Opinión

Autores do XIX en linguaxes do XXI

Pasei estes dous últimos días vendo entrar e saír xente de tódalas idades e de tódalas falas pola porta da casa natal de Miguel de Cervantes, no corazón do casco vello de Alcalá de Henares.

Andabamos nós -os representantes das casas museo e fundacións de escritores dos distintos lugares de España e de Portugal, coa presencia convidada dos representantes das casas da memoria italianas-, a reflexionar sobre cómo superar a dificultade de facer chegar as vidas e as obras de autores fundamentalmente dos séculos XIX e XX, a lectores ocasionais e visualreceptores permanentes do século XXI, cando na xornada de hoxe (onte para vostede) pola mañá, dúas mozas galegas nos convidaron a achegarnos ó propio Miguel de Cervantes dende unha perspectiva completamente inusual pero especialmente atractiva, que fai que a presunta vida aburrida ou a aparentemente tediosa obra do noso autor máis universal se transforme de súpeto nunha proposta visual que será do agrado de novos e vellos, de grandes e pequenos, porque, precisamente, está comunicada en linguaxes propios da nosa vida cotiá actual.

"Miguel en Cervantes. El retablo de las maravillas". Así se titula unha proposta expositiva que nace xusto cando se cumplen catro centos anos da publicación da segunda parte de El Quijote e ás portas do cuarto centenario, tamén, do falecemento do propio Cervantes, e que, como acabo de expresar, debe levarnos á reflexión a todos aqueles que temos algo que ver coa divulgación da obra dalgún creador, porque a miúdo lambemos as feridas que nos provoca non sermos quen de facer entrar á xente polas portas das casas destes autores e para lavar a nosa responsabilidade botámoslle a culpa á desidia dos demais e non somos capaces de pensar que se cadra o que está fallando é o "idioma" (é dicir, a linguaxe) no que os estamos a divulgar.

Neste caso -no de "Miguel en Cervantes"- os encargados de comunicar esta proposta son tamén dous autores galegos, os ilustradores David Rubín -este, como é sabido, ourensán- e Miguel Anxo Prado, que dende a estética do cómic relatan a biografía e parte da súa obra, do escritor español máis universal.

Por certo. Xa o teño escrito aquí noutras ocasións e non está de máis que o repita agora. Algún historiador asegura que “...os desta liñaxe (é dicir, Cervantes) son de alto sangue, que veñen de homes ricos de León e Castela, que se chamaron Munios e Adefonsos, que están enterrados en Sahagún e en Celanova; eran galegos de nación, que proviñan dos reis godos, emparentados con reis de León. De Celanova viñeron a Castela e acháronse na conquista de Toledo... É de boa caste, e houbo deles uns conquistadores de Sevilla e de Baeza e utros grandes homes...”.

Si, xa sei que é unha miña licencia máis. Pero aí queda... Ó dispor de quen a queira retrucar.

Te puede interesar