A Insua dedica a Castelao unha obra de Antón Pulido

PEDRA E FERRO

A creación escultórica terá cinco metros de alto por sete de ancho, feita en pedra e ferro

Maqueta da nova escultura dedicada a Castelao.
Maqueta da nova escultura dedicada a Castelao. | La Región

A Insua dos Poetas acollerá unha nova obra escultórica dedicada neste caso a Alfonso R. Castelao, da que é autor o artista Antón Pulido, e que se dará a coñecer o próximo 19 de xullo, coincidindo coa celebración da Festa da Palabra.

No Concello do Carballiño, concretamente na Esgueva de Madarnás existe, desde hai 17 anos, o único espazo cultural no que a literatura e as artes plásticas dialogan coa natureza nun predio de 7 hectáreas con especies arbóreas, auga e un encanto especial. Alí, están representados, mediante pezas escultóricas e pinturas, todas elas de gran tamaño e vistosidade, 20 escritores. Destacan as obras de artistas de prestixio como Xosé Cid, Acisclo Manzano, Buciños, Ramón Conde, Soledad Penalta, Mon Devane ou Diego As.

Neste parque público destacan autores como Carlos Casares, Eduardo Blanco-Amor, Álvaro Cunqueiro, Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Federico García Lorca, Pura e Dora Vázquez, Xela Arias e Xosé Luís Méndez Ferrín (instalado en 2024).

A esta ampla representación da literatura galega, a Fundación Insua dos Poetas súmalle neste 2025, Ano de Castelao, unha nova obra do pintor e escultor Antón Pulido, baseada nunha autocaricatura de Alfonso R. Castelao.

Esta peza, realizada en pedra e ferro, foi concebida como homenaxe ó xenial rianxeiro, na súa faceta de artista, escritor e político que loitou e faleceu no exilio (Bos Aires, 1950) polo recoñecemento da identidade propia de Galicia.

A presentación da maqueta do monumento a Castelao, obra de grandes dimensións, con 5 metros de alto por 7 de ancho, tivo lugar nun acto no lugar onde será instalada, no que estiveron presentes o presidente da fundación, Luís González Tosar; os tamén escritores e patronos da Insua dos Poetas, Alexandre Corbillón, Roberto Fernández e Celso Sánchez; o director da obra, Alberto Fernández, e o autor da mesma, Antón Pulido.

González Tosar destaca o apoio e a colaboración da Deputación, a través do seu presidente, Luis Menor, e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que dirixe José López.

Todas as actividades que se leven a cabo na Insua, neste 75 aniversario da morte de Castelao, xirarán arredor do autor de “Sempre en Galiza”, segundo engade o presidente da fundación. “Os firmes e fortes vencellos de Castelao cos ourensáns emigrados e exiliados na Arxentina, ben pagan este esforzo e esta homenaxe, que terá lugar no transcurso da Festa da Palabra”, declarou.

Día do libro

Ademais, o próximo 9 de maio terá lugar, na Insua dos Poetas, o Día do Libro arredor de Castelao, coa participación do alumnado e profesores do IES Otero Pedrayo (Ourense), IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), IES Celso Emilio Ferreiro (Celanova), CPR Vila do Arenteiro (Carballiño) e CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas). Nese evento daranse a coñecer os premios do certame escolar de poesía e narración, Castelao na Insua.

Contenido patrocinado

stats