Opinión

O xugo, as frechas e os Correxedores

Escudo das Casas Reais na Praza do Correxedor 11.
photo_camera Escudo das Casas Reais na Praza do Correxedor 11.

O 30 de xullo de 2022, nesta mesma sección do diario La Región, trataba sobre os problemas para aplicar o artigo 15 da “Ley de Memoria Histórica” -titulado “Símbolos y monumentos públicos”-, que ordena retirar escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas do Franquismo. Independentemente da pertinencia da súa aplicación rigorosa ou precipitada, ademais arriscámonos a eliminar outros elementos que conteñen símbolos históricos despois utilizados polo réxime de Franco. Naquel artigo do pasado 30 de xullo, escribía sobre os “vítores”, os símbolos que recollen as letras ”Victor” ou “Vitor”, incluso de “Victoria”. Escribíanse sobre as paredes con pinturas preferentemente avermelladas. Franco o reelaborou e, despois da guerra, utilizouno copiosamente para enxalzar a vitoria militar en 1939. Hoxe falareilles doutro emblema moi recoñecido: o xugo e as frechas, o usado, como saben, pola Falange Española. A composición fora interpretada polo poeta falanxista Rafael Sánchez Mazas deste modo: “Repongamos en el escudo yugo y haz. Si el yugo sin las flechas resulta pesado, las flechas sin el yugo corren peligro de volverse demasiado voladoras”. Mais, como acontecía cos citados “vítores”, o xugo e as frechas non representan exclusivamente á Falange Española, símbolo amplamente utilizado durante o réxime de Franco, se non dunha representación que podemos remontar aos brasóns españois ao século XV, dende o reinado dos Reis Católicos. Na heráldica da cidade de Ourense, tamén contamos con exemplos significativos.

Existe un edificio na esquina sueste da Praza do Correxedor, o actual número 11 -de recente construción-, que ostenta un complexo brasón que un día pertenceu a un edificio máis antigo situado no mesmo solar. A súa complexa estrutura mostra as armas dos reinos de Castela, León, Aragón, Granada, Sicilia, Borgoña, Xerusalén, Hungría, Tirol, Granada e doutras posesións dos reis de España. Aparece timbrado coa coroa real e sostido pola aguia de San Xoán. Á súa dereita e esquerda está flanqueado polo xugo e as frechas dos Reis Católicos, quen constrúen as primeiras casas reais. Delas, nunha fachada próxima, consérvase ademais a inscrición co texto “SIENDO COREGIDOR PoR/SU MAG(estad) EL L(icenciado) BALTaSAR D(e)L(a) FU(en)te/ VERGARA VENTIQUa/TRO DE GRANADA/1620”. O edificio ou edificios en cuestión eran as Casas Reais ou Casas dos Correxedores, funcionarios do rei, instituídos a finais do século XIV polo rei de Castela Enrique III, para representar á Coroa no ámbito municipal e controlar no nome do rei a xestión dos reinos periféricos. Tiñan amplas funcións administrativas e xudiciais, que en Ourense foron detraendo da autoridade do Bispo, quen ostentou o señorío da cidade entre 1122 e 1628. Cando se edificaron esas Casas Reais? Aínda que foron demolidas sen un control arqueolóxico no ano 1988, pola documentación sospeitase que os edificios existían polo menos dende o século XIII, como propoñen Olga Gallego e Francisco Fariña nunha publicación no Boletín Auriense, aínda que descoñecemos se xa se utilizaban como residencia dos Correxedores, feito que si ocorre polo menos dende o século XV, coa nova estratexia de concentración do poder real.

Como ven, a simboloxía utilizada no mundo contemporáneo pode ter orixes moi antigas, incluso prehistóricas, caso da cruz gamada dos nacionalsocialistas alemáns -os nazis- que rastreamos nos pobos indoeuropeos da Idade do Ferro, cuxos significados nada teñen que ver cos totalitarismos da historia europea do pasado século.

Te puede interesar