Traballo e natureza van da man en Manzaneda
voluntariado interxeracional “VAI 2025”
Durante a fin de semana do 5 e 6 de xullo, quince persoas voluntarias participaron no programa “VAI 2025” no Souto de Rozavales. Ademáis da parte de traballo, descubriron a riqueza cultural, paisaxística e humana do Concello de Manzaneda.
O Concello de Manzaneda foi escenario do programa de voluntariado interxeracional “VAI 2025”, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, en colaboración co propio concello.
A actividade, celebrada nesta fin de semana, centrouse no coidado do Monumento Natural Souto de Rozavales, un espazo de gran valor ambiental e simbólico no territorio.
Durante dúas xornadas, sábado 5 e domingo 6 de xullo, 15 persoas voluntarias, de diferentes idades e procedencias, entregáronse con entusiasmo ao mantemento deste espazo natural tan singular. Polas mañás, entre as 10,00 e as 14,00 horas, dedicáronse a lixar e aplicar barniz protector á madeira da baranda que rodea ao milenario castiñeiro de Pumbariños, así como ao resto do mobiliario de madeira, como bancos e mesas, presentes no souto, rehabilitando así un dos espazos máis visitados no concello.
Pero o voluntariado foi moito máis ca traballo. Polas tardes, as persoas participantes tiveron a oportunidade de descubrir a riqueza cultural e paisaxística de Manzaneda da man do persoal do concello. Visitaron a vila medieval, pasearon entre os socalcos romanos que forman parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e mesmo se achegaron ata o Santuario das Ermidas, xa no veciño concello do Bolo, para contemplar a paisaxe cara Manzaneda. A noite do sábado rematou cun paseo nocturno ao Bambán do Alto da Escrita e ao Curro da Chaira das Lamas, gozando da maxia do ceo estrelado e coñecendo a tradición dos curros e do pastoreo
Non faltou o tempo para o lecer e a convivencia. O venres á noite, na chegada, houbo unha sesión de contextualización sobre o territorio e o programa, seguida dunha festa de inauguración do bar da piscina, onde o grupo do voluntariado compartiu música, baile e bo ambiente con veciños e visitantes.
Desde o Concello de Manzaneda destacan e agradecen “o compromiso e o entusiasmo deste grupo de persoas voluntarias, que sen esperar nada a cambio axudaron a coidar un espazo tan valioso para nós como é o Souto de Rozavales. Tentamos devolverlles o xesto organizando paseos que lles permitiran coñecer Manzaneda máis alá da Estación de Montaña”.
Unha experiencia que combina coidado ambiental, patrimonio, convivencia interxeracional e descuberta do territorio, e que, sen dúbida, converterá a estas quince persoas en verdadeiras embaixadoras de Manzaneda.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
XORNADAS DE FOLCLORE
Manzaneda viaja por el mundo al ritmo de la danza
ESTACIÓN DE MONTAÑA
Manzaneda: eclipse en la montaña
Lo último