Opinión

Sepulturas romanas na cidade

Os niveis arqueolóxicos urbanos máis antigos de Ourense son romanos. Remóntanse a décadas avanzadas do século I d. C. Así parecen mostralo as escavacións realizadas. Pese a que pouco a pouco o vamos definindo, o Ourense romano aínda nos é bastante descoñecido. Estamos a delimitar a extensión que, como lles contaba noutras ocasións, circunscríbese entre a praza da Madalena, As Burgas e O Posío. Pero os restos arquitectónicos soen aparecer notoriamente deteriorados, razón pola que non estamos en condicións de trazar un plano das rúas e, menos aínda, dos edificios e outros espazos.

Ourense romano e as sepulturas descubertas
Ourense romano e as sepulturas descubertas

Sen embargo, cando intentamos comprender a organización urbana creada por Roma e que deu orixe a Ourense, unha cuestión non deixa de contradicir a idea xeneralizada que temos sobre algúns usos e costumes do pasado clásico: o descubrimento de tumbas no medio do espazo habitado. Algunhas incluso se superpoñían sobre as ruínas de edificios algo máis antigos, tamén romanos. Ían aparecendo diseminadas. Polo momento todas de épocas xa moi avanzadas, a partires do século IV d. C.: no Posío, no adro da igrexa da Trindade, en solares do entorno da praza de Saco e Arce e das rúas Dous de Maio e Liberdade. Xunto con estas, tamén apareceron nas Burgas, no solar do Museo arqueolóxico e na praza da Madalena. Ás anteriores, debemos engadir as que escavou Vicente Risco na rúa de García Mosquera. Era sorprendente, non porque non ocorrera noutras cidades, se non porque un dos aspectos que caracteriza ao mundo antigo clásico é a creación de necrópoles, é dicir, situar os lugares funerarios fóra dos núcleos habitados. Seguramente que vostedes escoitaron falar dos mandatos da Táboa X da Lei das Doce Táboas, aquel conxunto de leis da Roma republicana escritas, nada menos, entre os anos 451 e 450 a. C. Esa Táboa X, sobre Dereito Sacro, prohibía inhumar e incinerar cadáveres dentro do recinto das cidades -“Hominem mortuum in urbe ne sepelito neve urito”-, tanto para preservar a salubridade pública como para evitar os incendios. Sen embargo, as tumbas seguen a aparecer no espazo habitado, aínda que sexa en momentos que anuncian o fin do mundo romano, nunha situación universal que parece preludiar unha fase de decadencia das cidades. En varias publicacións arqueolóxicas anteriores diciamos que existía a posibilidade de que nesas etapas tardías do imperio romano, as edificacións parecían abandonarse, substituíndose por zonas de enterramento, vendo como as tumbas van invadindo a cidade. A cuestión é se o uso sepulcral de espazos antes habitados implica o abandono da poboación de grandes áreas urbanas, ou se pola contra poden convivir mortos e vivos. Este aspecto é moi importante, porque nos permitirá concluír se partes da cidade van sendo substituídas ou non por cemiterios, é dicir, se se contrae ou se segue habitada xunto ás sepulturas.

Para iso podemos acudir ao “Digesto”, a normativa incluída na compilación do emperador Xustiniano do ano 533 d. C. Esta consideraba que unha das formas de violar unha tumba, era edificar o aleiro dun tellado sobre ela. E se é necesario regulala legalmente, é que debía ser unha conflito frecuente. En todo caso, as sepulturas aparecen dentro do perímetro que propoñemos para a cidade romana en momentos xa moi tardíos, e de transición cara un novo mundo: a Idade Media.

Te puede interesar