Luis Menor, presidente da Deputación: "Encántame atoparme co censo e ver que gañamos poboación"

Coa tranquilidade e a capacidade de diálogo que o caracteriza, Luis Menor (Pereiro de Aguiar, 1964) repasa nesta entrevista o seu primeiro ano completo como presidente provincial e trata todas as frontes que ten abertas o PP en Ourense.

2024122207553622159
2024122207553622159

Coa tranquilidade e a capacidade de diálogo que o caracteriza, Luis Menor (Pereiro de Aguiar, 1964) repasa nesta entrevista o seu primeiro ano completo como presidente provinciale trata todas as frontes que ten abertas o PP en Ourense. Tampouco esconde a súa alegría polo último censo e sinala a necesidade de seguir traballando para atraer e fixar poboación.

"Foi unha prioridade para min dende o primeiro momento e agora é unha realidade sen volta atrás"

Este 2024 foi o ano do novo sistema para a distribución dos fondos da Deputación a través de plan CooperOU.

Sen dúbida ningunha é o cambio máis notorio desta lexislatura. Con este novo sistema de financiamento a Deputación cumpre un dos seus mandatos fundamentais como é a cooperación cos concellos. Eu xa o teño dito moitas veces, polo meu perfil de alcalde coñezo de primeira man as necesidades que ten un concello e por iso quixen priorizar dende o primeiro momento este novo sistema. Unha das claves deste novo sistema de financiamento é que dotamos a cada concello dunha contía definida a través da distribución universal dos fondos.

Era unha demanda histórica da oposición, como está sendo a resposta que recibe dos diferentes alcaldes da provincia?

Eu diría que é unha realidade que non ten volta atrás porque todo son vantaxes. A contía que se dedica á cooperación cos concellos aumentou moito, pasou inicialmente dos 7 aos 17 millóns de euros, e o ano pasado terminou en 31 millóns. Unha das claves e que ningún concello sae prexudicado e son moitos os que saen beneficiados. Ademais, o plan concédelle aos concellos moita autonomía e capacidade de planificación, xa que dende o principio está definida a cantidade mínima que van percibir. O que me chega é que trátase dun plan unanimemente aceptado.

"O diálogo é a miña forma de facer política e o exemplo está en como saíro adiante os orzamentos"

Os plenos da Deputación, a diferenza dos do Concello de Ourense onde a tensión é barullo son protagonistas, estanse a caracterizar polo diálogo.

Eu creo que o diálogo é fundamental. O exemplo témolo nos orzamentos, a pesar de que a postura inicial do PSOE era de negación, conseguimos a través do diálogo e de escoitar as súas propostas chegar a un acordo. Finalmente, os orzamentos saíron adiante só cos votos en contra do BNG, o que reflicte o alto grao de consenso no documento máis importante de calquera goberno. A min no me gusta a realidade política actual a nivel nacional, nas diferentes cámaras vemos constantes enfrontamentos, incluso persoais e muros estancos que non permiten chegar a ningún tipo de acordo. Eu creo que a sociedade non é así e por tanto os políticos non deberiamos ter esa forma de ser. Eu, de feito, como alcalde de Pereiro de Aguiar teño unha maioría folgada, pero na maior parte das decisións chegamos a acordos coa oposición, non por ter unha ampla maioría tes que deixar de lado á xente. O diálogo é a miña forma de facer parte política.

Un dos principais problemas da provincia era a perda de poboación, pero a tendencia parece que se está rachando nos últimos anos. Vostede sabe ben pola súa experiencia no Pereiro de Aguiar como atraer novos habitantes, cales son as claves?

