Opinión

Pantallolatría eclesiástica

Don Carlos Alonso del Real, eximio catedrático, nas súas marabillosas e algo caóticas clases de Prehistoria e Arqueoloxía a “retrotempo” –empezaba no mundo romano e ía para atrás, na idea de que había que partir do máis coñecido e ir cara ao descoñecido –o paleolítico e a hominización- comentábanos no curso 1980-81, o último da súa traxectoria docente, que os arqueólogos do futuro, escavando as vivendas de hoxe, poderían pensar que os televisores eran obxectos de culto. A razón é simple: estaban no lugar central da casa e todas as sillas e sillóns estaban sempre enfocadas cara a eles, e servían de apoio a pequenos obxectos –desde bonecas andaluzas a figuriñas de Sargadelos- sen dúbida ex-votos como os vellos de cera da Capela dos Remedios ou de terracota do mundo romano. Daquela, riamos coas ocorrencias do vello profesor que o que quería era que abrísemos as mentes a outras interpretacións posibles e máis cotiáns dos restos que se ían atopando e non sempre botar man do fácil recurso da interpretación máxico-relixiosa.

Claro que non podía prever don Carlos nin a desaparición da “caixa tonta” –soporte dos ex-votos- substituída pola “lámina tonta” –digamos que TV de plasma, leds, ou similar-, nin a proliferación xeométrica de pantallas por todos lados dificultaría o tema.

Porque agora estamos todo o día rodeados de pantallas. Arestora téñolles diante a do ordenador no que escribo, enfronte a do televisor apagado, e por riba da mesa, a do teléfono móbil... E faltan algunha outra clave tamén na nosa vida cotiá: a pantalla do caixeiro automático. E hai aínda quen ten tablet, ton-tón, etc. para complementar as pantallas de publicidade dos bancos, perfumerías, ou calquera outra tenda que se prece de moderna. 

En fin, que o outro día cadroume ir á igrexa dos Salesianos e alucinei coas seis megapantallas colgadas das columnas e lembrei que había pouco estivera noutra igrexa e tamén estaba chea delas... E pensei que a razón asistía a ese movemento de tranquilidade cívica que pide deixar as rúas libres de tan absorbente obxecto, a través do seu lema de terrorismo de baixa intensidade “pantalla a la acera, pedrada certera”. Ocupan espazos públicos con imaxes obrigatorias, e iso é invasor. Na igrexa non, só vai quen quere. Espazo privado. Pero.

Eu creo que as igrexas foron e deberían seguir sendo lugares de introspección, reflexión, tranquilidade, acougo, comunicación espiritual, calma... e deben modificar tirando a pouco a súa forma e ritmo... Non o fixeron en mil ou dous mil anos e non lles foi tan mal. E se o crego tarda uns minutos, non hai que andar “divertindo” ou “entretendo” aos fieis eses momentos... E lembrei dúas mensaxes “antimodernidade” que vin en templos. Ou sexa, en favor do recollemento e tranquilidade. A primeira en Santiago, hai anos, puña: “Apague el móvil, para hablar con Dios no lo necesita”; logo sacárono, debíalles parecer un chiste. A outra, en Armenteira, no acceso á capela do convento, dicía máis ou menos: “Non faga fotos nin videos no interior. Grave as imaxes no seu corazón”. 

Pois si. Creo que perden bastante as igrexas coa invasión do plasma: é o novo deus bárbaro da relixión pagá.

Te puede interesar