Opinión

Señoras e señores, por favor!

Moi ao principio dos anos setenta do século pasado o cantautor Jei Noguerol fíxose coñecido e famoso con aquela de "Señor ministro, por favor”, unha canción que nunca deixou de estar presente na memoria da xente que ten sentido e sentidiño. Unha mensaxe sincera, reivindicativa e aquelada en tempos pasados e nos de hoxe, Señor ministro, por favor, amáñeme a carretera/ que máis parece un camiño no que non se pode andar sequera. Pasaron moitos ministros e aínda agardamos que chegue quen poida amañala. Jei Noguerol está agora en Barcelona e ben merece unha lembranza e un cariño dende Galicia.

Polos mesmos anos, concretamente en 1973, Mario Benedetti publica “Letras de Emergencia” e naquel libro aparece un poema, “Seré curioso, señor ministro” que máis adiante popularizou Quintín Cabrera e tamén o musicou Alberto Favero e cantou Nacha Guevara. Magníficos versos para aqueles tempos e moi útiles para a reflexión na actualidade, cando no mundo seguen existindo corredoiras, a pesar das modernas e potentes vías de comunicacións informáticas e telemáticas. 

En una exacta foto del diario,

señor ministro del imposible,

vi -en pleno gozo y en plena euforia

y en plena risa- su rostro simple.

Seré curioso, señor ministro,

de qué se ríe, de qué se ríe.

A Tía Manuela tamén quere ser curiosa, “señores e señoras do goberno, de que falan?, señoras e señores da oposición, en que pensan? Ustedes duros con nuestra gente,/ por qué con otros son tan serviles. Cando farán a carretera? Cando pensarán en que o ben da sociedade á que representan é o primeiro? Quen sabe? Mahatma Gandhi afirmaba que “se hai un idiota no poder é porque os que o elixiron están ben representados”, logo xa está, non hai nada que cuestionar nin nada que falar. Será posible?

Os versos e as cancións están aí para fungar e renegar colectivamente, para alentar a oposición ao maltrato, veña de onde veña. Sen esquecer, prezados lectores, que a desinformación é un dos males perigosos da nosa sociedade, capaz de rachala en anacos, de desfacela e aniquilala.  Neste caso convén  outra pregunta, a quen lle interesa esborrallar e esboroar unha sociedade como a nosa?

Te puede interesar