traballar e establecerse na nosa terra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
"VULNERADA LA IMPARCIALIDAD"
La nueva presidenta del Contencioso del TSXG aparta al juez Villares de la sección encargada de eólicos
QUEDÓ SEMIINCONSCIENTE
Herida grave una septuagenaria en Tomiño tras ser atacada por una decena de perros
Lo último