Opinión

A catedral e a estación

Catro foron os episodios que deron forma a Ourense: unha topografía propicia como nó de comunicacións, as augas termais sacralizadas, a condición de sé episcopal e a categoría de capital de provincia. As dúas primeiras vémolas decisivas para o nacemento. Que acollera as cadeiras de bispos e autoridades civís, foron consecuencia do seu devir. Os símbolos máis notorios do seu pasado gozan de boa saúde no imaxinario colectivo. Non entenderiamos Ourense sen As Burgas, a Ponte Vella e a Catedral. Tampouco sen o Pazo Provincial, os antigos Goberno Civil e Militar, Correos ou o primeiro instituto de ensino. Eses edificios que caracterizan á cabeza da provincia, eran case os únicos referentes administrativos antes do estado das autonomías.

Permítanme que compare dous deses fitos, un do pasado e outro do futuro inmediato. Comezo pola catedral. Mellor deberiamos dicir complexo catedralicio, porque a sé episcopal non era un edificio illado, se non un conxunto edilicio do que tamén conservamos o pazo episcopal, dedicado a Museo Arqueolóxico dende 1951. Cando no s. XII comezan as obras do complexo, a cidade medra cara o norte. Antes, a urbe romana ía preferentemente dende o Posío ás Burgas e á praza da Madalena. Observen a catedral. Sabemos que dende o medievo, algunhas rúas experimentaron modificacións, pero no esencial conservan a traza. E o templo maior ordena o entorno urbano que a rodea. Contribuíu a deseñalo. O impoñente edificio non se limitou a acoller as actividades litúrxicas, se non que construíu e rexenerou esta parte da cidade. Bos exemplos son o comercio e o artesanado que medrou á súa sombra, como na actual rúa de Lepanto -antiga rúa da Obra en relación coas da catedral-, na rúa da Paz -dos Zapateiros- ou na das Tendas. A catedral transcendeu a función relixiosa, actuando como motor de rexeneración urbana, favorecendo rúas perfectamente ordenadas -Paz, Lepanto, Fornos- que conflúen polo norte na praza do Ferro e a saída da cidade. Polo sur, Hernán Cortés, Liberdade ou a prolongación da rúa das Tendas cara a Praza Maior, facilitan o tránsito e saída no sentido sur. As dúas rutas urbanas máis longas, Santo Domingo con Lepanto e Cardenal Cisneros con Hernán Cortés e Julio Prieto conflúen, acaso simbolicamente, no altar maior.

E a Estación Intermodal? No pasado o carácter viario representábao a Ponte Vella; máis ese importante papel recae agora na Estación Intermodal. Representan, respectivamente, un poderoso símbolo dun pasado orgulloso, fronte a un futuro incerto. A nova estación irrompe na cidade. Foi a oportunidade de rexenerar espazos, de coser rúas cun encaixe agora difícil e complicado e que a nova infraestrutura vai afastar definitivamente con muros, paneis e valados infranqueables. Unha obra desa magnitude nunca debería resumirse urbanisticamente nun mero apeadoiro. Cal é a diferenza cunha catedral con oito séculos de historia? É incuestionable que a cidade de Ourense gañou coa construción do complexo catedralicio. Certamente, a cristianización da topografía urbana na Idade Media mellorou, valga a redundancia, as cualidades urbanísticas. A visión diacrónica que permite a historia dinos que a nova estación non naceu dunha reflexión en clave urbana. Non podemos evitar unha estraña sensación de inquedanza alimentada por esta hipoteca para o urbanismo que a nosa xeración lega aos ourensáns do futuro. Nuns anos, os historiadores dirán.

Te puede interesar