Opinión

135 anos con Florentino Cuevillas

Mota da Meda, megálito de Leboreiro escavado por Cuevillas en 1925.
photo_camera Mota da Meda, megálito de Leboreiro escavado por Cuevillas en 1925.

Mañá será 14 de novembro. Tal día, pero en 1886, nacía en Ourense Florentino López-Alonso Cuevillas. Cuevillas entre os arqueólogos e don “Floro” para os seus amigos e achegados. Foi nun domingo, en tempo de magostos. Na Historia raramente existen casualidades. Máis ben constátanse causalidades. O caso é que o 1 de outubro do mesmo ano ve a luz en Santiago de Compostela o diario “La región Gallega”, dirixido por Manuel Murguía. O 1 de maio producíronse os sucesos de Chicago, cando ducias de obreiros morreron por causa dos disparos da policía cando reclamaban a xornada de oito horas. Eses feitos deron orixe ao “1º de Maio” como “Día Internacional dos Traballadores”. O 21 de outubro -seguimos en 1886- o presidente Cleveland inauguraba a Estatua da Liberdade. E o día 19 en Madrid, o Xeneral Villacampa, natural de Betanzos, protagonizaba un infrutuoso pronunciamento republicano. Foi un ano convulso e que anunciaba tempos difíciles, pero sen dúbida moi afortunado para Galicia e para Ourense. Cuevillas nacía no edificio número 77 da rúa do Progreso, nun Ourense onde forxa a vocación de prehistoriador e, como método para buscar datos de campo directos para investigar, como arqueólogo.

E iso que a formación académica de Cuevillas foi de farmacéutico. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, e licenciouse en 1906. Pero sabemos que a súa vocación e querenza intelectual eran os estudos históricos, o que o conduciu a cursar despois Filosofía y Letras en Madrid, aínda que non rematou a que sería a súa segunda carreira. Seguramente esas inquedanzas tiveron que ver co maxisterio recibido de Marcelo Macías, de quen foi alumno no “Centro Provincial de Instrucción” do Posío, xa saben o actual “Otero Pedrayo”. Marcelo Macías fora impulsor e Presidente da “Comisión de Monumentos de Orense”. Cuevillas continuou nese ambiente intelectual coa participación nos faladoiros temáticos da botica de Temes, onde departía con membros desa comisión. A súa primeira publicación arqueolóxica foi no ano 1921, dedicada á mansión viaria romana de Aquis Querquennis. A partires de entón, a actividade investigadora foi imparable. Comeza a escavar, fundamentalmente monumentos megalíticos e castros, que utilizará como fundamento para as sínteses da prehistoria de Galicia. Fórmase continuamente con lecturas e contactos directos con investigadores da súa época. Entre as lecturas destacamos as de Mendes Correia, e Leite de Vasconçelos sobre arqueoloxía portuguesa; do irlandés Macalister, que primeiro se dedicou a analizar a arqueoloxía bíblica e logo o mundo céltico irlandés; do inglés Leeds, experto en relacións atlánticas; do sueco Aberg, que investigaba sobre a primeira idade dos metais, ou do paleontólogo austríaco Hoernes. Esencial para a súa sólida formación foi a estreita relación intelectual con investigadores da talla de P. Bosch Gimpera e L. Pericot. Ese intento constante de sistematizar a Prehistoria de Galicia o conduce a participar na fundación da revista Nós, en 1920, e a dirixir a Sección de Prehistoria do Seminario de estudos Galegos dende a súa fundación, en 1923. El xa non está aquí. Abandonounos corporeamente o 30 de xullo de 1958, cando faleceu na súa casa da rúa número 10 de Santo Domingo. Mais hoxe perdura a inmensa obra que nos legou sobre os tempos prehistóricos, 135 anos despois que Cuevillas dera os primeiros pasos polas rúas do seu querido Ourense.

Te puede interesar