Opinión

Un ruso de Vilanova

Hai uns días, por mor da necesidade de actualización dalgúns conceptos que xa tiña esquecidos, botei man dun libro que gardo nun dos andeis da miña biblioteca, publicado hai xa algúns anos sobre o proceso de recuperación e apertura ó público do Teatro principal de Ourense.

A casualidade que a veces é especialmente caprichosa levoume a ler un texto escrito naquel momento polo apreciado e lembrado Luís Rivas Villanueva no que relataba algúns dos pormenores históricos vividos polas paredes do teatro ó longo do máis de século e medio de permanente apertura ó público, que me chamou a atención por anecdótico e que por esa mesma razón paso a rescatalo para a actualidade co fin de que pase un momento de lectura intranscendente, que seguro ha de agradecer, benquerido lector.

A dicir de Rivas Villanueva, facéndose eco dun texto histórico anterior de Núñez Bua, nunha época do Ourense finisecular decimonónico seica erna comúns os denominados espectáculos rusos, que atraían a moito público e sorprendían á veciñanza "polos seus efectos de ilusión, traballos mecánicos e cadros históricos, hipnotismo, baile, etc., case sempre dirixidos por coreógrafos de nome italiano".

E neste sentido conta Rivas Villanueva que "nunha ocasión o Circo Feijóo chegou un día a Compostela cun domador famoso chamado o Capitán de Cosacos Mendoff, que facía traballar na mesma gaiola de ferro a leóns e tigres. Armado de pistola e galla de ferro, o rubio e forte domador ruso traía fritos e disciplinados ós reis da selva. Un fato de estudiantes no café Colón falaban do valor do domador, disentindo de todos eles Xaime Quintanilla, quen fora despois alcalde do Ferrol. Coa debida autorización, na función da noite, invitaron ó estudiante de medicina para que entrase na gaiola e abandonase a grada, e houbo unha grande ovación para o estudiante. Ao entrar, o domador ruso preguntoulle ó estudiante:

- ¿Vostede de onde é?

- Eu, do Ferrol. E vostede?

- Gárdeme o segredo. Eu son de Celanova, da aldea que Curros fixo famosa, Vilanova dos Infantes.

- E por que se fai pasar por ruso?

- É cousa do director do circo, don Secundino Feijóo, que tamén é de Vilanova. Lévase que os domadores de feras teñan nome ruso ou inglés. ¡Caralladas!

Xa ve, benquerido lector, que aquilo que posteriormente escribiría Celso Emilio Ferreiro, de "onde o mundo se chama Celanova" a veces non só se converte nun feito empírico certo, senón que o mundo case se acaba por facer pequeno. E iso é porque sendo un de Celanova -ou de Ourense, poderiamos dicir na semana grande da ourensanía, que eu sigo reivindicando coma un símbolo do que todos debemos sentirnos orgullosos- un pode ser de calquera lugar do mundo.

Te puede interesar