Para gañar poboación o importante é ter actividade económica. Se un veciño non ten traballo, dificilmente vaise quedar a vivir no teu municipio. Pero só con traballo non é suficiente, senón que tes que dotar ás persoas dos servizos que requiren para desenvolver o seu proxecto vital. Eu sempre fago esta análise como alcalde que tamén pódese facer como presidente: ti tes que darlle a calquera veciño que ven a teu municipio o que necesita. E o que necesita é educación, sanidade, conciliación familiar, deporte e cultura. Por moito que teñas industria e traballo, tes que apostar por dar estes servizos. Eu como alcalde vivo moi achegado ao censo, e recoñezo que me encanta atoparme como presidente nun momento no que gañamos poboación e conseguimos frear ese despoboamento que se formulaba. Tamén neste sentido a inmigración está sendo esencial para moitos sectores produtivos.

Hai seis meses era elixido presidente provincial do PP ourensán, que balance fai deste tempo?

Foi un tempo de traballo moi intenso. Eu e o meu equipo caracterizámonos por intentar integrar a máxima cantidade de persoas nos proxectos. Igual que na Deputación chegamos a acordos, dentro do partido non podía ser menos. Queremos que no partido estean representadas todas as sensibilidades e ideas, porque somos un partido con moita representación nas diferentes cámaras. O que fixemos foi facer unha estrutura de partido onde toda a xente que queira poida ter participación achegando ideas. É un traballo que está tendo bos resultados e que presupón que ninguén sobra no partido e que calquera que se queira incorporar ao proxecto ten cabida. Somos o partido maioritario da provincia e por tanto temos que ter a mellor pulsión posible da provincia. Agora toca facer traballo interno, no horizonte non hai eleccións ata 2027, pero nós dende xa aspiramos como primeira forza a mellorar resultados e por tanto estamos traballando en incorporar e recuperar xente para chegar nas mellores condicións posibles a todos os concellos da provincia.

"Sinálase ao PP, pero convén mirar os datos para ver que partidos están facilitando o Goberno da cidade"

Ese traballo para incorporar ou recuperar xente, antóllase prioritario na cidade que está agora mesmo baixo a dirección dunha xestora.

É unha situación que trataremos de cambiar canto antes, pero é certo que o partido provincial funcionou cunha xunta xestora durante dúas eleccións como foron as autonómicas, onde fomos clave, e durante as europeas, onde o partido obtivo a porcentaxe de voto máis alto de todas as provincias españolas, polo tanto tamén se pode traballar ben a través dunha xestora. Evidentemente, o desexable é que o partido da cidade teña un órgano de goberno elixido democraticamente. Non imos negar que estamos ante momentos complicados, o que era cabeza de lista dimitiu, e nun grupo cando perdes ao líder sempre se produce unha sensación de orfandade. O traballo que estamos facendo nestes momentos é de axudar ao grupo municipal a través da xestora, e entre todos ir conformando as condicións para achegarnos a un congreso onde se decida o candidato. Temos moi claro que a capital debe ser prioritaria para o Partido Popular.

"Non hai nomes enriba da mesa, pero será alguén capaz de dar resposta a todos os problemas de Ourense"

Saltemos entón cara ao o futuro, que perfil de candidato ten en mente Luis Menor para a alcaldía de Ourense?

Candidato ou candidata, porque creo que no meu equipo as mulleres teñen moito que dicir. Evidentemente, agora mesmo non hai un nome enriba da mesa. A min gustaríame que fose un candidato que obviamente tivera capacidade de xestión para levar unha cidade que conta cun orzamento superior aos 100 millóns de euros. Ademais diso, habería que formular un programa que responda aos grandes problemas da cidade, habería que dotar a cidade dunha boa estrutura económica, habería que ter un PXOM, apostar polo termalismo, devolver os servizos sociais á cidadanía, facilitar a cooperación con outras administracións… en definitiva, moitas cousas. Por tanto, debería ser unha persoa seria e rigorosa e se é posible con experiencia política e de xestión. Non me cabe dúbida de que hai un volume importante de persoas no partido que poden conforman unha candidatura extraordinaria, agora a clave é acertar co candidato.

Contenido patrocinado

stats