Opinión

Festa das Letras en Parada de Sil

Un ano máis, e van dez desde aquel 2008 no que se lle dedicou o acto a dona Dora Vázquez, a Casa do Concello de Parada do Sil será o escenario, na mañá do sábado 13 de maio, da celebración da “Festa das Letras” correspondente ao ano 2017. Como nos últimos cinco anos, na “Festa das Letras” celebrarase, por unha banda, a entrega dos premios da V edición do Concurso de Microrrelatos Parada do Sil-Ribeira Sacra e, pola outra, os actos de homenaxe a un persoeiro destacado orixinario do Concello e que este ano recaeu no profesor Emilio González Graña.

Natural de Teimende, Emilio González Graña é sociólogo, profesor, ex-membro da Congregación dos PP. Paúles, defensor de Galicia, da súa lingua e da súa cultura e - sobre todo- das súas xentes. Foi un dos impulsores do movemento galeguizador e da reivindicación e posta en valor do rural levado a cabo no Colexio Os Milagres do Monte Medo, na década dos anos 70.
Apartado das súas funcións como profesor do Colexio dos Milagres e como relixioso, lonxe de abdicar dos seus principios éticos, afrontou o reto de empezar unha nova vida. A partir de aí viñeron, as primeiras eleccións municipais nas que Emilio González Graña a piques estivo de ser o primeiro alcalde democrático de Maceda e aquela candidatura ao Senado nas eleccións xerais do 1º de marzo de 1979. Cásase e ten dous fillos, e ata houbo algún tempo no que tivo que meterse a vendedor de seguros. Pero estaba claro que iso de vender seguros non era o seu. O seu era: vender ilusión e esperanza. E que mellor lugar para iso que volver ao rego, ao seu: a educación. A partir de aí viñeron os seus anos de profesor de filosofía no IES Universidade Laboral e no IES Otero Pedraio de Ourense, do que acabou tamén sendo Director.

Parabéns, pois, aos gañadores da V edición do Concurso de Microrrelatos Parada do Sil-Ribeira Sacra e ao homenaxeado na Festa da Letras deste ano 2017. E, por suposto, parabéns ao Concello de Parada do Sil e ao seu equipo de goberno por iniciativas como esta da “Festa das Letras”... e que cunda o exemplo. Mil primaveras máis para as letras e a cultura galega, mil primaveras máis para a “Festa das Letras” en Parada do Sil, porque -como alguén dixo con moito siso-, os pobos que coidan a súa lingua e a súa cultura, non morrerán nunca. 

Te puede interesar