Opinión

A Forma Urbis e o Plan Xeral

Fotografía aérea de Ourense en 1985.
photo_camera Fotografía aérea de Ourense en 1985.

Ourense, desafortunada-mente, conta con escasos planos da cidade enteira. Polo momento o máis antigo é o do militar Francisco Coello, impreso en Madrid en 1856. Como dato curioso debemos indicar que, por algunha información que contén, aproximadamente reproduce a cidade de dúas décadas anteriores. Non perdemos a esperanza de que un día, nalgún arquivo particular, apareza outro anterior. Roma, urbe e imperio referente para a entrada na historia da Europa occidental aparece representada nun plano dos inicios do século III d. C. denominado Forma Urbis. Creouse na época do emperador Septimio Severo, entre os anos 203 e 211 d. C. Aparecían as plantas dos edificios da cidade imperial nun enorme plano de dezaoito por trece metros, formado por cento cincuenta placas de mármore. Os edificios, tanto monumentais como máis modestos, estaban ben detallados, tanto os templos como as termas ou as insulae. Incluso algún contaba co nome que o identificaba. 

O emperador, de orixe púnica-bereber, deu un importante pulo arquitectónico a Roma, realzando o  Palatino coa fonte Septizodium, que dedicou aos sete astros principais, ampliou o pazo imperial e comezou a construción das termas que despois remataría Caracalla, coñecidas polo nome deste último. Ademais restaurou numerosos edificios deteriorados durante o mandato de Cómodo, entre eles, o Teatro de Pompeio, o Pórtico de Octavia, o Arcus Neroniani ou o Templo da Paz edificado, como ben saben, no Foro de Vespasiano tras conquistar Xerusalén. Precisamente nun muro dese templo dedicado á Paz -non á nosa idea de Paz, se non á “Pax Romana”- situou Septimio Severo a Forma Urbis. No medievo foi destruída progresivamente e subtraídas as placas de mármore que o compoñían para facer cal de construción, aínda que se conservou aproximadamente o dez por cento do plano. Nós non tivemos a fortuna de ter algo semellante para Ourense. Pero o pasado foi como foi e non ten volta atrás. Mais si podemos construír para o futuro unha Forma Urbis de Ourense que nos ofreza un desenvolvemento urbanístico harmónico e coherente, tanto na idea de cidade como nas lexítimas aspiracións de uso cidadán e de motor económico. Unha planificación que priorice espazos para uso e aproveitamento dos habitantes; que cree parques empresariais e industriais sen que os nosos emprendedores teñan que marchar a outros concellos, que propicie a transformación da ruda construción en arquitectura de calidade, engadíndolle valor á cidade que herdamos século a século; que elimine esas medianeiras que inevitablemente produce unha planificación eternamente inconclusa; que non necesitemos ir a Cáceres, Florencia ou Carcasona para ver cidades históricas conservadas, mentres aquí todas as preexistencias parecen estorbarnos cando deseñamos o noso hábitat urbano.

Todo iso xa se soubo facer noutros momentos históricos e faise imprescindible que o retomemos no presente. Teñan por seguro que o coñecemento do pasado non é un hobby para momentos de ocio, se non unha lección de futuro. A ver se agora, avanzado o presente século XXI do terceiro milenio d. C., Ourense consigue sacar adiante o inaprazable Plan Xeral de Ordenación Municipal, a imprescindible Forma Urbis que guiará a evolución da nosa cidade nas próximas décadas. Unha planificación inevitablemente esencial tanto para o desenvolvemento cidadán, como para promover unha economía que tanto urxe e concilie coa protección o patrimonio cultural e medioambiental que herdamos.

Te puede interesar