Opinión

Decisións sen retorno

Écerto que a Xustiza non fai outra cousa ca aplicar, con mellor ou peor criterio, as normas que con máis ou menos tino redacta o lexislador.


Por iso que, cando salta ós medios de comunicación unha sentencia xudicial ou calquera outra decisión xurídica que non é do noso agrado ou non coincide coas nosas preferencias, adoitamos botar man da cantinela que levou ó "caldeiro" a un coñecido alcalde andaluz cando dixo aquilo de que "a xustiza era un cachondeo".


Feita esa necesaria apreciación, tamén debemos ter en conta aqueloutra que conclúe en que xuíces e maxistrados non son máquinas nin aplicacións informáticas ás que lles introduces megadatos e en función deles bota contas con nanométrica precisión, senón seres humanos que por moi en estado de permanente profilaxe que convivan co resto dos seres humanos, non deixan de ver e interpretar o mundo dende a súa propia perspectiva, o cal é sinónimo de subxectividade, recoñézano ou non.


Mergúllome nesta reflexión introductoria, ó fío da recorrente información que de cando en vez, dende hai xa unha manchea de anos, aparece abrindo informativos e páxinas de xornal respecto do inminente anuncio de derrubo dese macro edificio que foi construído na entrada de Ourense, por onde na miña infancia e na miña xuventude lle chamabamos a estrada de Celanova e hoxe é a rúa Marcelo Macías.


Preto dun cento de veciños son, seica, os que están directamente afectados por esa espada de Damocles que pende sobre as súas propiedades por mor dunha interpretación xudicial -si, xa sei que en base a unha serie de criterios máis ou menos obxectivos, pero unha interpretación humana, á fin e ó cabo- da que serán víctimas "terceiros de boa fe" -disque lles chaman-, que, sen comelo nin bebelo e sen ter a máis mínima responsabilidade directa no asunto dentro de tres meses estarán en plena rúa, sen o santo e sen a esmola.
Non hai moito, un caso non menos mediático e non menos tráxico, aínda que de menor dimensión social, deixou sen casa a unha familia de Reza e ós poucos meses o denunciante resulta que tamén se ve agora sentenciado a ter que derrubar unha parte da súa.


Hai menos aínda, o alcalde da Merca, precisamente por tardar en executar outra, seica tivo que pagar unha multa e ás portas está agora de ter que abandonar a alcaldía, se esa mesma xustiza conclúe en que non ordenou cando debeu o derrubo doutra vivenda.


Eu non sei, pero vendo que hai decisións que logo non teñen retorno, digo eu que o lexislador debería ter redactado xa normas substitutorias.
Ou é que, se houbera pena de morte, algún xuíz sería quen de decretar unha execución con só que unha liña do sumario puidese contemplar a mera posibilidade de que o reo fose remotamente inocente?
Ou, dito doutro xeito, poderase falar de Xustiza se a sentencia deixa inxustamente a 90 familias sen casa?

Te puede interesar