Aurentino Alonso Araujo, tenente de alcalde do Barco: “A sanidade decaeu moito na comarca. Perdéronse servizos”

ENTREVISTA

“O Barco de antes da chegada de Alfredo García observamos que non ten nada que ver co que vemos agora”, afirma o aspirante á alcaldía

Publicado: 01 sep 2025 - 04:01 Actualizado: 01 sep 2025 - 19:03
Aurentino Alonso, no despacho da Alcaldía barquense.
Aurentino Alonso, no despacho da Alcaldía barquense. | J. C.

A Corporación municipal do Barco de Valdeorras elixirá hoxe, en una sesión que comezará ás 13,30 horas, ao seu presidente e alcalde barquense, despois da renuncia de Alfredo García Rodríguez. Salvo sorpresa maiúscula, a responsabilidade recaerá no primeiro tenente de alcalde, o socialista Aurentino Alonso Araujo.

Pregunta. Canto tempo leva na actividade política?

Respuesta. Desde 2010, que empecei de concelleiro. Xa na primeira candidatura do PSOE e con Alfredo encabezando. Eu xa ía nesa lista, no 1999. Daquela, eu tiña outros líos profesionais e díxenlle a Alfredo que me metera atrás, nun posto menos relevante.

P. Tamén foi deputado. Que impresión se leva deste cargo?

R. Entre 2019 e 2025 fun deputado provincial. Foi unha experiencia moi positiva a nivel persoal e profesional. Defendín esta comarca en todo aquelo que considerábamos que había que defender: a mina de Penouta; as estradas da zona; silicose; Manzaneda; estrada de San Vicente; os embalses cando houbo unha seca moi pronunciada ou a ponte sobre o Xares, no O Bolo. Quedoume a espina do acceso a San Vicente, que non se chegou a materializar

P. Que o levou a entrar na actividade política?

R. Inicialmente non tiña ningunha intención de meterme na política pero cando Alfredo García, a quen coñecía desde que vin ao Barco porque estaba de director do Centro de Formación de Profesores, conformou a primeira candidatura falou comigo e dixen, por que non? E ata hoxe.

P. Hoxe opta á Alcaldía. Como afronta o reto?

R. Xa viñamos traballando dende fai moito tempo e vaste concienciando. Sabes que a responsabilidade é grandísima e que o listón está moi alto, mais creo que xa coñezo a maquinaria dun concello e vexo que podo facelo. Ademais, teño a sorte de estar xubilado no ensino e conto con todo o tempo do mundo. Ou me dedicaba a vida contemplativa ou seguía tendo unha actividade que é moi bonita e satisfactoria!

P. Que puntuación lle da á xestión do derradeiro alcalde, Alfredo García?

R. Creo que é unha xestión de 10. Os que coñecemos O Barco de antes da chegada de Alfredo García observamos que non ten nada que ver co que vemos agora. Cando cheguei ao Barco vin un pobo en gris, e acababamos de entrar na Comunidade Europea. Eran os anos 1989 e 1990. Levábamos tres ou catro anos nela e a renda media de España aínda estaba moi lonxe da doutros países. Chegaba moitísimo diñeiro e aquí, no Barco, non se materializara nada cando noutras poboacións si se estaban vendo moitas actuacións. Desde 1999 foise convertendo nunha pequena cidade. Con tódolos problemas e defectos pero tamén cos beneficios dunha cidade para vivir.

P. Cales son os proxectos que estima prioritarios para O Barco?

R. Temos un que sairá pronto: a senda do Salgueiral. É unha obra pequena e sencilla pero vaille dar outro punto de vista diferente aos veciños e vainos permitir recuperar parte do Salgueiral. Logo está a travesía da estrada N-536. Cando remate a circunvalación, e estamos a ver se o Ministerio lle da para adiante, converterá nunha especie de boulevar o centro do Barco. Tamén temos o centro de investigación da minería nas antigas naves de Cedie. Está o problema da vivenda e imos poñer a disposición da Xunta terreos onde se poderán facer actuacións. O Hospital, aínda que non é noso, temos que seguir pelexando pola súa calidade. Non pode ser que un veciño teña que ir a Ourense a facer unha ecografía ou por unha verruga. A sanidade decaeu moito en Valdeorras. Perdéronse servizos que tiñamos gañado.

P. E están as comunicacións…

R. E outro dos grandes temas. Seguimos mal comunicados. A N-120 está obsoleta e temos que seguir pelexando pola A-76. Temos a estrada A Rúa-A Gudiña, que nos comunica co AVE, e debemos esixir á Xunta que estea en condicións. Despois, está a pelexa por recuperar os servizos do AVE na Gudiña. Non pedimos nada extraordinario, so que se recuperen os servizos, que se demostraron que ano tras ano cada vez estaban máis usados. Xa o problema do ferrocarril no Barco vai ser difícil que o resolvamos

Contenido patrocinado

stats