Opinión

Europa e o Leboreiro

Malia ser perfectamente consciente de que publicar artigos por capítulos non é moi do xornalismo escrito, especialmente no xénero de opinión (porque o lector non ten por qué estar suxeito ós "desvaríos" do columnista -digo isto tamén como lector-, xa que logo o que un quere cando se pon a ler unha peza é rematar a lectura e pasar de contado a outra sección e non quedar suxeito á trama), permítame que nesta ocasión faga unha excepción e lle poña o ramo ás dúas columnas anteriores, nas que falei do dolmen de Dombate e da Mota Grande da serra do Leboreiro, con esta que hoxe traio a colación, porque, como comprobará ó remate, constitúe un corolario perfecto -e inesperado- a todo canto escribín nas dúas pezas anteriores.

Resulta que despois de ter sido colgada na rede a columna do pasado xoves, un vello coñecido que ademais é fidel lector desta columna, fíxome chegar unha mensaxe na que me daba conta da existencia dos premios "Archiprix Portugal" (que son uns premios instituídos pola Fundación Serra Henriques de Lisboa e que se enmarca na rede internacional "Archiprix" sobre arquitectura, arquitectura paisaxística e urbanismo, para arquitectos emerxentes) e de que na edición de 2013 fora presentado un traballo dun xove arquitecto de Porto, Pedro Miguel Santos, no que se propuña precisamente algo que eu mesmo reivindicaba na columna, é dicir, a explotación turística do conxunto dolménico da Serra do Leboreiro, cuxo fito principal é a Monta Grande.

Loxicamente, non me vou poñer aquí a explicar o proxecto porque precisaría a páxina enteira e aínda me quedaría curta. Pero, ademais de ter escrito xa o nome do seu autor, direille tamén que o seu título é "O espaço museológico num contexto de crise económica. Musealização da Necrópole Megalítica de Castro Laboreiro" e que se procura a páxina "www.archiprix.pt", no apartado correspondente a proxectos poderá achegarse a el e coñecer a audaz proposta que este arquitecto portuense para o planalto do Leboreiro coa instalación de "dous núcleos expositivos, un refuxio nocturno e tres pequenos puntos de descanso" destinados á recreación da paisaxe.

Debo dicir tamén que o proxecto foi finalista do devandito premio na súa edición de 2013, ademais de acadar unha mención de honra ó mellor estudo de museoloxía da Asociación Portugesa de Museoloxía.

E digo isto todo porque, xa que mañá imos dilucidar o futuro goberno da Unión Europea, agardo que algún dos candidatos que durante estes últimos 15 días nos deron a tabarra co importante que é Europa para as nosas vidas (Millán Mon, poño por caso), poida ler esta columna e a partir do luns se poña a traballar en firme para conseguir que este proxecto poida ser unha realidade na próxima lexislatura e demostrarnos así que certamente Europa serve para algo.

Te puede interesar