Opinión

Centros históricos

Ourense a mediados do século XIX (plano de F. Coello)
photo_camera Ourense a mediados do século XIX (plano de F. Coello)

Hay ciudades que se organizan alrededor de un núcleo, que muchas veces es un santuario, matriz y corazón al mismo tiempo, y que se desarrollan y crecen en zonas concéntricas como los troncos de los árboles, pero hay otras, en cambio, que dejan a un lado, desde muy temprano, su trivial, punto de origen…. Santiago, nacido y apiñado en torno al sepulcro del Santo Apóstol, es un claro ejemplo de las ciudades del primer tipo, y en el segundo encaja perfectamente nuestro Ourense, nacido en las calientes aguas de las Burgas, vuelto pronto de espaldas a ellas” (Florentino Cuevillas: “El Corazón de la Ciudad”. La Región)

Os sinais das estradas soen ser simbolicamente moi efectivos. Se deparan na autovía A-52, a saída ao centro da cidade indícase cun símbolo formado por circos concéntricos que rodean un punto central. Non deixa de representar unha idea moi común que temos sobre o desenvolvemento urbanístico das cidades: as urbes nacen nun lugar “fundacional” e, co tempo, van medrando ao redor del. Deste modo, considéranse os centros históricos o cerne, unha sorte de big-bang urbano que se expande cara ao exterior no paso dos séculos. Máis non todas son iguais. É fermoso e significativo o parágrafo de Cuevillas que nos serve de prólogo. Afortunadamente a investigación avanza e con iso pode matizar, mesmo variar conceptos que dábamos por válidos. As ideas que expón o xenial arqueólogo ourensán son o froito de observacións e reflexións moi atinadas, baseadas nos datos que tiña ao seu dispor cando escribiu o artigo que antes citamos. Dende entón leváronse a cabo bastantes escavacións arqueolóxicas en Ourense que, unidas aos documentos que se conservan no arquivo histórico, permiten construír unha teoría razoable de como foi evolucionando a cidade dende o seu nacemento. Só así sabemos que As Burgas non foi o único lugar topográfico que deu orixe a Ourense, porque outros sitios -a praza da Madalena, O Posío ou o solar Pompeo- ofrecen datas tan antigas como os restos que apareceron xunto ás fontes termais, sinalando á súa vez os límites da cidade romana. Dende este punto de vista, todos os vestixios que citamos son significativos. Tamén xeodesicamente extremos. Cos datos que agora temos, situariamos o centro da cidade romana no entorno da praza da Imprenta, aproximadamente xunto á rúa de Colón.

O tamaño destes escritos que lles ofrezo cada sábado, non permite estendernos máis. Pero non podo pasar por alto que a cidade medieval, que se desenvolve aproximadamente entre os séculos VI e XV, non medra exactamente sobre as ruínas da romana. Tan só se superpón parcialmente a ela desprazándose cara ao norte, aproximadamente dende a abadía da Trindade ata case a igrexa de Santo Domingo. O sector de coincidencia máis notable dos dous Ourenses, romano e medieval, é precisamente o conxunto que ocupa o complexo catedralicio, esa “acrópole episcopal” que se ergue entre a catedral de San Martiño e o pazo bispal, e que hoxe dedicamos a museo arqueolóxico. Abonden estas liñas para comprobar como Cuevillas partía da idea do crecemento diferencial entre cidades para comprender o urbanismo histórico de Ourense, pese a que non existían as escavacións que agora coñecemos. Tamén para que vostedes poidan observar como a nosa cidade foi mudando a localización do seu centro histórico urbano.

Te puede interesar