Opinión

O que dixeron a propósito da guerra

Antonte falamos eiquí da guerra civil fría. Cal? Pois aquela na que os bos afirman que os malos son os outros e os outros afirman que os que son bos son eles, e viceversa. Cando a bondade e a maldade da que mutuamente se acusan adquire o matiz de absoluta pódese dicir, sen perigo de nos equivocar, que uns e outros están posuídos por unha mentalidade totalitaria.

Nestes días e na nosa propia casa estamos contentándonos, cando menos de momento, ogallá sexa por moito, moitísimo tempo, con celebrar unha guerra fría civil na que xa levamos anos e máis anos; ou sexa unha guerra fría, civilmente levada a cabo, sen aumento de temperatura, porque conten sempre dentro dela a larva, a viscosa lesma da conflagración bélica quente. Ás guerras frías hai que lles poñer sempre fin, haillo que pór a tódalas guerras, porque pasadas unhas xeneracións xa ninguén se acorda do que significaron as subidas de temperatura e a guerra quente que se derivou delas. 

E mentres nós estamos así, no gran derby nacional dos roxos e dos azuis, por aí enriba, en latitudes superiores ós 50º N, andan empeñados nunha guerra quente, mesmo con bombas barotérmicas, unha guerra provocada pola invasión que o exército ruso levou a cabo en Ucraína levado da man do tsar Putín. Como posicionarse ante esa espiral de violencia que pode acabar por envolvérmonos tamén a nós?

Non sei ata onde chegarei pero levoume media mañá a escolma de frases que persoas eminentes, posuidoras dunhas intelixencias admirables, malia que nalgúns casos denostables, opinaron da guerra. Non sei ata onde chegarei, pero aí lles van un feixe delas como se fosen doas dun rosario de ladaíñas que nos fagan recapacitar a todos encol do que está a suceder na nórdica latitude citada e nestas nosas de algo máis ó sur pero tamén ubicadas no hemisferio boreal.

Einstein afirmaba que o seu “pacifismo non se fundamenta en ningunha teoría intelectual, senón nunha fonda antipatía cara toda forma de crueldade e odio”. Hitler, gran responsable da invasión das nacións lindeiras con Alemaña e como consecuencia da Segunda Guerra Mundial, deixou dito que “ó iniciar e librar unha guerra, non é o correcto o que conta senón a vitoria” e seguramente iso é o que pode estar pensando hoxe o tsar Putín logo de ameade zar debidamente a Suecia e a Finlandia e ter invadida Ucraína.

Nevil Chamberlain, o antecesor de Churchill como primeiro ministro británico estaba convencido de que “na guerra, á marxe do bando que se proclame vencedor, non hai gañadores senón tan só perdedores”. Henry Kissinger, que botou andar máis dunha guerra civil polo hemisferio sur americano, pensaba que “o exército convencional perde se non gaña, mentres ca guerrilla gaña se non perde”. Saudemos ós cosacos de Zaporiyia.

Marshall MacLuhan, o que soubo prever a sociedade da información e acuñou o termino de aldea global tan manexado dende entón, deixou dito que “a televisión levou a brutalidade da guerra  ó confort do cuarto de estar. Vietnam perdeuse nos cuartos de estar dos Estados Unidos, non nos campos de batallas do Vietnam”. Non sei que diría hoxe de ver como está a nosa sociedade, pero millor non pensalo moito, que me poño triste.

Churchill, o que prometeu ós británicos sangue, suor e bágoas, proclamou que “na guerra determinación; na derrota, desafío, na vitoria, magnanimidade; na paz, boa vontade”. Logo deixou a democracia española abandonada á vontade do ditador. 

Santo Tomás de Aquino afirmou que que “pra que unha guerra sexa xusta, son precisas tres cousas: en primeiro lugar a autoridade do soberano; en segundo lugar, unha causa xusta, e, en terceiro lugar, un propósito lexítimo”. O que está comezando en Ucraína conta coa autoridade do tsar que considera a súa unha causa xusta e lexítimo o propósito que propiciou a invasión dun país soberano. Hai que mirar ben o que se di ou se pensa.

Gandhi estimou que “a non violencia (era) o primeiro artigo da súa fe e tamén o derradeiro artigo do seu credo”, mentres que Georges Clemenceau que foi primeiro ministro francés durante a Primeira Guerra Mundial e duro perseguidor de pacifistas opinaba que “facer a guerra era moito máis doado que facer a paz”. Xoán Paulo II nacido en Cracovia, na Galitzia, polaca ou alemá, según os tempos e os vaivéns da Historia, sentenciou que “a guerra debería ser confinada no tráxico pasado, na Historia; non debería ter lugar nas previsións de futuro da humanidade” e non será este escribidor de vostedes que apele esa sentencia.

Xa ten o lector tema no que enredar, opinións non sempre converxentes non sempre subscribibles. Hai moitas máis, claro que as hai. Dunhas e doutras botamos man según a nosa conciencia nolo dite de xeito que con elas apoiamos unha tendencia bélica ou outra pacifista según e cando, según e como, según é quen. Gandhi o tiña claro e agora que o recordo tamén o tiña Paul Valéry o autor do poema “O cemiterio mariño” que eu lin traducido nunha antoloxía literaria que o profesor Ogando nos puxo de texto no bacharelato e que non dou localizado agora, por moito que a levo buscado. Penso no cemiterio mariño, que eu visitei nun día plácido e luminoso, en Séte, no que repousa o poeta, e que cerca del esta o coñecido como o cemiterio dos pobres. Valéry está no primeiro,  que agora leva o seu nome, e Georges Brassens está no segundo. Seguro que Brassens estaría de acordo con Valéry en que “a paz é máis difícil ca guerra. Son precisos dous pra facer unha paz e só se precisa un pra facer unha guerra”. Estámolo vendo, un visionario entolecido, un narciso ególatra acaba de encetar unha guerra dun xeito que cremos superado. Ogallá Ucraína, a terra dos cosacos, poida sosterlle o pulso ó sátrapa e mesmo levarllo se non hai outro remedio. Nós, de dous en dous, poñamonos de acordo na urxente busca da paz.

Te puede interesar