Cando o personaxe devora ó cargo

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 17 oct 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Hai uns días, lin unha entrevista publicada neste xornal na que o actor e director, Jaime Lorente, salientaba unha idea que espertou a miña curiosidade: “Se un personaxe se come a túa identidade, se traballa ou che acaba pasando factura”. Semella que o premiado na edición número 31 do Ourense Film Festival, referíase tanto á relación que se establece entre o actor e os papeis que interpreta coma ós límites, ás veces moi difusos, entre aquilo que un é e os carácteres dos personaxes que representa. Recoñezo que tal afirmación fíxome meditar porque, entre outras cuestións, sooume a un déjà vu, a unha sorte de trasunto do que estamos a vivir hoxe en día na cidade de Ourense. Vaia por diante que me prezo de vivir na realidade das cousas e que, polo tanto, son moi consciente de que, como acontece noutras facianas da vida, tamén na política hai personaxes; isto é, representantes públicos que, con máis ou menos fortuna -incluso con maior ou menor dignidade-, desenvolven un papel que, coidan eles, aumentará a súa visibilidade, sona e notoriedade, no folleto estucado das redes sociais.

Con todo, o preocupante desta actitude -ou, cando menos, o máis preocupante-, non radica no feito de que o papel representado degluta a identidade de quen o desenvolve -alá co que cada un faga da súa vida-; o realmente grave son as posíbeis consecuencias que poden sufri-los veciños no caso de que o personaxe remate por dilapidar tamén o cargo que ostenta e, coma corolario, afecte negativamente ó exercicio das súas obrigas e responsabilidades. Vén sendo algo así como a vida ó revés, unha especie de inversión perversa de roles no cadro de Goya: Saturno devorado polo seu propio fillo.

Hai tempo que repito unha idea sobre o alcalde de Ourense: Gonzalo Pérez Jácome, o teu personaxe estase a come-lo cargo.

Pola contra, eu sempre apostei pola naturalidade; “O que vedes, é o que son”, cantaba Yosi naquela reflexión dos Suaves sobre a mala sorte. Quizabes, aí radique a razón de que me incomode tanto cando observo como a política comeza a se parecer demasiado a unha representación teatral ou ben, a un filme proxectado para que o veciño consuma, no máis amábel dos casos, sentado diante dunha pantalla, ben acomodado na butaca e cunha bolsa de peperetadas na man. Por que así como defendo o realismo como principio básico e esencial do exercicio da política e mais do bo goberno, tamén entendo que os representantes públicos estamos obrigados a observa-la realidade de fronte e con seriedade ó tempo que atopámo-las solucións precisas para os problemas e as expoñemos sen artificios, sen excitantes e sen escenografías, ás veces, innecesarias. Penso que falamos de cousas moi serias como para convertelas nun espectáculo groseiro e a cidade de Ourense, sobre a que escribo, é demasiado importante para tratala coma un escenario burlesco no que, a xeito de curral castizo de comedias, se representa cada día un sainete histriónico ó estilo dos de Arniches ou ben, na liña dos irmáns Álvarez Quintero.

Hai tempo que repito unha idea sobre o alcalde de Ourense: Gonzalo Pérez Jácome, o teu personaxe estase a come-lo cargo. Abofé que non me refiro ó seu carácter persoal, senón a unha forma de entende-la responsabilidade institucional na que a posta en escena obtén moito máis protagonismo que o exercicio práctico da cousa pública. Consonte a isto, os ourensáns asistimos acotío, no pleno e nas redes, ó denigrante espectáculo que nos ofrece unha praxe política municipal desenvolvida con base nos exabruptos, as excentricidades, os insultos e as polémicas, mentres os nosos problemas concretos como urbe quedan relegados a un triste segundo plano, no mellor dos casos.

Non debemos esquecer endexamais que os alcaldes e os gobernos, pasan; pero a cidade das Burgas permanece, coma leva facendo impertérrita dende hai moitos séculos. Porén, sexamos conscientes de que cando a alcaldía se converte no escenario privado dun personaxe que ofusca o entendemento do actor, a factura non a paga el: acabámola pagando tódolos veciños.

Contenido patrocinado

stats