A gaita volveu soar con forza na cima da montaña de Manzaneda
300 GAITEIROS
A décimo sexta edición do certame reuniu a uns 300 gaiteiros na estación de montaña
Un domingo máis de xullo, e un domingo máis cheo de música na cima da montaña. A estación de montaña de Cabeza Grande, en Manzaneda, converteuse de novo nun auténtico mar de gaitas e traxes tradicionais co Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que celebrou a súa fase final, como xa é tradición desde hai dezaseis edicións. Alí, entre natureza, vento fresco e moita paixón pola cultura, xuntáronse arredor de 300 gaiteiros para compartir música e identidade.
A cita, xa convertida en referente no calendario musical galego, ten raíces fondas. O concurso de gaitas foi promovido fai preto de catro décadas polo inesquecible alcalde Gabino García xunto ao director da Real Banda de Ourense, Xosé Lois Foxo, e continúa vivo hoxe, convertido no certame celtibérico grazas ao apoio da Deputación de Ourense e o Concello de Manzaneda.
A el, a Gabino, dedicóuselle un ano máis a ofrenda floral que pechou a xornada. Tras esa homenaxe, chegou a entrega de premios e o momento culminante: o himno do Antigo Reino de Galicia, interpretado por todos os músicos ao unísono.
Como sempre, houbo que buscar algo de sombra, sobre todo os músicos, que entre camisas, faixas, chalecos e saias traen posta a tradición enriba, aínda que a temperatura foi moi agradable co fresco da serra. Pero entre nota e nota, a alegría era a mesma de sempre: a de manter viva unha herdanza que resoa fondo nas montañas. Porque en Manzaneda, cada verán, a gaita fala máis alto ca nunca.
A Real Xuvenil coróase nun certame cheo de talento gaiteiro
O protagonismo musical levouno a Real Xuvenil de Ourense, que acadou o primeiro posto absoluto en primeiro grao. A Banda Agarimo de Catabois, desde Ferrol, quedou segunda. En segundo grao, o premio foi para a Banda Municipal de Chantada, e en terceiro grao venceu San Pantaleón das Viñas, tamén de Ferrol, con Ladies Band de Ourense no segundo posto. En cuarto grao, brillou a Banda de Gaitas do Concello de Riós, seguida pola agrupación de Concello do Bolo, Preparatorio e Castrelo de Miño.
A nivel individual, o talento tamén tivo nome propio. Na categoría de gaiteiros solistas maiores de 18 anos, Florentino Pajarón proclamouse campión, seguido de Xavier Pérez, que acadou o segundo posto. Entre os maiores de 10 anos, a gaiteira Noa González levou o primeiro premio, mentres que Rosa María Carriba foi recoñecida como subcampioa. E na categoría de menores de 10 anos, o xurado destacou a interpretación de Mael Lombardero.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MANTENER VIVA LA TRADICIÓN
Antes de que la música de las chocas se apague en la montaña de Manzaneda
RESUENAN LAS CORNAS
Galería | Los pastores que mantienen viva la tradición en Manzaneda
Lo último
TENSIÓN EN ORIENTE PRÓXIMO
Irán plantea reabrir el estrecho de Ormuz en siete días si EEUU acepta sus condiciones