Máis Dylan na lareira

Rabo de nube

“A Boy Walking” presenta un percorrido documentado e amenísimo polos primeiros anos creativos do músico e poeta Bob Dylan, que mestura biografía, autobiografía, ensaio e literatura.

Publicado: 16 oct 2020 - 06:52 Actualizado: 15 oct 2020 - 21:52
2020101519520475489
2020101519520475489

Aquel libro, “Oh, no, not another Bob Dylan book!”, de Humphries&Bauldie, continúa tendo actualidade. Porque a bibliografía dylaniana segue a medrar como cogumelos após da chuvia. E algunha “culpa” teño eu en semellante copiosidade. Certo que o de Duluth non cesa no seu “Never ending tour”, parado soamente pola pandemia que nos (des)ocupa. O que non foi atranco para un recente e memorable disco chamado “Rough and Rowdy Ways”, do que nos antecipara mostras (gratuitas, o que en Dylan non é –en absoluto- norma) nos días ruíns do confinamento. E poisque a festa continúa vén de aparecer un novo libro sobre Dylan, do comunicólogo andaluz Jesús Albarrán.

Quen se adentra no libro sobre a volta enteira que lle dera ao folk aquel rapaz, “misfit”, como na película de John Huston, que vindo do rock, a el volvera nunha fusión chamativa que se chamou, por dicir algo, “folk-rock”, co que moito tivera que ver aquel grupo de Newcastle, The Animals, intérpretes de “The House of the Rising Sun”. Albarrán non pretende descubrir a pólvora, difícil nunha bibliografía que rolda os cen títulos, e a seguir, mais fai unha síntese curiosa dos primeiros anos dylanianos, ata –prácticamente- a trilóxia prodixiosa, chamada (tamén por dicir algo) “ácida”. E que remata, antes do accidente de motocicleta que mudaría, disque, hábitos, costumes e temática do homiño (pola talla física, digo, 1, 71 metros) de Duluth, Minnesota, con “Blonde on Blonde” (se cadra as inciais de Bob; hai teorías).

Mais o mellor deste volume é como se introduce nel o autor, outorgándolle un punto literario, e da intrahistoria de Jesús Albarrán, do que moitos dos libros sobre Dylan carecen. Xa se trate de reflexións persoalísimas, quer de intromisións en momentos vividos polo cantante que fora a Nova York para coñecer a Woody Guthrie, probable, mais –sobre todo- para abrirse camiño no mundo dos “folk-singers”. Así foi se así vos parece. E o resultado, no caso Albarrán, estimulante. Cal o tempo en New York City, como cantado por Dylan nun blues falado. Así o libro de Jesús Albarrán, “Premio Manuel Albarrán de Estudios Humanísticos”, unha aportación máis, pero de ningunha maneira menos, ao mar proceloso dos estudos dylanianos.

Contenido patrocinado

stats