Folk galego for export

TOR ACTÚA EN OURENSE

Con máis seguidores nos Estados Unidos que en España e en Tokyo que en Ourense, o grupo de folk céltico atlántico galego TOR actúa por fin en casa o 16 de marzo, cun show no Liceo, no que presentará “Zira”

O grupo de folk céltico atlántico galego TOR
O grupo de folk céltico atlántico galego TOR

Creadores de un folk céltico atlántico galego e con referentes da transcendencia de Milladoiro, Citania ou Tannahill Weavers, TOR presenta en Ourense o disco “Zira”, o 16 de marzo no Liceo. Para unha agrupación con membros oriúndos de Ourense e de Vigo é importante tocar en casa. Aínda que teñan máis escoitas nos Estados Unidos que en España e en Tokyo que na cidade das Burgas, segundo comenta Cástor Castro, encargado das frautas de madeira no combo que completan Félix Castro en concertina, acordeón diatónico e gaitas; Xosé Liz en buzuqui e Alvaro Iglesias en contrabaixo.

Pregunta. Para o disco, como elixiron e como traballaron os temas que tomaron da tradición galega para facelos propios?

Respuesta. -Temos un fondo de armario de varios centos de melodías bastante descoñecidas que fomos aprendendo dos cancioneiros antigos ou das nosas gravacións de campo durante máis de trinta anos, aos gaiteiros vellos, frauteiros, acordeonistas, ás cantareiras. Témolas na cachimonia e cando nos poñemos a arranxar novos sets ou suites, van fluíndo, ímolas probando a ver como empatan ata que nos convencen. Son melodías sen acompañamento, polo que despois toca axeitalas e darlles unha base harmónica potente de buzuqui e contrabaixo. Ao final é un proceso bastante natural, e os temas que non demos gravado para este segundo CD, xa están esperando ao seguinte. Ao facer folk instrumental, tentamos ir entretecendo no CD e nos directos os sets bailables, muiñeiras, xotas, agarrados, con temas pausados ou ambientais, alalá, canto de ronda.

P. Iniciaron a vosa carreira como o grupo TOR en 2018 e editan hoxe o seu segundo disco. Que balance fan deste devir?

R. Comezamos na música tradicional e folk nos 90, con moitos discos editados con outras formacións, estudos e publicacións de etnografía musical. Tras levar tocando xuntos moitos anos de xeito puntual, decidimos en 2018 lanzar TOR como cuarteto. Neste tempo xa acadamos un son consolidado e un bo directo, que só pode medrar.

P. É máis dificultoso nunha carreira musical o feito de facer folk? E como é facer folk desde Ourense ou Vigo?

R. Si é máis difícil, hoxe hai moitas músicas minoritarias e o folk galego é unha máis fronte a presión mediática do pop. E máis difícil aínda facelo dende Ourense ou Vigo, lonxe dos centros de poder sexa Compostela ou Madrid. É toda unha odisea. Ao final os grupos pequenos temos que autoxestionar todo, pero chegas a máis xente. Temos o dobre de oíntes nos USA que en España, e Tokyo e Ourense cidade, por aí andan.

Contenido patrocinado

stats