Opinión

NOVAS SOBRE A CATEDRAL DE SAN MARTIÑO, EN OURENSE

A nosa fermosa Catedral de San Martiño permanece esquecida por parte das autoridades responsables da súa conservación. O xa centenario xornal La Región do día 29 de abril do presente ano, daba conta polo miúdo dos males que afectaban este buque insignia relixioso da nosa cidade. Ao visible mal estado do Pórtico do Paraíso se suman as filtracións das augas pluviais provenientes da cuberta exterior que rodea ao ciborio o que ocasiona evidentes e perigosas humidades nas pilastras de sustentación da airosa cúpula gótica, obra senlleira de mestre Rodríguez de Badajoz.


Por outra banda, como consecuencia da adversa climatoloxía do pasado inverno ao que se suma un exceso de excremento provenientes das pombas, atrancaron ou taponaron parcialmente as canalizacións de desaugue das cubertas do edificio, aparellando importante humidades que están a afectar notablemente ás diversas capelas con seus correspondentes retábalos existentes en torno á xirola. O mal da pedra que ataca de xeito grave ao granito brando, material empregado na construcción deste magno edificio, comeza a amosar os seus efectos máis visibles localizados preferentemente, tanto nas dúas portas de entrada, sur e norte, como no baseamento do Pórtico do Paraíso ademais de nas escaleiras de acceso ao campanario.


A sancristía maior é outra das asignaturas pendentes de aprobar polo Executivo galego No último informe ou memoria da situación real do templo encargado pola Xunta se consideraba como 'urxente' a correcta eliminación das perigosas e visibles humidades existentes no interior do recinto relixioso, ademais dunha mellora nas canalizacións e desaugadoiros. 'Do dito ao feito, vai un treito'. A espera dun novo informe que de conta e confirme a realidade actual das necesidades máis urxentes a realizar na cátedra de San Martiño, o que motivará un novo atranco, os ourensáns vemos con tristura, unha vez máis, o incumprimento do inicio de tan necesarias obras de restauración de este importante Monumento Nacional antes do inicio dunha climatoloxía adversa. Converter a cidade das Burgas en un destino de calidade implica o coidado e a protección de todos e cada un daqueles elementos singulares con que conta unha cidade ou a súa provincia. Unha mala imaxe dun monumento, sobre todo unha catedral que ten por decoración dos seus muros e patios unha frondosa e exuberante vexetación, indubidablemente defraudará as expectativas de todo aquel turista que se achegue a coñecernos.

Te puede interesar