Opinión

Onde estarán?

Escribiulle unhas liñas á súa amiga que estaba do outro lado do Atlántico sufrindo, chorando coa rabia que tiña por mor da situación económica daquel país, pola fame que ve vir, pola falta de liberdade da xente, polo pouco traballo, polos prezos dos comestibles, da electricidade, da auga, dos billetes para o transporte, dos produtos esenciais. Estaba aflixida por todo, incluso polo elevado custe do xornal diario, polo que está sendo e polo que virá. 

Deste, o seu país de orixe, non quería falar. “Estou acovardada, amedrentada e anoxada do que escoito e vexo”. Iso de que compañeiros coa mesma almofada, o mesmo cabezal, mesma cabeceira e os mesmos fillos, sexan os únicos capaces para estar alí, “onde se corta a pana”, indica que o seu partido é igual que a súa casa, quizais algo máis pequeno, aínda que para dous, rendible dabondo. 

Eles defenden a igualdade e teñen razón, pero a loita ten que ser continua e esforzada, ten que ser diaria e sen intermitentes, se queren demostralo. A Tía Manuela dio moi ben, “que non fagan como outros que sabemos, que prediquen co exemplo!” 

Querida Perpetua, amiga, estas liñas teñen que ser breves por imperativo formal, pero quero dicirche que o profesional da albanelaría ten que aliñar os ladrillos, en vertical e en horizontal, deixando perfecto o tabique, seguro, limpo e cos acabados ben feitos. Os que andan en tarefas de información teñen que falar do que ven e do acontecido, con veracidade, con seriedade e con espírito e certeza de que a súa é unha acción de servizo público, de grande repercusión, por certo. E, que?

Milleiros e milleiros de persoas traballan no coidado da humanidade, moitos son profesionais sanitarios, aos que lles pretenden pagar con loas. E os políticos, sexan ou non profesionais, teñen nas súas mans as posibilidades de favorecer a deriva. Se, con estratexia ou sen ela, quixeran encarrilar a situación, teríamos outro cantar! 

Malia o demo! Tornarán algún día aquelas ideas fraguadas na igualdade verdadeira? Aquelas que respectan a política soñada e ás xentes que andan nela, como se fosen pólas dun ramallo de servidores públicos, merecedores de parabéns e gabanzas da cidadanía. Meu Deus! Onde estarán?

Te puede interesar