Sés, cantautora, chega a Celanova: “Na música hai moitos acomplexados, fóxese do folclórico simple”
FESTIVAL OU YEAH!
A cantautora Sés actuará o sábado no festival “Ou Yeah!”, en Celanova.
María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, é unha das voces máis representativas do panorama musical en galego. Leva máis dunha década levando as súas composicións polos escenarios, defendendo sempre os seus principios. Orgullosa de ter feito a súa carreira ao seu xeito, fiel aos seus principios, este sábado, 23 de agosto, actúa nun lugar máxico, o claustro de San Salvador en Celanova, a partir das 22,00 horas, no marco do festival “Ou Yeah!” que ofrece distintos concertos pola provincia ata o mes de outubro.
Pregunta. Que supón actuar este sábado nun lugar como o claustro de San Salvador en Celanova?
Respuesta. Eu sempre digo que a música é unha cousa marabillosa, que te leva a estar dentro de espazos aos que ti non poderías acceder se te dedicases a outra cousa. É un privilexio poder cantar en espazos coma o claustro de San Salvador. Sobre todo determinadas cancións, xérase unha enerxía máxica. Eu que son súper terreal e súper materialista, no sentido filosófico, de repente acado eses momentos de éxtase e eses espazos inflúen moitísimo. É un privilexio, parece que estás cantando na historia. Estás facendo arte dentro da arte.
P. Está cos preparativos do seu próximo disco, que nos pode contar del?
R. O disco vai saír en novembro. Vai ser un disco acústico, pero non vai ter só voz e guitarra como quizais pode entender a xente. Hai percusión, hai voces, hai diferentes guitarras… Está moi centrado no texto, no que é a canción. Como concepto, como núcleo. É un disco que marca un punto de inflexión. A seguinte etapa.
P. Cara onde lle gustaría dirixir esa nova etapa?
R. A min non me gusta nunca dirixir nada. Xa verei eu despois cara onde vou. O que ten este disco de diferente é que é máis contemporáneo. Normalmente sempre vou compoñendo cancións e as vou deixando nun caixón. Salvo unha ou dúas, as cancións deste novo disco están compostas nestes últimos dous anos, como moitísimo tres. Tamén é o primeiro disco no que estou tanto tempo sen publicar, porque eu sempre fixen discos con diferenza dun ano ou dous. É un disco no que hai cancións moi enérxicas, pero tamén outras que están interpretadas dun xeito moi natural, interpretadas na tranquilidade do meu estudio.
P. Será o noveno disco, ao longo deste percorrido, que é do que máis orgullosa se sinte?
R. Síntome moi orgullosa de non ter renunciado a ningún principio ético, de non ter feito concesións nin estéticas, nin éticas. Para min o primeiro é ser persoa, ser cidadá e ser coherente ou intentalo, porque obviamente hai moitos graos. Sempre fun consciente de que se es honesta tes que pagar un prezo, pero prefiro iso a ser infiel aos meus principios.
P. Poderiamos dicir que cantar é o menos importante da súa música?
R. Considéraseme cantante por unha noción puramente de xénero. Ninguén lle chama cantante a Drexler, a Sabina ou a Silvio Rodríguez. Un cantante é o que pode interpretar calquera canción. A miña calidade non é vocal, nin teño ese talento, nin me da pena non telo. Na música hai moitos acomplexados, fóxese moito dese son folclórico moi simple, dos acordes maiores. Eu digo que reflexiono en la maior.
P. Aproveitando que menciona a cuestión de xénero, sendo muller, como logrou que non lle pautasen o que tiña que facer?
R. Caendo mal. Unha muller que fala vehemente e asertivamente cae mal. Non fixen nada, simplemente non deixei de facer nada. Eu non teño a música como medio para caer ben. Teño a música como fin. Impórtame moito máis a música e a ética, que caer ben ou mal. Porque se a Clara Campoamor lle importase caer ben, todas seguiríamos na casa. Ademais, realmente son unha tía simpática.
P. Como ve a situación actual do panorama musical galego?
R. Ben. Eu sempre digo que me gustaría máis. Agora estamos nun momento de sobreprodución, que ten moito que ver tamén coas novas tecnoloxías, coa era dixital, está estupendo. Boto en falta se cadra, se se puidese pedir, que houbese máis canción, proxectos nos que o texto fose o núcleo, que houbese máis excelencia lírica, máis excelencia textual. Que soe a canción e con tan só 10 segundos xa saibas quen é. Esa orixinalidade é a que boto en falta, propostas persoais. Pero isto non é unha cuestión de Galicia.
P. Ten un amor especial por Latinoamérica, de onde ven?
R. O consumo de contido latinoamericano para min, tanto literario, como filosófico, como musical, é o que me abriu a mente. A min me ensinou a pensar. Crieime cos meus avós, entón escoitei música que non me tería tocado por xeración. Ademais o meu pai era moi roqueiro herdei moitos dos seus vinilos. Cando a xente estaba escoitando Nirvana, eu estaba escoitando a Janis Joplin, Vicente Fernández e Vítor Jara. Eu teño moito máis que ver co meu público de 60 e 70 anos, incluso 80 anos, que co meu público de 15 anos. É certo que eu tamén consumín cousas recentes, porque ademais encántame consumir música, pero non hai máis patria que a infancia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
"MEJOR ÁLBUM DEL AÑO"
Bad Bunny hace historia en los Grammy y carga contra el gobierno de Trump: "Fuera ICE"
Lo último