Opinión

Que pensaría Castelao?

Andaba cavilando eu, estes días de cicloxénese independentista, tanto sobre o pensamento de moitos referentes históricos ós que a miúdo nos amarramos para reforzarmos o noso propio pensamento sobre este ou aquel asunto -xa sexa ideolóxico, filosófico ou mesmo simplemente literario-, como sobre a vixencia destes pensamentos terían ou non terían data de caducidade, cando unha iniciativa popular levou ó hemiciclo do Hórreo de novo ó inmorrente Castelao.

Matinaba eu, estes días de treboada nacionalista española e separatista catalá (mentres uns mentaban a Unamuno, Ortega y Gasset ou Castelar e outros a Cambó, Companys ou Maciá) en todo iso, cando a información aparecida nos medios sobre a sesión parlamentario-popular me fixo ir á fonte orixinal co fin de ler o diario de sesións e saber de primeira man cal era o obxectivo concreto da demanda social que a exparlamentaria Pilar García Negro defendía sobre o patrimonio do polígrafo rianxeiro, dado que o ata aquel momento todo canto lera nos medios non dera saciado a miña curiosidade.

Entón din co documento explicativo da exposición de motivos da iniciativa lexislativa popular e vin que o que realmente reclaman, en síntese, é que a Xunta de Galicia leve a cabo a dotación dun espazo expositivo onde se poida concentrar toda a obra do autor de Sempre en Galiza e logo deseñe unhas políticas transversais de divulgación da mesma, en toda a súa magnitude, tanto nos centros escolares como á sociedade en xeral. Nada que obxectar. Se tal, algo sobre os aspectos formais do documento, pouco elegantes, por dicilio dun xeito suave, pois non é de moito recibo darlle primeiro un pao a quen lle estás pedindo o apoio a unha iniciativa e logo, co lombo aínda quente, esixirlle que che siga a corrente sen rechistar.

Nada din, tampouco, da súa casa familiar. Esa que está situada na Rúa de Abaixo da súa vila natal e que agora xa está en mans do Concello -ou a piques de estar-, se é que non estou mal informado.

Pois ben, como andaba con esas lerias no pensamento, ó ensarillar unhas ideas con outras ocorréuseme pensar nunha perogrullada que lle paso a comentar porque se cadra é un pouco máis profunda do que aparenta e igual nos debería facer reflexionar a miúdo cando decidimos botar man de pensamentos escritos ou pronunciados noutrora, pois, se cadra, o mesmo que os pronunciou dentro do marco dun determinado momento histórico, hoxe, mergullado noutro hábitat diferente e nun entorno histórico e social radicalmente diferente, poida que non pensara o mesmo do que nós nos estamos a apropiar.

Pregunto, pois, para rematar: Alguén sería quen de sentenciar qué pensaría Castelao hoxe en día -se fose presidente da Xunta- sobre o “problema” catalán?

Te puede interesar