Xabier R. Blanco
Apúntate a "Voxeo"
Ía oufano conducindo a toda velocidade por unha estrada estreita e de curvas pronunciadas, ao mirar á dereita, zas! Alá foi, despois de cruzar a estrada, polo barranco da esquerda. A el non lle pasou nada e ao coche, arranxado e pintado de novo, notábaselle marcadamente que rodara por fóra do carril. As portas traseiras non abrían e a dianteira do lado do condutor, tampouco. A porta da dereita quedou fechada para sempre, inutilizada por culpa do golpe contra a parede do fondo da carricova.
Decontado, aos poucos días ou ás poucas horas, volve na dirección contraria o mesmo home, conducindo un coche carrozado de novo. Neste caso, ao pasar polo mesmo sitio, mirou á esquerda e outra vez vai fóra, agora, pola dereita, ao carón do mesmo barranco. Foi neste mesmo instante cando o experimentado condutor se decata de que non hai que mirar para un só lado. Con toda a firmeza e con toda a esperanza do mundo na mirada, cómpre estender a vista tanto como dea de si, á dereita e á esquerda, mirar para adiante e sempre con atención ao que vén despois.
Non se pode mirar para o outro lado, menos aínda no campo da política. A seguridade na mirada é a seguridade na camiñada, no andar e no triunfar. Está directamente relacionada coa capacidade de escoitar, de entender e de elixir o camiño. Os políticos deberían sabelo e practicalo, pero as cousas son como son, e as mulleres e os homes descorren e pensan como pensan e actúan, as máis das veces, en función das súas consideracións, con razón ou sen ela.
O campo da política? Onde remata este territorio? Poida que toque extremo cando as emocións tropecen cos orzamentos, cando a guerra sexa exclusivamente de propaganda, cando de ideoloxía non quede ren e as persoas en acción política miren para o outro lado, ou unicamente para o seu lado. Daquela toca fin e cómpre empezar de novo.
Así que bonito é, empezar de novo sempre que se poida e ata cando se poida. Unha e outra vez. Unha e mil veces coas emocións renovadas e acendidas, sabendo que “intelixencia é a capacidade de dirixir ben o comportamento, elixindo as metas, aproveitando a información e regulando as emocións”. A Tía Manuela tamén comparte o dicir de José Antonio Marina e prega que sexa para ben, sen máis.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Toño Alfaro
FÚTBOL SALA FEMENINO
El Ourense Ontime, sin confianzas para recibir al Penya Esplugues
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, sábado 28 de febrero?
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este sábado, 28 de febrero, en Ourense
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Sábado, 28 de febrero