"Loitar ou desaparecer"

PLAYLIST

Cunha década de traxectoria Malheira segue sumando concertos e actuará na súa casa: o 1 de novembro no Café Cultural El Pueblo e o 6 de decembro no Café Cultural Auriense

2024102421023165252
2024102421023165252

Malehira: sova, tunda de golpes dados com um pau ou objeto semelhante. A definición do dicionario é ideal para definir a música do grupo ourensán Malheira. Trátase dun power trío con melodías heavies e un son atronador. “Metal galaico” que non só sacode ao escoita coa súa música senón tamén coa súa lírica. “A inspiración ven dada póla realidade que na vivimos e que inspira unha certa crítica sobre aqueles temas nos que non estamos de acordo. De tódolos xeitos nas nosas letras tamén falamos da historia do noso país igual que tocamos temas relacionados coa mitoloxía de Galicia. A parte literária, xá que escribo en ton poético, xorde da lectura dos clásicos e actuais escritores que ceivan técnicas e recursos a miña mente a hora de escribir e que a súa vez cabalgan en harmonía sobre as melodías que sonan mentres teño a guitarra no colo e o lápis na man”, explica Diego Vázquez, voz e guitarra do combo que completan Iago González en baixo e Rubén Pinal en batería. O 1 de novembro en El Pueblo e o 6 de decembro no Auriense, en Ourense, ademais do 7 en Vigo, poderase ver en concerto a Malheira.

Ser músico de rock e ourensán ten un teito? Hai poucos sitios onde tocar, non hai apoio institucional…

Ser músico de rock non ten ningún teito, todo é autoxestionado, digamos que no dia a dia máis ben é un gasto de tempo e cartos, pero por facer o que un lle gusta...a sarna non pica. Lugares onde tocar nesta cidade? Dous ou case tres. Son cafés culturais que fan o que poden e máis pólo movemento musical e cultural e os que lle hai que estar agradecidos, pois o sacrificio non é pouco. Saír tocar fóra? Pois cunha man de diante e outra detrás. Ir pola gasolina, dependendo de quen organice, ou por algo de cartos pero pouca cousa. En canto as institucións o apoio é cero, sobretodo hoxe. Houbo un tempo no que había algo de apoio, pouco pero o había. Hoxe non hai nada, de feito por desgracia recentemente escoitaronse opinións en tono burlón dirixidas as bandas emerxentes que demandaban apoio para os seus proxectos. En definitiva, a cultura local está destinada a loitar ou desaparecer.

Teñen cancións como “A bandeira da Galiza”, “A xente galega” e ata unha versión de “Nau” de Luar na Lubre, cuxa letra di “Somos xente de Galicia (…) Nau de sonos, nau de espranzas, nau de infinda veleidade”. Considéranse comprometidos ideolóxicamente? Galeguistas?

A nosa ideoloxía é galeguista sí. Estamos comprometidos coa reivindicación dos galegos e as galegas como pobo, de feito, todo isto vese reflictido nas nosas letras.

Contenido patrocinado

stats