Opinión

O mapa dos camiños

Tal e como me comprometín o pasado martes, logo de me ter deixado levar por unha historia do Camiño que me pareceu fermosa e que considerei que debía compartir con vostede, retomo agora o motivo polo que inserín o titular daquela columna (a credencial do peregrino) e volvo -nunca mellor dito- sobre os meus pasos para retornar ó camiño polo que realmente quería transitar, cousa que me dispoño a facer de contado.

Se vostede segue o devalar desta columna con certo tino, terase decatado de que nas últimas semanas son varios os artigos nos que me teño ocupado do Camiño de Santiago e dun xeito especial do tramo que transcorre pola miña vila de Celanova entre Braga e Ourense e que por mor dunha eiva do Xacobeo de 1993 non foi considerado como tal no mapa oficial da Xunta, cousa que nos trae, ós que cremos na súa realidade, co bico mirrado dende hai máis de dúas décadas.

Como xa teño escrito noutras ocasións, son innumerables as referencias que ligan a historia da miña vila co culto ó apóstolo e que me levan a afirmar frecuentemente, con certa dose de paixón e non menos de vehemencia, que, salvando contadas excepcións, probablemente non haxa en toda Galicia ningunha vila máis compostelá ca Celanova. De aí que os responsables da "cousa" xacobea, ó opoñerse pola vía do "silencio administrativo" á inclusión do mesmo no mapa oficial dos Camiños, teñan caído en máis dunha contradicción certamente significativa e que paga a pena subliñar para que se vexa.

Se vostede fixo algunha vez fixo algún tramo do Camiño por calquera dos itinerarios que forman parte da rede oficial recoñecida pola Xunta ou, de non facelo, saiba dalgún familiar ou coñecido que o teña feito, é moi posible que teña tido na man a denominada "Credencial do peregrino", que ven a ser algo así como un políptico de cartón de peto que por unha das súas caras reproduce unha táboa destinada a ser impregnada cos distintos carimbos que lle irán selando a medida que vaia cubrindo etapas e que en Santiago lle servirán de certificado ou aval para que lle sexa entregada a Compostela; e pola outra, un gran mapa de Europa coa extensa rede de camiños que, coma unha malla, parten das terras máis alonxadas da Unión Soviética e van artellando todo o mapa ata rematar na praza do Obradoiro.

Pois ben, se a tivera a man (e, senón, pode consultala en internet) e reparara nesa rede interminable, poderá ver que no tocante ós camiños portugueses hai unha liña que comunica Braga con Ourense e que, de non ser unha liña aérea, tería que pasar inexorablemente pola Baixa Limia e Celanova.

É dicir, que, por non sei que teima historicista ou purista porfía, levan décadas negando unha evidencia que graficamente eles mesmos (e por extensión o Cabido, que é o que as expende) publicitan.

Te puede interesar