Opinión

Dolmens e solsticio de inverno

Solsticio de inverno na Casola do Foxo, Muíños.
photo_camera Solsticio de inverno na Casola do Foxo, Muíños.

O próximo martes é 21 de decembro, data que no hemisferio norte marca o solsticio de inverno, a noite máis longa que precede ao día máis curto do ano. Sinala o comezo o inverno, que en 2021 iniciarase, segundo os datos do Observatorio Astronómico Nacional, ás 15:59 horas UTC -”Coordinated Universal Time”- na península. Solsticio, palabra que se utiliza para as posicións do sol nos inicios do inverno e do verán -fronte aos de equinoccio, que preceden ao outono e á primavera- procede do latín “solstitium”, ou “sol statum”, sol quieto, porque o astro rei parece non mudar a súa traxectoria.

A idea de que o solsticio de inverno se caracterice pola noite máis longa e o día máis curto puidera estar a representar unha aparente alegoría negativa, posto que para a maior parte das culturas do planeta a noite representou os aspectos máis adversos, incluso a morte. Pero realmente non e así. O feito de que sexa a noite máis duradeira e o día máis breve tamén indican que a partir do solsticio de inverno as noites comezan a decrecer e os día a medrar, característica que no decurso da historia lle outorgou un forte simbolismo de vida, de renacemento. Tanto é así que as festas relixiosas que se aproximan, o Nadal, ten a súa orixe nun rito romano anterior, a festa do “Sol Invictus” -sol invencible-, que se celebraba no solsticio de inverno. Pero foi a partir da liberdade de culto promulgada polo emperador Constantino cando se empeza a celebrar como festa cristián, aparecendo por primeira vez no século IV. Na centuria seguinte a festa do Nadal queda instituída oficialmente, substituíndo á do Sol Invictus.

Pero en Galicia, como na maior parte da fachada atlántica europea, temos ritos moi antigos en relación co solsticio de inverno que, segundo supoñemos, agachan algún tipo de crenzas ao respecto. Os dolmens, tumbas prehistóricos que se edifican no Neolítico, a partir do V milenio AC, manteñen unha peculiaridade construtiva. Todos os que coñecemos teñen as portas das cámaras funerarias orientadas cara o sueste. Incluso as que non teñen un acceso convencional, porque adoptan a forma de pequenas caixas de pedra alongadas con tapas tamén de lousas, ser orientan lonxitudinalmente na mesma dirección. As medicións efectuadas indican que todos os dolmens coñecidos se edificaron coas súas entradas mirando á saída do sol no solsticio de inverno. Non sería estraño que estes monumentos funerarios, erixidos polos case máis antigos agricultores europeos, agachasen o significado simbólico de renacemento, dunha resurrección que cada solsticio de inverno canaliza cara ao interior dos sepulcros a forza dos raios dun sol que comeza a renacer, a fortalecerse progresivamente a partires dese día. Uns raios que tamén nese amañecer inciden na lousa da cabeceira do dolmen, oposta á entrada, a primeira en erixirse e das máis grandes de cada monumento. Iso tamén ocorre, ano tras ano e a gran escala, no enorme megálito irlandés de Newgrange. Dende o punto teórico, a edificación dos dolmens en inverno sería unha boa estratexia para grupos de agricultores, posto que a construción era un traballo colectivo que sería facilitado nunha estación na que os traballos agrícolas son escasos, quedando liberada moita man de obra. Sexa como fose, deséxolles un Feliz Novo Ano Megalítico.

Te puede interesar